1. Birindo
Os birindos, no Incio, eran cantos nocturnos nos que a mocidade lles reclamaba unha ruada (con música, viño...) aos que deixaban o celibato.
Normalmente convertían-se en desafíos entra a mocidade que pedía esmorga (dende fóra da casa do noivo ou da noiva) e os familiares que contestaban dende dentro. Se os da casa se comportaban (convidando en xeito), os birindos eran para chufar á noiva ou noivo, pero se non era así, os desafíos pasaban a ser burlas acedas e podían durar deica o día. Se a cousa ía a maiores podía haber ata paos.
Nós entoamos este birindo como presentación dun disco que quere simbolizar festa, como gaiteiros de sempre que queren vivir na sociedade actual.
Vimos de moi longas terras
vimos da terra da xesta
traguemos as boas noites
para toda a xente de festa.
E a toda a xente de festa
eu lle quero preguntar
se vostedes dan permiso
Empezamos a tocar.
2. Danza do Entrenzado de Allariz 
(para a "Festa do Boi" de Allariz)
Os de Xarín témo-lo pasado tan ben nesta festa que o noso tamborileiro (Neme) se empeñou en harmonizar esta danza tradicional que vai dedicada ás amigas e aos amigos de Allariz.
3. Muiñeira de "Os Airiños" 
¡Non hai festa sen gaiteiros!
Os gaiteiros "Airiños da Antigua" da Ferrería do Incio encheron de música e ledicia as festas da comarca durante moitos anos. Marcaron unha época e moitas veces tocaron esta muiñeira.
4.- Valse do Carballal
A gaita do Xoán de Lemeso, Xoán do Carballal, fai bailar ao mesmo vento. É quen de facer tolear á mocidade ou arrolar aos pequenos no barrelo. Con dicirvos que con este valse, despois dun xantar en Valdomir do Courel, acabamos bailando todos os do grupo, dígovo-lo todo.
5.- Carballesa do Incio 
(Na memoria dos Airiños)
Nas devesas do Incio e do Caurel gárdan-se segredos intemporais das celebracións dos nosos antergos. Alguén, algún día perdido nos tempos, nalgunha carballeira, deu-lle vida a esta peza que nós tocamos, co estilo propio dos "Airiños da Antigua"
6. Baixando do Monte
O monte foi testemuña de moitos amoríos e aventuras. Nesta cantiga, un mozo que volta co gando á tardiña lémbra-se da pastora máis bonita cantándo-lle esta foliada.
Teño unha moza pastora
delgada coma un salgueiro
éche unha flairiña nova
que cha domo para onde eu quero
Baixando do monte
polo monte abaixo
baixando do monte
baixando, baixando.
Baixando do monte
polo monte abaixo
baixando do monte
e ao pechar a noite
Dime rapaza bonita
e ónde che van as colores
Nen casada nen solteira
nunca chas tiven mellores
baixando do monte...
7. Nosa Nai
Esta é unha peza de autor que nós recollemos do Paco da Ferrería. Tocámo-la por primeira vez no casorio dun bo amigo e deu-lle ao Neme por arranxa-la tal como a escoitas.
8. Pasodobres do Carballal e de Paderne
Xa á palabra o di, dous mellor ca un, sobre todo se se baila co guapo ou a guapa da festa.
9. Se vas a París
Esta peza atopámo-la en Salcedo (Poboa do Brollón), auténtico viveiro de músicos populares. Para os "Aires da Poxa", calquera desculpa lles valía para armar a mellor festa do mundo.
10. Pasodobre e Muiñeira do Courel
Aquí tedes unha fusión para quentar o ambiente. Primeiro un agarradiño e logo, cando a cousa xa entra en calor, podedes puntear a muiñeira ou seguir co agarradiño.
11. Xota dos Airiños
Dicia o poeta de Lóuzara, Fiz Vergara Vilariño;
Enxebre terra do Incio
Terra rexa coma o pan
canción de vento nos trigos
corazón de Carballal.
Asegurámos-vos que as festas da nosa Terra Brava levedaron co aer rexo desta xota que emocionaba o corazón da mocidade.
12. Rumba de Ibias - A Pomba
Cunha rumba aprendida do "Calígula" en terras de Mondoñedo (con aire asturiano) e cun pasodobre que escoitamos en Salcedo (ao parecer era interpretada por gaiteiros e orquestras nos anos 40) despedímo-nos deica outra. Agardamos que vos presta-se este traballo e que cando nos atopemos en calquera ruada poidamos compartir a emoción e o sabor da festa de sempre
Voa, voa, miña pomba
voa, voa ao teu pombal
voa, voa, miña pomba
que esto acaba
Que os gaiteiros xa se van.
¿? 
|