Páxina anterior

PROXECTO AVELAÍÑA

 

.....

Ghastas Pista?

Falándoche de música galega dende o Século XX
info@ghastaspista.com

[ Discos ]-[ Historia..]-[ Novas ]-[ Concertos ]-[ Radio ]-[ De copas ]
[ Foro ]-[ Actualizacións ]-[ Videos ]-[ Outras ]

5 comentarios deste disco .....

 






 

"Escolma de
frans, refráns
trousos, retrousos
coplas, cantigas e
outros cantares
de obrigado
cumprimento"

 

 



1.- Cousas do querer

2.- De rondiña

3.- Romance do Conde Flores

4.- Blues dos caraveles

5.- Canto para o burro Rabel

6.- O Badalo

7.- Eu non vou

8.- Xerardo

9.- Veciñas

10.- O muíño



Xoana:
Voz

Felipe:
Percusións

Guillerme:
Voz, Gaitas, Frautas, Tarrañolas, Pandeireta.

Roi:
Acordeón

Antón:
Guitarra acústica i eléctrica,
Baixo, Teclados.


Primaco:
Guitarra no tema 9

Tom:
Voces no tema 9

 

 

Letras adaptadas por Antón Villanueva.

Música composta por Anton Villanueva excepto o tema 3, composto por Antón Villanueva e Guillerme Ignacio.

Arranxos: proxecto Avelaíña, excepto o tema 9, arranxada coa axuda de Sergio Soto.

 

 



    1.- Cousas do querer    

 

Redobra e redobra,
e volta a redobrar.
non hai mellor tempo
có de namorar.
Có de namorar,
có de namorar,
redobra e redobra
e volta a redobrar.

Cinco sentidiños
temos ó nacer
os cinco perdemos
pola moza ver.

Pola moza ver,
pola moza ver,
cousas do amor,
cousas do querer.

Namoreime dela
e guapa non é.
É polos canastros
que na eira ten.
Homes e mulleres
e rapaces todos:

vinde ve-lo dote
que me deu meu sogro

Unha cabra torta
e un cabrito coxo.
Unha manta vella
cun remendo novo.
Un pote sen pés
e que lle falta un asa.
Ollade que dote
para rexi-la casa.

Namoreime del
porque cantaba ben.
E morro da fame:
cantar non manten.
Xa o dixo meu pai,
pero non o escoitei.
¡Canta razón tiña!
¡Agora ben o sei!

Auga leva o rego
auga o regador,
auga o reguiño
que rega o amor.
O noso reguiño
pouquiña auga ten,
cousas do amor,
cousas do querer

Redobra e redobra.
Volta a redobrar.
¿Por que sempre é
tempo de namorar?

 

 

    2.- De rondiña    

 

Agora vou cantar eu
que xa hai que non cantei.
Imos ve-la gracia
se está como a deixei.
Vou cantar toda a noite
e o día tamén.
Canta miña gargantiña,
canta e faino ben.

Vivan os de esta terra
e os do meu lugar.
Vivan os que esta noite
me axuden a cantar.
Sentaivos, mozos sentaivos,
ó noso arredor.
Non andedes axexando
que moza é a mellor.

Como aínda non casei,
eu ándoche de parranda.
Pois non teño quen me diga:
¿pero ti a que andas?
Eu vou de rondiña,
vou de ronda, a rondar vou,
Non sabes que ben me presta.
¿Sabes o ben que estou?

Entre os vapores e o viño novo,
eu non sei nin o que collo,
nin o que debo coller.

E de aquí a pouco
ande ou non ande
o caso e tirar para diante,
¡Veña caña e licor-café!

Hei de arruarte esta noite,
hei de arruarte ben.
Hei de arruarte esta noite
e maila outra tamén.
Eu vou de rondiña,
vou de ronda, a rondar vou.
Non sabes que ben me presta.
¿Sabes o ben que estou?

 

 

    3.- Romance do Conde Flores    

 

Grandes guerras se fixeron
polo ben da cristiandade.
E o Conde Flores
foi nomeado xeneral.
A condesa chora e chora
bágoas perdidas no mar.
Hai moi pouco que casaron
e téñense que afastar.

Se ós tres anos non volto
é que xa non volto máis.
Pasan tres e pasan catro.
Novas do Conde non hai.
Tantos días, tantos meses,
tantos anos eu sen ter
novas do que é meu marido,
novas do que é meu querer.

