>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Artistas e productores defenden a competencia de Xosé Manuel Blanco
Fonte / Máis información



Artistas e produtores culturais, tanto galegos como do resto do Estado, emitiron onte un comunicado no que recoñecen en Xosé Manuel Blanco, “un profesional cunha longa traxectoria no mundo do espectáculo”, tras as críticas vertidas polo PPdeG contra el.



Os asinantes responden así ás acusacións do Partido Popular dun suposto “trato de favor” ao irmán do conselleiro de Industria, Fernando Blanco, por parte da Consellería de Cultura ao contratar os servizos da súa empresa por valor de 180.000 euros para o programa “A cultura circula”.

Artistas como Iván Ferreiro, Antón Reixa, Anxo Pintos, Berrogüetto, Budiño, Carlos Blanco, Marful, Narf, Rodrigo Romaní, Ugia Pedreira, Uxía Senlle, Siniestro Total, Quempallou, Ruxe-Ruxe ou Luar na Lubre, así como Articket, a Asociación de Gaiteiros Galegos, Casa de Tolos, Falcatruada, La Fábrica de Chocolate, Pai edicións, Abada Xestión Cultural e outras tantas produtoras galegas asinan o documento de apoio a Xosé Manuel Blanco.

Dende outros puntos do Estado manifestan o recoñecemento á experiencia do irmán do conselleiro, co respaldo dos directores de Subterfuge Records, o Festival de Benicassim, Diario Pop de Radio 3, Virgin Music-Spain, Festimad e Globo Media Música, e de artistas como Javier Alvarez, Josele Santiago, Boikot, Sidonie, Albert Pla, Pereza, Kiko Veneno, Julieta Venegas, Dover ou Los Planetas.

“A traxectoria e o aval profesional das empresas de Xosé Manuel Blanco xa fora aval abondo para que durante o goberno de Manuel Fraga diversos departamentos lle encargaran servizos varios. Máis aínda, desde o contorno do empresario aseguran que Blanco foi marxinado nalgúns casos sen motivo aparente fronte a determinados traballos que despois as empresas foráneas gañadoras destes concursos, incapaces de asumir os choios, lle subcontrataron de igual xeito”, sinalan os asinantes do comunicado.

O grupo do PPdeG aproveitou a circunstancia de que Xosé Manuel Blanco sexa irmán de Fernando Blanco, conselleiro de Industria, para insinuar que Cultura lle contratara traballos debido a esa relación de parentesco, en concreto os referidos ao proxecto “A Cultura Circula”.

Nova aposta > Por outra parte, a TVG emitirá a partir das dez da noite deste domingo, en horario de “máxima audiencia”, a serie “Historias de Galicia”, un proxecto que elude o relatorio cronolóxico e trata de presentar “feitos históricos” que configuraron a realidade galega tratadas con rigor e unha perspectiva actual.

Esta serie documental, que inicialmente consta de 13 episodios, está dirixida a todos os públicos e ten por obxecto a divulgación dos feitos que foron configurando ao longo dos séculos a realidade material económica política, social e económica de Galicia.

O director da serie resaltou durante a presentación da nova aposta da televisión galega a axuda prestada polo catedrático de Economía e membro do BNG, Xosé Manuel Beiras, do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e do presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, estes dous últimos, tamén historiadores.

Pola súa parte, a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, pechou o acto da inauguración considerando que a serie servirá para “cubrir o oco enorme de descoñecemento da nosa historia e facer comprensible o noso presente”.


Noticia enviada por marcos













COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal