>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Xornal : ¿Cantos grupos participan na rede galega de música ao Vivo?
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 10 / 2 / 07 )



# Comeza a actividade da rede galega de música ao vivo cun calendario anual de 870 concertos a cargo de 72 grupos.

# A Consellaría de Cultura e Clubtura pecharon a primeira programación bimestral coa participación de 57 formacións de todos os estilos en 239 recitais.

# Un total de 43 salas das catro provincias están presentes neste proxecto que ten como obxectivo a consolidación dun circuíto de difusión musical estable.

(8 de febreiro de 2007)

XORNAL I Vigo .- A nova Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) comeza a súa actividade anual coa programación até decembro de 2007 de 870 concertos a cargo de 72 grupos e solistas de todos os estilos nun total de 43 salas repartidas por toda Galiza. A iniciativa está promovida pola Consellaría de Cultura e Deporte e a asociación Clubtura, supón a aportación compartida de 388.000 euros en custos de cachés (291.400 da Consellaría, a través do IGAEM, e 96.600 das salas); e ten como obxectivo a consolidación dun circuíto musical estable que serva de plataforma de promoción aos intérpretes e contribúa a optimizar a súa presenza no territorio galego.

O proxecto global e o primeiro calendario bimestral de concertos (para febreiro e marzo) foron presentados hoxe pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; e o presidente de Clubtura, Paco Quintas, nun acto que contou coa actuación da solista Sevigny e que se celebrou no Manteca Jazz, de Vigo, cidade que aporta 8 locais á RGMV, o número maior por municipio de cantos integran este proxecto. Outro local de Vigo, neste caso La fabrica de Chocolate acollerá tamén esta mesma noite a festa inaugural da RGMV, cun concerto especial no que os grupos 6PM e Zénzar presentarán os seus últimos traballos discográficos.

A RGMV representa a materialización dunha liña de actuación longamente demandada polos diferentes tipos de recintos que ofrecen música en directo para público reducido en Galiza e co que se dota, ao mesmo tempo, dunha estrutura de distribución sistematizada ao sector musical, ao que poden acceder tanto para as formacións emerxentes como para outras máis consolidadas.

DINÁMICA DE FUNCIONAMENTO.- Dada a elevada cantidade de concertos, a programación anual irase difundido en distintos soportes de alcance bimestral. Así, para o primeiro calendario, que abrangue febreiro e marzo de 2007, a Rede Galega de Música ao Vivo ofrece 239 actuacións de 57 intérpretes en 42 salas. Cada sala confecciona cada dous meses a súa propia programación, deixando fóra o período de verán e repartíndoa en dúas temporadas: a primeira de xaneiro a xuño cunha contratación mínima de 7 grupos e unha segunda de outubro a decembro con alomenos 5 grupos. Cada unha das formacións contratadas ha de ter un mínimo de 10 concertos en todo 2007.

Tralo éxito da convocatoria de preinscrición, que rebasou todas as expectativas de afluencia ao presentárense a ela 349 grupos, levouse a cabo un proceso de selección dos artistas participantes para conformar o catálogo sobre o que os responsables dos espazos escolleron en última instancia aos artistas presentes en cadanseu local. Nesa oferta inicial prestouse unha especial atención aos valores emerxentes dentro do panorama musical galeg, para os que se reservaron 50 prazas; e tamén houbo lugar para formacións de traxectoria máis consolidada, categoría na que quedarán seleccionados 25 grupos. Cada unha das modalidades implica distintas condicións económicas na contratación e nos prezos de venda de entradas ao público.

Os criterios de inclusión que manexou a comisión nomeada para realizar a selección foron os de residencia en Galiza, interese cultural vinculado, oportunidades de promoción, calidade e traxectoria da formación, pluralidade estilística e pluralidade lingüística canto á presenza e promoción da lingua galega.

MAIOR ACTIVIDADE EN PONTEVEDRA.- Figuran adheridas para 2007 á RGMV 43 salas. Delas, 12 da pertencen á provincia da Coruña, con 54 concertos este bimestre e 236 ao ano; 3 a Lugo, con 22 concertos este bimestre e 85 ao ano; 5 a Ourense, con 41 concertos no bimestre e 118 ao ano; e 23 en Pontevedra, con 122 recitais de febreiro a marzo e 431 en previsión anual).

No listado xeral están presentes tanto locais pioneiros e emblemáticos na programación de concertos en directo como os novos espazos que nos últimos anos comezaron unha actividade cada vez máis normalizada canto á exhibición musical: Borriquita de Belén (Santiago), Dzine (San Sadurniño), Café Concerto Antano (Outes), Casa das Crechas (Santiago), Gatos (Melide), Sala 600 (Melide), Jazz Vides (A Coruña), D’Anton (Laracha), Clavicémbalo (Lugo), Auriese Café Cultural (Ourense), Café Teatro Xesteira (Ourense), Jazz Filloa (A Coruña), Garufa (A Coruña), Forum Celticum (Culleredo), Kile (Ordes), Planeta (Sarria), Mogay (Chantada), Roi Xordo (Allariz), Baranda (O Barco), Clan (Xinzo), Karma (Pontevedra), Barriga Verde (Lalín), Salón Parroquial (Ponteareas), O Con do Moucho (A Illa de Aorusa), La Casa de Arriba Pop (Vigo), Manteca Jazz (Vigo), El Ensanche (Vigo), Verbum Náutico (Vigo), Bar Liceum (O Porriño), Woodstock (Portonovo), Ache (Seixo-Marín), Aturuxo Bar (Bueu), Zona Cero (Caldas de Reis), Contrabajo (Vigo), La Fábrica de Chocolate (Vigo), Remache (Vigo), Verbum Jazz Café (Vigo), A Fragua (Redondela), Marrucho (Baiona), Clandestino (Nigrán), Salason (Cangas de Morrazo), Sala Náutio (San Vicente do Mar-O Grove) e Vagalume (Salvaterra de Miño).














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova




- AturuxoBar- liceum- BarrigaVerde- Crechas- Clavicembalo- filloa- garufa- Celticum -






Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal