>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

XX Encontros de Música Tradicional de Carboeiro

Ver en Facebook

(ultima actualización: 30 / 5 / 19 )





Sábado 1 de xuño no Mosteiro de Carboeiro

OS ENCONTROS DE MÚSICA TRADICIONAL CELEBRAN A VIXÉSIMA EDICIÓN EN CARBOEIRO

Di o tango que vinte anos non son nada. Para a Santa Ferreña, tan ben acompañada no cartel, sono todo. A Asociación Intercultural Santa Ferreña celebra dúas décadas da cita ineludible coa música e cultura tradicional, coma sempre, o primeiro sábado de xuño, este ano o día 1, no Mosteiro de Carboeiro.

O sábado 1 de xuño, o Mosteiro de Carboeiro acolle os Encontros de Música Tradicional nunha edición moi especial: a vixésima. Esta cita anual desenvólvese desde hai dúas décadas grazas ao traballo voluntario da Asociación Intercultural Santa Ferreña e centos de persoas que dan o mellor de si. Este ano quixeron celebrar a efeméride cun cartel moi festivo, coa Santa Ferreña presidindo unha mesa chea de delicias culinarias, espirituosas e, por suposto, musicais. Unha cea que, malia a semellanza co cadro de Leonardo da Vinci, nin será a última nin é tan austera, pois ben se ven a fartura e a alegría que enchen e arrodean a mesa.

O programa comeza como de costume coa sesión vermú, este ano xa desde as 12:30, que boa falta fai o tempo. A continuación terá lugar a procesión da Santa Ferreña acompañada polos papamoscas de Viravolta. Antes terá lugar a disputada poxa das andas, cada ano máis cotizadas. Como novidade, este ano celebrarase un Clamor e cerimonia solemne cos oficios correspondentes, contando coa presenza da xa coñecida coca.

Da romaría veño

Como cada ano, poderase visitar durante todo o día unha exposición centrada na nosa cultura popular tradicional. Este ano, grazas ao Museo do Pobo Galego, poderase ver un petisco da que se estará a mostrar ao mesmo tempo no Museo: “Galicia Máxica. Romarías e Santuarios. Gustav Henningsen: Fotografías etnográficas 1965-1968”, que recolle imaxes dos santuarios galegos e os seus devotos e devotas. O público poderá achegarse a ritos coma romarías, peregrinacións, exvotos, rituais máxicos e curativos que se espallan por todo o país. A mostra contará coa presenza dos títeres de Viravolta, compañía promotora do desafortunadamente desaparecido Museo da Marioneta, Casa do Títere de Lalín.
O xantar popular ofrece empanada, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño ou auga e café “con gotas”, por 16 euros. Non ha faltar a feira de artesanía (instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres), e, xa pola tarde, para facer a dixestión, a parte de botar unhas bailas, haberá xogos tradicionais con Xandobela. “Eira Xandobeleira” é unha ludoteca itinerante con xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos.

Coma sempre, o programa dos Encontros consiste en encontrarse e compartir: no patio do mosteiro atoparase o “Recuncho do tocar”, para todos os músicos e músicas que queiran botar unhas pezas nun espazo recollido. Xa á tarde, Celso F. Sanmartín, “Celsiño”, contador lalinense que leva ben anos investigando na tradición oral, achega unha sesión de contos titulada “Santa Paciencia”, na capela do mosteiro. Como cada ano, acompañarán ás xeracións máis novas experimentados/as tocadores/as e bailadores/as de Mondariz, Tordoia, Asados, Zobra, Arzúa ou Muíño de Zas. E xa ao que se vaia facendo noite, seguirá a foliada... Ata que o corpo aguante.

Desde a Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro insisten en que esta festa é posible grazas ao traballo desinteresado de moita xente, para o que agradecen a colaboración de todas as persoas asistentes. Para sufragar os gastos cóntase coa propia cantina da festa e cunha pequena achega do Concello, así que convidan a quen queira manter viva esta festa a colaborar, e remarcan a importancia do respecto pola festa tal e como é, sen viren ao caso “picadiscos” espontáneos ou xeradores eléctricos para desenvolver outro tipo de festas. Así se presenta unha nova edición (a vixésima xa!) dos Encontros. Como di a Santa Ferreña... Viva a xuventude e a xente vella que non morra!


XX ENCONTROS DE MÚSICA TRADICIONAL
1 DE XUÑO DO 2019 NO MOSTEIRO DE CARBOEIRO (SILLEDA)

11:30h. Saída da peregrinación da Bandeira a Carboeiro (punto de encontro: parque infantil)

12:30h. SESIÓN VERMÚ

Poxa das andas e PROCESIÓN DA SANTA FERREÑA acompañada polos papamoscas de Viravolta. Clamor e cerimonia solemne. Haberá coca.

APERTURA DA EXPOSICIÓN: 'DA ROMARÍA VEÑO'

“Galicia Máxica. Romarías e Santuarios. Gustav Henningsen: Fotografías etnográficas 1965-1968”,, acompañada polos títeres de Viravolta .

FEIRA DE ARTESANÍA: con instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería...

XANTAR POPULAR (empanada, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño/auga, café e ghotas -16€)

DURANTE ATARDE:

'EIRA XANDOBELEIRA' Xogos tradicionais para todas as idades con Xandobela.

'RECUNCHO DO TOCAR' no patio do mosteiro.

'SANTA PACIENCIA' Contada de Celsiño F. Sanmartín .

E ao que se vaia facendo noite…

FOLIADA ATA QUE O CORPO AGhUANTE!

VIVA A XUVENTUDE E A XENTE VELLA QUE NON MORRA!!

ACAMPADA Á BEIRA DO RÍO DEZA
santaferrenha@gmail.com




Mosteiro De Carboeiro
Abrir mapa en navegador













COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal