
“I Festival de Música Boina e Txapela” Estilo libre, rap, rock e micro aberto
O vindeiro venres, 12 de maio, a partir das 19.00h, terá lugar, dentro das actividades do Proxecto Regueifesta, o “I Festival Boina e Txapela”, no Centro Xove da Almáciga, en Compostela.
No Festival Boina e Txapela actuarán García Mc e Dj Mil, Moudafaka e Riajos GatoPersa (AltoAsalto), Lydia Botana Bolboreta e, como artistas convidados desde Euskal Herria, Radio Revolución.
No Festival haberá un tempo para micro aberto e improvisación de quen queira subir ao palco.
O obxectivo deste Festival é establecer lazos de unión musical entre Galiza e Euskal Herria e forma parte do proxecto educativo Regueibertso, un intercambio escolar entre institutos galegos e un instituto vasco, o IES de Arratia, que ten como núcleo a improvisación oral en verso.
A boina e a txapela son elementos identitarios dos pobos galego e vasco e son o símbolo deste Festival que ten como obxectivo crear un espazo para o encontro musical, arredor do repentismo: a regueifa galega e o bertsolarismo vasco, xunto ao freestyle ou estilo libre da cultura hip-hop.
O Proxecto Regueifesta segue a tecer vínculos entre a mocidade galega e a doutras culturas que empreguen a lingua e a improvisación como ferramenta de comunicación interxeracional. Así pois, partindo da improvisación oral en verso de ambos pobos chegamos a un encontro de música e palabra que mestura á perfección ambas culturas. Galego e Euskera baixo o paraugas universal da Boina e a Txapela!!!
O Festival -no que colaboran o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña- ten como obxectivo promover a lingua galega entre a xente nova, especialmente nos espazos de ocio e tempo libre e nas relacións informais. Ademais, quere impulsar a lingua galega nos ámbitos da improvisación oral urbana, do freestyle e o rap, onde o galego cada vez ten máis presenza social.
|