E un día o pai dille:
deixa o pranto, miña filla.
Duques e condes te piden.
Non esteas tan aflixida.
Carta no corazón teño
que o Conde vivo está.
Dáme licencia, meu pai,
para o Conde ir buscar.

A miña licencia tes
e tamén a bendición.
Cun saial de seda verde,
un brial e un bordón
ela andivo sete reinos,
mourería e cristiandade.
Pasou por moitos perigos
pero ó Conde non topaba.

Subida nun alto monte
un castelo divisou.
A un pastor que alí andaba,
de quen era preguntou.
É do Conde Flores
que mañán cedo vai casar.
Xa chegan os invitados,
xa están a face-lo pan.

Xornada de todo un día
en medio a fixo ela.
E chegando xa ó castelo
o señor Conde foi vela.
Déame unha limosna Conde,
lembre a súa caridade.
O conde queda mirando.
Algo parece notar.

Ai que ollos romeiriña.
Nunca na vida vin tal.
Si que os viches, Conde Flores,
dixo mostrando o brial.
O brial de seda verde
que me deches ó casar.
Ó mirala naquel traxe
o Conde caeu para atrás.

Chega a noiva, ven correndo,
para ó conde atopar
recollendo nos seus brazos
á romeira do brial.
Que Deus me perdoe, noiva,
vestidiña e por casar,
pois os primeiros amores
son moi malos de olvidar.

 

 

    4.- Blues dos caraveles    

 

Ó pasar por un xardín
collín cinco caraveles,
que son os cinco sentidos
que eu teño postos nel.

O primeiro é o ver,
a prenda que máis desexo
Durmindo estou na cama
e soñando que o vexo.

O segundo é oír
sospiros do corazón;
non sei nin como nin cando
eu tomei tanta aflición.

O terceiro é ulir
as flores no teu xardín.
Compañeiriño da alma,
nunca te esquezas de min.

E o cuarto é tocar,
eu diso nunca che usei.
Agora eu che suplico
que non me perda-la lei.

O quinto é o gustar,
¡ai!, ¿que gusto podo eu ter?
Ausente de ti me vexo:
non é gustar
que é padecer.

Bule, bule, bule, bule vai
Bule, bule, bule, bule vén.
E a vida, vida, vida, vai.
E a vida vén.

 

 

    5.- Canto para o burro Rabel    

 

Esta mañanciña morreu
o burro Rabel.
os que aquí non canten
levan o camiño del.
Se coa lingua non traballas
ti podes cantar.
Que non diga o xefe
que non estás a traballar.

Unha copla estou a botar
e ti disme que non.
Unha copla xa botei
e síntome mellor.
Canta ti que cantas ben,
cantas mellor ca min.
Te-la garganta de ouro,
e a miña é de marfil.

Hei de cantar, hei de rir,
hei de ser muller alegre.
Hei de manda-la tristura,
que o demo a leve.

Dádeme un vaso de viño
para esta garganta.
Verde como canta a rula,
como a rula canta.
Se soubera cantar
como sei bebe-lo viño,
non se escaparía
fillo de ningún veciño.

Aínda que cantara
un ano e doce meses,
nunca cantaría
a mesma cantiga dúas veces.
Nunca cantaría
a mesma cantiga dúas veces,
aínda que cantara
un ano e doce meses.

Hoxe aquí non canto máis
que se me acaba a gracia.
A pouquiña que me quede
lévoa para casa.
Os sabores que vos queden
agachalos ben,
que de hoxe nun ano
voltaremos con eles

 

 

    6.- O Badalo    

 

Cando ti chegues aquí
eu xa non estarei.
pois nunca che pido
que traia-la chave
na man cando ves.
Pero se has de xantar
e non queres comer,
¡eu xa sei por que é!

Eu caseime por un ano
para sabe-lo que era.
O ano foise acabando,
¡solteiro quen me dera!
Quen se casa ten muller,
quen non casa mulleres.
Non vos casedes solteiros
pois moito perderedes.

Eu caseime, eu caseime,
¡ogallá non casara!,
de solteira roupa nova,
e agora remendada.
Eu caseime, eu caseime,
¡ogallá non casará!
vexo mozos como rosas,
e o meu non vale nada.

Un solteiriño me dixo:
solteiriño estás ben.
Se o casado casa quere,
o solteiro muller.
Tódolos ben casadiños
pagan a renda ó cuco.
Eu tamén paguei a miña:
toca a gaita Farruco.

