>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Entrevista a Abe Rábade: ``Son un pouco jedi´´
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 24 / 2 / 09 )



Abe Rábade, experto pianista de jazz, metido en proxectos tan interesantes coma o seu trío ou Nordestin@s, ensina aos cativos a escoitar no Auditorio de Galicia

Abe Rábade (Compostela, 1977), cuspe un dialéctico bebop frenético antes de que se lle poida facer ningunha pregunta. Tan incisivo na fala como na creación musical, comenta que a edición en DVD do seu último álbum, Open Doors, lle está a supoñer novos e interesantes retos e, como quen non quere a cousa, a conversa acaba pasando ao futuro da distribución discográfica.

Non é preferible editar xa só na rede?
O CD quedará aí para coleccionistas, para aqueles que queren render culto a algo que asir. Aínda que non ten o encanto do vinilo. É moito máis binario, pero alo menos hai un referente físico, coa capa, o título do álbum, as letras...

Como tería sido un Playing On Light dixital? (Este disco contén sete temas que ilustran fotografías clásicas)
Teriamos que ter buscado unha maior interactividade, unha concoordancia cunha páxina web ou un pdf. Eu estou contento porque case toda a miña música está en iTunes, pero o consumo torna máis fragmentario e frenético. Hai dous tipos de consumidores: os que escoitan o mp3 na ducha a todo trapo e os que gostan de gozar da música pausadamente.

Educará aos cativos no segundo? (Abe dá hoxe e mañá concertos didácticos)
Para min, a educación é dual. Ten un aspecto maiéutico, de facer que as ideas dunha persoa collan un cauce, e outro represivo. Tamén creo que o máxico e o lúdico se esvaecen cando medramos. Gústame gardar, metaforicamente, o onírico das musas gregas.

Cal é o plan, logo?
Vou facer un repaso pola historia do jazz cronoloxicamente. Comezo co stride piano, un estilo derivado do rag time, e despois paso ao bebop de Charlie Parker, con Donna Lee. Penso que este tema é moi definitorio da época. Ten un estilo frenético e barroquizante.

Non faltará Miles Davis.
Vén de seguido, co cool jazz. Escollín Blue in Green. Aínda que eu llo atribúo a Bill Evans. Captura a calma e a elegancia da atmósfera jazzística dese momento. Logo paso ao hard bop, cunha figura tan esencial coma John Coltrane e o seu Giant Steps. Remato co free jazz e o actual. Hai aí un regusto de música popular.

Que o fixo entrar en Nordestin@s, o trío de música tradicional galega que completan Ugía Pedreira e Guadi Galego?
Recibín unha chamada de Ugía dicindo: “Tes que estar nel”. Non me puiden negar. Só pedín que non impuxeran condicionamentos harmónicos e formais. Mandaron un CD con once temas a capela e eu puxen o piano, un elemento alleo á música galega. Todo saiu ben. Nada forzado. Obtivemos unha sustancia moi interesante, algo nunca antes feito. Ademais, medrou o meu grao de confianza como pianista, ao non estar acompañado.

O disco que vai editar en breve, non é un solo de piano?
Si, sae en marzo. É un compendio de Jazzia, unha banda sonora que fixen para un espectáculo do mago Quico, e a homenaxe que presentei hai uns días a Rodríguez Cadarso na Igrexa da Universidade, titulada O futuro da memoria. Todavía hai un franquismo sociolóxico, un residuo no subconsciente colectivo. É tamén unha homenaxe aos represaliados.

E a que Abe imos escoitar aí?
É impresionante cómo cristalizan as influenzas cando escribes pola túa conta. Hai algo de Bach ou de Scriabin, pero tamén de dous pianistas tan opostos como Keith Jarrett ou Herbie Hancock. O que me fascina do jazz é esa dialéctica constante entre mestre e discípulo ao estilo oriental. Son un pouco jedi.















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal