>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

FESTA DO QUEIXO. ARZÚA 13-15 MARZO 09

(ultima actualización: 13 / 2 / 09 )





Vetusta Morla, Le Punk e o Queixo Maquetón compartirán escenario con Uxía e Vaamonde, Lamas e Romero no Festival do Queixo 09

A Festa do Queixo de Arzúa cumpre 34 anos. Durante os próximos 13, 14 e 15 de marzo, o queixo Arzúa-Ulloa será o protagonista desta cita gastronómica que comezou en 1975. O evento, que adopta un valor engadido desde a perspectiva cultural, económica, formativa e de lecer, irá acompañado dunha intensa programación de actividades artísticas e culturais.



Vetusta Morla, nominados aos Premios da Música en tres categorías diferentes, ofrecerán un concerto exclusivo en Arzúa antes de arrancar a súa xira por toda España. Será unha oportunidade única para poder gozar do directo desta banda revelación que está a recibir numerosos premios, entre os que destacan Mellor Proposta Musical que outorga TVE Miradas 2, segundo mellor álbum Top’08 de MTV, Premio Ojo Crítico de Música Moderna de RNE, Mellor Grupo Revelación Nacional de EP3 ou Mellor Canción Nacional de Mondosonoro. O seu álbum debut, Un día en el mundo, está considerado pola crítica especializada como o Mellor Disco Español do ano.

O 1º Concurso de Maquetas Queixo Maquetón, é un proxecto sólido e estable á procura de novas formacións musicais. O concurso de maquetas céntrase nas modalidades de pop rock e novas tendencias, convocando a formacións de todo o país. A actuación dos tres grupos finalistas será o 14 de marzo na Praza da Vila ás 18.00h e a final retransmitirase en directo pola Radio Galega Música. O cartel musical do sábado rematará de madrugada co gañador que se elixa ao longo da tarde, a actuación está prevista para a 1.30h.

Le Punk, por primeira vez en Galicia

Unha das propostas máis interesantes do programa atopámola en Le Punk, coa presentación en Arzúa, e, por primeira vez en Galicia, do seu novo álbum Mátame, un explosivo cóctel que mestura sons que van do tango ao blues, pasando polo folclore balcánico, co que se teñen situado na lista AFIVE dos discos máis vendidos.

A nota de cor a porá a Fanfare catalana Always Drinking Marching Band, que pisarán terras galegas por primeira vez para presentarnos La Calle es Nuestra. Un repertorio actual xunto a súa imaxe transgresora repleta de bailes, coreografías, gags cómico-teatrais e unha gran interacción co público, mudan calquera espazo, praza ou rúa nun concerto de Rock'n'Roll que non deixa indiferente a ninguén.

Uxía presentará no Festival do Queixo o seu novo disco, Eterno Navegar, despois de coñecerse a noticia da súa nominación aos Premios da Música, na categoría de mellor tema en galego. Acompañada por unha magnífica banda e polo excelente músico das Illas Azores, Paulo Borges, Uxía percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos que se mesturan coa súa melodiosa voz e o seu estilo intimista

A actuación de Vaamonde, Lamas e Romero será a encargada de fechar o cartel. Achegarannos a súa particular visión da música popular cun repertorio fresco e desprexuizado, aderezado cunha boa dose de humor e que vén de cristalizar no seu recentemente editado Vellas Artes (Falcatruada 2008).














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal