
Son os cegos os grandes cronistas, os contadores de historias, de feitos incríbeis que oíron e transmitiron, para engaiolar o maxín do seu público. É na feira, na romaría onde os ouvintes escoitan as máis escuras, enredantes e retranqueiras coplas. Romances reelaborados e actualizados. Son mundos compartidos do imaxinario popular. Son muxicas e charamelas. Os contos dos cegos andantes eran engalanados co chamamento dunha zanfona. A chamada de atención, o trebello musical que aínda nos segue a abraiar e sorprender. Avant-garde en Narón O Encontro coa Zanfona Contemporánea cumpre un lustro. Logo de catro edicións xa se consolida como referente deste instrumento milenario. Anos anteriores acercáronse até Narón algúns dos mellores tocadores de Europa: Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea, ou os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández. Nesta edición miramos de novo ao lugar que máis zanfoneiros concentra, ao máis vangardista e con máis viva tradición: o centro de Francia. O mestre convidado é un deses novos valores: Grégory Jolivet. Xarnege, quinteto transfronteirizo de Euskadi e Gascuña, compartirán palco na noite do venres. Como novidade, presentaremos o Encontro na Feira do Trece na parroquia de Sedes. O dúo Sobre Rodas (Luís Correa “O Caruncho” e Carlos do Viso) serán os responsábeis de que a zanfona volva a escoitarse na feira, na romaría. Ademais… para escolares: - concerto didáctico do dúo Sobre Rodas
- panel de experiencias do obradoiro musical do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo por Luciano Pérez, herdeiros do pioneiro obradoiro que fundou Faustino Santalices quen recuperou este instrumento en Galiza no século XX.
para músicos: - relatorio do investigador da Asociación Ibérica de la Zanfona, Xulio García Bilbao.
- palco aberto en Aldea Nova.
máis información: http://folque.com/cmn-wp/?page_id=1356 info@folque.com +34 881 031 829
|