>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Despedida 'O poder do arcabuz' na Coruña

(ultima actualización: 15 / 12 / 17 )





Sábado 16 de decembro ás 20:00h
Teatro Colon A Coruña.
A Coruña.


Dous anos despois da súa exitosa estrea no mesmo lugar con dous cheos, despídese o musical creado por Quique Peón Cía e Xacarandaina con dúas funcións que terán lugar os días 16 e 17 de decembro no Teatro Colón da Coruña.

‘O Poder de Arcabuz’, un musical que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media, percorreu nestes dous anos grandes auditorios de todo o país coa súa fórmula que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro.

A obra, que formou parte do programa de residencias do Teatro Colón, “é unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo”, explica Peón, “trátase dun espectáculo ambicioso, un proxecto apaixoante e arriscadísimo, con cen artistas en escena, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas”.

A compañía Quique Peón Cía. e o Grupo de Música e Baile Tradicional “Xacarandaina” xúntanse para facer unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega. “O Poder do Arcabuz” fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días. A obra é a descrición surrealista dunha historia, creada para a ocasión, baseada na maior revolta do século XV en Europa: A Revolta Irmandiña.

Quique Peón -autor, director e coreógrafo do espectáculo- utiliza a historia dos Irmandiños e o arcabuz como metáfora do poder e dos cartos. Hai que lembrar que a Revolución Irmandiña foi a maior revolta europea do século XV, que foi derrotada finalmente polos nobres, que traían a primeira arma que usaba a pólvora: o arcabuz.

A danza e o baile tradicional galego serán o elemento principal do espectáculo, a linguaxe de cohesión de todo. Na obra amosaranse diferentes movementos e expresións de danzas, bailes, músicas, cantos e coreografías, moitas delas medievais (de espadas, de arcos, de paus, de cintas, de reis, de dongas e galáns...), empregando un amplísimo abano de movementos folclóricos que evolucionarán até os nosos días e que servirán para relatar o que se quere contar en cada momento.

Sen embargo, a danza contemporánea tamén estará presente na obra, non tanto na súa linguaxe como no seu concepto, pois é un estilo que foi creado para expresar os sentimentos e reexaminar os principios fundamentais da danza como medio de comunicación.

A música, dirixida por Pedro Lamas, será un eixo fundamental do espectáculo e fusionará a música tradicional e a culta, facéndo énfase na do medievo, creando bases contemporáneas e étnicas utilizando música instrumental, de percusión e vocal (solista e coral).

“O Poder do Arcabuz” é un espectáculo concibido como un musical de estrutura compostal de diferentes escenas que se irán sucedendo, unha tras outra, a modo de actos, ao estilo dos antigos ballets románticos.



Teatro Colon A Coruña. A Coruña.
Abrir mapa en navegador

- Xacarandaina -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal