>> Iniciar Sesi�n  




+     

 


 

Ferrol celebrará o Entroido con degustacións gratis de lacón con grelos e festivais d comparsas
Fonte / M�is informaci�n

(ultima actualizaci�n: 12 / 2 / 09 )





A concelleira de Festas, Benestar Social, Xuventude, Solidariedade e Muller, Beatriz Sestayo, avanzou os principais atractivos dun cartel de actividades co que o Concello pretende recuperar a festa na rúa durante este Entroido. Así e antes de entrar en detalle, a edil agradeceu as achegas realizadas polas entidades veciñais da cidade e outros colectivos como os hosteleiros e comerciantes, e destacou a unanimidade e consenso alcanzado na comisión de festas na que se deseña a programación. Unha programación que arrancará o sábado 21 de febreiro cunha serie de espectáculos de animación infantil para os máis pequenos da casa. Non terán que desprazarse moito, xa que as actividades se descentralizarán nos diferentes locais veciñais. Así mesmo, os nenos e nenas que acudan ao Centro Cultural Carvalho Calero e á Casa da Xuventude para participar en Os Sabactivos, a oferta de ocio infantil municipal, poderán mergullarse en obradoiros de disfraces, maquillaxe e teatro adaptado ás datas festivas.

Beatriz Sestayo engadiu que ese mesmo sábado pola tarde a praza de Armas acollerá unha multitudinaria degustación gratuíta de lacón con grelos, un prato máis que típico no Entroido, para todos os cidadáns e cidadás que así o desexen. Unha cita que estará amenizada pola actuación das comparsas.

Deste xeito, a edil indicou que o luns, 23 de febreiro, e dacordo coa asociación de comerciantes, se dará a coñecer o nome daquel escaparate que ofreza a mellor imaxe festeira en Ferrol. O último paso dun concurso que se abrirá nos días precedentes.

Na xornada do martes 25 e nesta ocasión en colaboración coa asociación de hostaleiros, Beatriz Sestayo sinalou que distintos negocios da cidade ofrecerán degustacións de tapas típicas do Entroido co fin de ir articulando unha verdadeira ruta. O número de locais adheridos a esta iniciativa estaba en 25, aínda que a concelleira aventurou que a cifra medrará moito máis nestes días.

Xa pola tarde, os ferroláns poderán desfrutar do desfile de comparsas e disfraces. Lembrou neste punto que o prazo de inscripción para participar en primeira persoa aínda permanece aberto. Nesta liña, a concelleira tamén avanzou a grandes rasgos o percorrido do desfile, que se iniciará na praza de Amboage para continuar polas rúas Real, Carmen e Galiano, e rematar na praza de Armas. Esta cita precederá outra de igual ou maior atractivo: o festival de comparsas e disfraces. Na céntrica praza de Armas, todos os asistentes poderán desfrutar de torradas, orellas e filloas, postres típicos do Entroido, de xeito gratuíto.

Tras a xornada do martes, día central do Entroido en Ferrol, a praza de Ultramar acollerá o punto e final ás festas neste 2009. Será o venres 27 co enterro da sardiña e un novo festival de comparsas.

Así mesmo, Beatriz Sestayo quixo destacar que con esa firme intención de recuperar a festa na rúa o Concello ten programado un amplo programa de actividades de animación, á par que subliñou a reaparición das atraccións infantís no Cantón de Molíns despois do seu paso polo Nadal. Dende o 20 de febreiro, ata o 1 de marzo. E, nesta actividade, quixo avanzar que, tal e como sucedera no Nadal, o Concello promoverá de novo a Hora Feliz, 60 minutos de atraccións gratuítas para os máis pequenos da casa. O martes, de 17 a 18.30 horas.

Comparsas

O Concello ten aberto o prazo de inscrición de comparsas para a súa participación no dito desfile e posterior concurso. Os interesados deberán solicitalo no departamento municipal de Festas, sito no Edificio Social, antes do 19 de febreiro e en horario de 9 a 14 horas. Poderán participar todas aquelas agrupacións que estean constituídas cun mínimo de 15 persoas cos seus correspondentes disfraces, ben individuais, ben colectivos. Disporán dun mínimo de seis minutos e un máximo de dez para interpretar as letras que teñan preparado, tempo no que se incluirá tanto a entrada como a saída do escenario. E, ao fío, a concelleira lembrou que as letras dos repertorios deberán de ser obrigatoriamente en galego. Asemade, tamén se poderá participar a título individual, neste caso no apartado de disfraces.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver m�is novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal