>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

40 anos de “Fonte do Araño” (1977-2017), Reedición conmemorativa

(ultima actualización: 2 / 11 / 17 )





Este xoves 2 de Novembro, as 20 horas, na Fundación Luis Seoane de A Coruña terá lugar a audición e presentación da reedición dun disco transgresor e histórico na música galega. O acto, gratuíto, consistirá na escoita completa do LP (dez cancións) seguida dunha conversa aberta entre o autor Emilio Cao e o público. Esta edición limitada de “Fonte do Araño” – 300 unidades - con motivo do seu 40 Aniversario,  conserva a mesma capa deseñada por Xosé Díaz para a edición orixinal e no seu interior o limiar feito por Alan Stivell acreditando a existencia dun mito cultural chamado celtismo do que Galicia forma parte.


Foron os dias 18,19 e 20 de abril de 1977 cando Emilio Cao, Bernardo Martínez, Xose Ferreirós, Antón Seoane e Xoan Piñón se reuniron nos Estudios Audiofilm para plasmar en dez cancións a chegada dun tempo novo. O que alí aconteceu quedou rexistrado nun disco transgresor onde se atopamos sons acústicos de zanfoñas, arpas, cítolas, gaitas e percusión, xunto a electricidade dos micros e da guitarra eléctrica.


Co tempo, este traballo convertiuse nunha referencia histórica que abriu o camiño para a música celta na península ibérica, e posiblemente non tivera acontecido sen a implicación de Nonito Pereira Revuelta, quen, con esta producción, inauguraba o selo discográfico Abrente, no que tamén grabarían Seoane e Romaní antes de formar Milladoiro, Xosé Quintas Canella, NHU, Xoan Rubia, María Manoela e Xocaloma. 


Parte dos músicos implicados na grabación viñan de formar parte do chamado Movemento Popular da Canción Galega, e compartían ademáis do gusto pola música anglófila, portuguesa, bretona e os cantores sudamericanos, unha mesma visión respecto a necesidade de renovar a música galega  engadindo novos matices, principalmente no referido a unha maior presenza de elementos da nosa cultura.  


O repertorio seleccionado incluiu tres pezas populares – Pandeirada de Nebra, Arrieiros de Moraña, Romance de Bernardino e Sabeliña -, e  sete composicións firmadas por Emilio Cao, quen tamén se encargaría dos arranxos xunto a Bernardo Martínez e Xoan Piñón.


Entre elas cabería destacar Fonte do Araño,  que da nome ao disco e presenta unha enfeitizante mistura tecida co son da arpa céltica, gaita e unhas segundas voces anxelicais, Na noite de San Xoan, ou como a zanfoña e unha sentida interpretación de Cao serven de guía nunha treboada, Chegando ao Caurel ca pegada do birimbao, e as improvisacións  de As gaivotas sobor do nos, sen olvidar Baixaron as fadiñas ou No campo da festa, cadansua con cualidades únicas e inéditas nas grabacións feitas daquela en España, pero que na escoita en conxunto ofrecen unha experiencia sublime.


 





Fundación Luis Seoane. Rúa San Francisco, 27, A Coruña
Abrir mapa en navegador













COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal