...A Jennifer.. Para que siga a pisar a bosta e a pasar moito da pandorca da súa nai, que seica amais da fala tamén quer esquecer o ben que o pasaba de nena a brincar pola aldea adiante sen importarlle para nada os bosteiros, tan integrados eles no entorno.
Ti segue a brincar e a emporcallarte toda, Jennifer, que por máis cá túa nai che berre escandalizada diante daqueles mozos de fóra que tanto lle preguntaban á túa avoa por aquilo das xaneiras, e que logo a acompañaron coa pandeireta na entrada do garaxe..
Porque para ti facemos tamén nós esta cousiña que nas mans tes, este testemuño do que vimos e vivimos con túa avoa e con tanta e tanta xentiña da nosa Terra. Porque para tí, para vós é este son de ferreñas, voces e pelicas, que reclamamos como herdo directo d@s nos@s av@s, maila non ter pasado polos nosos pais.
Segue así, Jennifer, ti es o futuro.
|
Marcelo González, voz, pandeireta e tixola
Guillerme Ignacio , voz, pandeireta, gaita e bombo
Xandre Outeiro, voz, pandeireta e sanfona
Xito Outeiro, voz, pandeireta, lata de carburo e tamboril
|
|
|
1 |
Jota e ribeirana de Aboal
|
Aló en Mondariz, onde as ruadas de invernía se chaman seráns está esta pequena aldea na que as señoras Raimunda, Benedita e Marina tiveron a ben aprendernos un bo feix de cousas sobre a súa tremendamente rica cultura popular. De entre todas elas escollemos estes dous enxebres soltos, imposibles para nós de altear tanto coma elas, pero que ben valen para vos amosar a forza dos cantares de pandeireta destes lugares.
|
2
|
Pasodobre e muiñeira da Illa de Ons
|
Nun lugar no que o maior ben dunha familia era a súa dorna e a comida de cotío o peixe, non estraña que sexa a mata do porco a maior festa do ano. E nelas, coma en tantas outras ocasións, non podía faltar a música das pandeiretas de momzas daquel entón coma Benedita e Irene, que tanto acompasaban unha muiñeira ou unha jota coma un pasodobre ou mesmo un tango. E todo elo sempre retando aos bailadores, que ao final "tiñan que abandonar" e deixar de beillar de puro esgotamento, baixo o berro trunfal das tocadoras: "a pandeireta é nosa!!!"
|
3 |
Farruco era un ghaiteiro... 
|
Cantando ao xeito dos antigos cegos andantes que pola nosa Terra andaban coa sanfona, vai esta fermosa versión da coñecidísima historia do ghaiteiro que vendeu a ghaita, aprendida do tamén Ghaiteiro Paco Rin-Ran, da Portela - Beluso, Bueu, O Morrazo-.
Neste caso a música que lle incluiu é a da tamén mítica cantiga "a miña burriña", ambas versión local, claro está.
|
4 |
Jota, muiñeira e tarrán tan tan d'A Alén
|
Tendo novas de que nesta aldea da parroquia da Xirargha, en Beariz (ourense) tocaban outrora a tixola e máis o latón, non puidemos resistirnos a incluilas á par das pandeiretas nestes potentes bailes que mulleres coma a señora Alsira nos aprenderon.
Esta vai que rechoupea!!
|
5 |
Ronda, muiñeira e valse de Barro de Arén 
|
De todos os lugares que temos percorrido á busca de pequenas coias coma estas, é a aldea de Barro de Arén na que máis afectuosamente nos teñen acollido e compartido con nós non só música e baile, senón unha boa amizade e aprezo que moito lles agradecemos. Velaquí unha mostra sacada de entre o seu enorme repertorio de cantares e bailales, que sempre acompañan en Barro dun ánimo e dunha alegría dignas de admiración.
Que sexa por moitos anos.
|
6 |
Tanto beillei
|
Un día de troula na taberna Soela de Cela - Bueu-, cantounos o seu dono, Manel, este festeiro retrouso de muiñeira que aprendera na súa terra natal, Seixo -Marín -. A el engadimos outras catro muiñeiras instrumentais do repertorio do Ghaiteiro do Piñeiro Aldán, -Cangas-, non menos festeiras, que agardamos fagan que vos entren ganas de beillar ata arrebentardes. |
|
|