NOVA ACTUALIZADA: Tras atopar algúns erros nas anteriores, producironse correccións nas bases do II Concurso de Gaitas Nazario González 'Moxenas'. Podedes consultar as novas bases aquí.
O 7 de marzo de 2009 celebrarase en Valadares (Vigo), o II Concurso de Gaitas Nazario González “Moxenas”, cun único apartado de Cuartetos Tradicionais. Os instrumentos obrigatorios para concursar serán dúas gaitas, un bombo e un tamboril; non serán admitidos máis instrumentos dos enumerados nin menos, debendo os participantes vestiren o traxe tradicional galego. Todos os instrumentos han ser de formato e feitura tradicional, ficando expresamente excluídas as percusións de alta tensión e as gaitas denominadas marciais. Os concursantes farán unha 1ª interpretación libre onde poderán interpretar unha ou varias pezas galegas, recollidas ou de autor, non excedendo os 5 minutos de actuación. Os cinco mellores clasificados no apartado libre terán que facer unha segunda intervención cunha peza obrigada, ¡VIVA VIGO! de Nazario González “Moxenas”. As solicitudes de inscrición dirixiranse, ben en persoa, ben por correo postal, electrónico ou fax ao enderezo do Centro Veciñal e Cultural de Valadares que aparece na ficha de inscrición, só até o 18 de febreiro de 2009. Descargue as bases do concurso e a ficha de inscrición aquí.
|