 

 

    7.- Eu non vou    

 

Xa non volvo máis,
xa non volvo a Ardán.
Non me paga a pena
o que hei de andar.
Xa non vou non vou,
non, xa non vou alá,
pois o meu querer, si,
ha de vir acá.

Dis que vas, que vas e
dis que ves, que ves,
pero non te vexo
nin un pé mover.
Se non tes pesar ti,
eu non o vou ter
pois sobran os amantes
que mo fagan ver.

Din que dis que ti, si,
non me queres ver.
Non cho tomo a mal
porque me fas ben.
Nin me pesa
nin eu voltaría atrás,
pois o noso amor, si,
foi coma o cristal.

Algún día algo,
algún día ben,
algún día algo
e hoxe tanto me ten.
Algún día eu,
algún sía ti,
algún día sei
que te aborrecín.

Non te quero xa,
nin te vou querer:
o noso acabou, xa rematou,
non preguntes por que.
E tanto me dá
que non queiras falar:
hai amores que teñen
moi pouco que tratar.

Eu por verte daba
tres voltas á rúa.
Hoxe por non verte
dou corenta e unha.
Dou corenta e unha,
dou corenta e dúas.
Eu por verte daba
tres voltas á rúa.

Disque si e disque non.
Disque vas e disque ves.

 

 

    8.- Xerardo    

 

Estando unha noite Xerardo na fonte,
dándolle auga ós cabalos do Rei,
saíu a Infanta ó escoita-lo gran porte
das palabriñas cantadas por el.

Que bo cantar que tes, ai meu Xerardo.
Se un pouquiño cantaras para min,
eu pensaría en ti como un marido.
Ti en min como a muller que nacín.

As mans miráronse só por un tempo.
Os ollos bicaron, eu ben o sei.
Sei que deitaron muller e marido
longos sospiros de amor escoitei.

Despois dun tempo os amantes rendidos,
durmen un sono con mal espertar.
Ergue Xerardo, ergue meu queridiño:
¡na nosa cama está a espada real!

O Rei ó ve-los amantes durmidos
deixa un testigo e vaise ó xardín.
Por aí sairá, aí, Xerardo escondido
quedando atrás o que pasou alí.

¿Onde vas por estes xardín Xerardo?
Vou apartar unhas flores do sol.
Véxote branco e descolorido.
É que unha rosa me deixou sen cor.

Ai, se unha rosa te deixou sen cores
é porque rondas onde non has rondar.
Pero o castigo xa o teño pensado:
mañá coa Infanta haberás de casar.

Días despois vai Xerardo para a fronte.
O rei nomeouno Conde e Xeneral.
¡Ai, meu Xerardo! laiaba a infanta
¡Ai, meu Xerardo Flores!, ¿onde estará?

 

 

    9.- Veciñas    

 

Non fales mal da veciña,
pois é unha muller coma nós.
o que hoxe digades dela
mañá falaráno de vós.

Os ollos dinme que chore
e o corazón di que non.
Eu xa non sei que dar creto:
olliños ou corazón.

Non chores miña veciña.
Por iso non hai que chorar.
Ti pensa no que dixeches.
Non penses no que elas dirán.

Pois tódalas manchas se lavan,
queridiña, con xabrón:
tódalas manchas se quitan
menos as do corazón.

Esas que están falando
que marmuran das solteiras,
que miran mal ás casadas
e botan contra calquera.

Esas sonche das piores,
esas son das que non hai.
Cala miña filla cala,
que esas son de mala nai.

 

 

    10.- O muíño    

 

Non te quero miña nai.
Non te quero miña naiciña.
Pois cando vas ó muíño
sei que buscas doutra fariña.

Sei que buscas doutra fariña,
ai a le lo, ai e le la lo.
Leva o pan e leva o trigo
e axusta ben o moído.

E axusta ben o moído,
ai a le lo, ai e le la lo.
Que non veña o muiñeiro
a dicir que non leva xeito.

A dicir que non leva xeito,
ai a le lo, ai e le la lo.
Pois o xeito que el teña
eu non creo que che conveña.

Eu non creo que che conveña,
ai a le lo, ai e le la lo.
Cando o muírño treina
qur facerche outra moenda.

 

 


Este traballo foi editado con unha das axudas do fondo para iniciativas artísticas da ONCE, na súa edición de 2000







Textos, videos, imaxes.. i enlaces relacionados e/ou que apuntan a esta páxina:

VER..>>

info@ghastaspista.com




< =Aviouga -Maqueta-
( Pepe Vaamonde Grupo )
Maqueta
( Quempallou )
= >


Voltar á páxina principal