|
Pandeireta
redonda como o Sol e a Lúa, como o ciclo da vida, como
o propio nome de Xiradela. Cando, sendo unhas nenas, estas artistas
de Arteixo comezaron a cantar, non imaxinaban que con Xiradela
viaxarían por media Europa e compartirían escenario
cos Chieftains, Carlos Núñez ou Dulce Pontes.
Mirade se é grande o poder da pandeireta.
Cando, sendo unhas nenas, estas artistas de Arteixo comezaron
a canta non imaxinaban, abofé, que esta caixa da festa
gardaba para elas a marabilla agachada das melodías das
aldeas de Bergantiños. Pandeireta, chave máxica,
coa que conseguirían que ata os señores máis
serios volvesen botar os cantos de berce con que os adurmiñaban
as súas nais.
A receita de Xiradela, voz e percusión, por elemental
é absolutamente plena, porque toca directamente nas febras
máis fondas do noso ser. Unha receita humilde na que,
dalgún xeito, se resume o pulso do Universo todo.
¿Por que nos gusta a música? ¿Por que uns
golpes rítmicos teñen esa capacidade de emocionarnos?
Velaí a miña tese. Cada un de nós leva
un metrónomo que non acouga, toca constantemente ben
dentro.
Chámase: CORAZÓN.
A música dános solaz, porque a vida toda é
unha longa saudade do son que nos acompañou no lugar
onde máis agarimados estivemos, no ventre da nosa propia
nai, a carón tamén da música primeira do
seu corazón.
As voces de Marité, Sandra, Inés, Almudena,
Silvia, Mari Pili, Tania, Fransy e - a artista máis
noviña- Lorena, participan directamente
desta esencia marabillosa. Non é estraño, pois,
que as súas melodías enxebres emocionen a calquera
ser humano, dende Alaska a Singapur.
Por iso era especialmente necesario escoitalas á fin
na súa forma pura, sen adorno ningún. Houbo moito
que esperar, mais, afortunadamente, as cousas bonitas acaban
agromando sempre.
Escoiten esta gravación, marabíllense co seu contido
e, de seguido, atrévanse a sentir a revolución
da festa que estoupa cando un colle na man a madeira, o coiro
e as ferreñas dunha pandeireta.
Redonda como o Sol e a Lúa, como o ciclo da vida, como
o propio nome de Xiradela.
Xurxo
Souto. Abril 2002
Este disco rematouse
de grabar en febreiro do ano 2002, nos estudios Bruar da Coruña.
É unha
producción dirixida por Xabier Díaz para Xingra.com.
Técnico de son: José Puga
Masterizado por Javier Ferreiro.
Dirección
artística e deseño:
José María Sande e Xiradela
Fotografía
Xoan Piñón
Fotografías adicionales:
Xiradela
Traduccións cortesía de Maribel Gerpe
Contacto: Mare
Tfno: 0034 981 652 0 91
www.mareproduccion.com
|
|
| 1.- Cantar de traballo e pandeiretada
de Caión 
Laracha. A Coruña
O
cantar de traballo foi recollido a Pedro de Benito en Piñeiro
de Vilabade - Tordoia, no ano 91. A pandeiretada de Caión
foi unha das primeiras recollidas feita pola A.X. Xiradela
no ano 88 e aportada por informantes dunha xeración
xa desaparecida.
Ver
letra
2.- Mazurca e jota de Queimadelos 
Mondariz, Pontevedra
Recollida
a xentes de Queimadelos, un serán feito en Meder no
verán do 99. A mazurca é un ritmo chegado á
península o pasado século, probablemente de
Centroeuropa, e a jota, que procede de culturas mediterráneas,
está máis extendida por toda a península
Ver
letra
3.- Cantar de sega e moliñeira de Candín 
Candín. León
O
cantar foi recollido a Dulcina de Villanueva de Cervantes
é a sua nai, en Vilaver no ano 93. Os cantares de sega
foron aprendidos por moitos dos segadores galegos que ían
facer as campañas de verán en Castilla. A moliñeira
foi recollida a Rosa de Candín (León). Esta
peza tócase con pandeira e a case inexistente pervivencia
de tocadoras deste tradicional instrumento fai que os poucos
documentos sonoros que hai deles teñan grande importancia..
Ver
letra
4.- Agharrado da Silva
Cerceda. A Coruña
Recollida
na Silva, concello de Cerceda, no ano 92. Neste lugar conseguiuse
reunir todo o pobo rememorando as antigas ruadas..
Ver
letra
5.- Jota de Liñares 
Avión, Ourense
Recollida
en Liñares, concello de Avión, no ano 97. Ten
como característica a participación dunha tocadora
tanxendo unha lata de pementón, antigamente de carburo,
que proporciona un curioso empaste tímbrico coas pandeiretas..
Ver
letra
6.- Ruada da Ribeiriña
Carballo. A Coruña
Recollida
ó "bonito" e ós veciños da
Ribeiriña-Sofán, concello de Carballo, no ano
91. O nome da peza fai referencia á xuntanza de todos
os bailadores e tocadores do lugar facendo unha grande festa
á que eles chamaban ruada ou "baile de pandeiretas"..
Ver
letra
7.- Cantar e muiñeira de Fumaces
A Gudiña. Ourense
Recollida
en terras ourensás no ano 98. O cantar é un
xeito de manter conversas a longa distancia, polo xeral entre
mulleres cando ían levar o gando ó monte. A
muiñeira vai acompañada de tixolas, elemento
de uso domésticos que se converte nun instrumento musical
para acompañar os cantos..
Ver
letra
8.- Maneo de Xaviña
Coristanco. A Coruña
Recollida
en Xaviña, concello de Coristanco, no ano 99 a Carmen
de García, unha das informantes máis novas que
continúa coa tradición oral da comarca de Bergantiños..
Ver
letra
9.- Canto de berce, muiñeira e jota de Padreiro de Castriz
Sta. Comba. A Coruña
O
cantar ten unha doble particularidade, por un lado a escasa
existencia dos cantos de berce e polo outro lado, sendo pezas
normalmente cantadas polas nais, ésta foi aprendida
a un home, José Rama, en Vigo dos Toxox (Malpica) no
ano 2000. A muiñeira e a jota foron recollidas en Padreiro
de Castriz (Santa Comba) no mesmo ano, destacando que unha
das netas da informante é a que canta este tema..
Ver
letra
10.- Empuñada e jota de Negreira de Vilamaior
Sta. Comba. A Coruña
Recollida
no ano 97 en EMPUÑADA Negreira de Vilamaior, concello
de Santa Comba. A muiñeira vella ou empuñada
ten un carácter arcaico, é rápida e brusca.
A jota é máis pausada e máis melódica,
e ten como característica os finais vibrados despois
de cada punto e volta..
Ver
letra
11.- Añas de Queimadelos
Pazos de Borbén, Pontevedra
As añas dan nome ó feito que acontece no momento
de labradas no que as sachadoras tocan cos instrumentos que
empregaban para traballar (sachos e pedras) celebrando así
o remate da xornada..
Ver
letra
|
|