>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Mouriño ou como quitar vida dun pau de madeira
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 29 / 1 / 09 )





B.V.
Ao entrar, os ollos póusanse nun anaco de tea morado con frecos brancos, preparado para acoller no seu seo o fol dunha gaita. Hai máis vestidos, moitos máis, pero é ese o que chama a atención. O seu colorido dalle vida á Grileira, un pequeno obradoiro que leva máis de vinte anos asentado no corazón de Compostela.

Quen recibe aos clientes é un home que non aparenta moito máis de 50 anos, estatura media, cabelo canoso e barba abundante, ataviado cunha bata cor crema e uns graciosos zapatos verdes. “Aquí non hai bos nin malos momentos, sempre hai traballo”, contesta, mentres limpa unha peza recén parida, á pregunta de cal é a mellor hora para manter unha entrevista.

Sen máis explicacións, diríxese cara o interior do taller. Enriba das mesas hai instrumentos de todas as castes. As máquinas parecen agradecer o descanso. Unha partitura sobre un atril e unha manchea de carteis anunciando concursos de gaita deixan claro que ese lazo que une a Xosé Lois Mouriño co instrumento máis tradicional do país galego non vén só do obradoiro.

No seu caso, o gaiteiro chegou antes que o artesán. “Empecei a tocar a gaita aos 14 anos”, recoñece. A día de hoxe aínda non abandonou o vicio. “Non se pode construír un instrumento se non o dominas por completo”. Pero facer gaitas cambiou a súa maneira de tocar. “Para min foi unha sorpresa descubrir como dun anaco de madeira podían saír sons afinados”.

O medo do principiante
Once anos despois de encher un fol por vez primeira, o reputado artesán lucense Sito Carracedo ofreceulle traballo no seu obradoiro. “Fun con medo”, lembra Mouriño, quen fica de pé arrimado a unha mesa por se entra un cliente e hai que saír ás presas. “A construción dos instrumentos para min era algo moi distinto, unha simbiose, un estatus máis alto”.

Pero as leccións do seu 'mestre' axiña lle descubriron os segredos da gaita. Pouco máis de dous anos despois Mouriño xa non sabía o que era o medo, e decidiu virse para Compostela e montar o seu propio taller, A Grileira. O nome, por suposto, dallo unha gaita: a que vai afinada en re.

As máquinas de Mouriño traballan sobre todo para facer este instrumento, adaptado ás esixencias de todo tipo de público. “O cliente escolle todo, dende a madeira ata o tamaño, pasando pola cor e o anelado”. Pero tamén constrúe outros instrumentos coma o 'clarinetiño', conta Xosé Lois entre risas. Como o seu nome indica, é o irmán máis novo do clarinete de toda a vida.

Cada gaita, unha peza única
“Traballo monótono, dis? Nooon!”, responde orgulloso. Ao facer as pezas 'á carta', cada unha “é persoal, case única, unha peza de artesanía”. Mouriño acumula un retraso nos pedidos de máis de seis meses. Non dá feito. Por iso se mostra reacio a pensar na posibilidade de que a música tradicional entre en decadencia.

“Non facemos publicidade nin gastamos un peso en darnos a coñecer”, di, falando en nome de case todos os artesáns que constrúen instrumentos tradicionais. Ao mesmo tempo, lembra que cando el empezou a tocar “eramos catro en Santiago, e hoxe seremos ao redor de 150”.

Na Administración, a través da Consellería de Innovación e, máis en concreto, de Artesanía de Galicia, buscan axudas para mercar maquinaria e para que os obradoiros artesanais non desaparezan. “Pero hai que encher moitos formularios, e nós estamos afeitos a traballar coa madeira, non cos papeis”, conta sorrinte.

Unha guerra de gaitas
Pese a insistir en que a música tradicional non está en perigo, Mouriño si que demanda protección fronte ao que el denomina 'gaitas invasoras'. Critica que moitas bandas de gaitas, sobre todo en Ourense, Ferrol ou Vigo, adoptaron un instrumento marcial, roubado da tradición escocesa. “Temos unha gaita propia e non podemos deixarnos pisar”.

“Enganan aos alumnos, dicíndolles que esa é a forma de tocar propia de Galicia, pero cando as Deputacións pechen o grifo e deixen de regalalas este negocio morrerá”, asegura taxativo. De momento, a el o que lle sobra é traballo. Coa madeira ben seca, toca poñela redonda, furala, anelala e preparar o punteiro. “É o que máis tempo leva facer, pero é o que máis me gusta porque dun taco sen vida estás sacando vida”. O máis aburrido é pulir con lixas.

Dende que secou a madeira ata que a gaita se pode tocar pasan dez días de traballo. E por eles, dependendo dos caprichos de cada quen e do material empregado, Mouriño cobra entre 770 e 2500 euros. Ten que custar moito poñerlle prezo á dedicación, ao esmero, ao coidado de cada detalle. Pero o artesán vive diso e Mouriño é, ante todo, un artesán dende a cabeza ata a punta dos seus zapatos verdes, que parecen ter vida propia.

Ao saír, os ollos volven ao vestido violeta dos frecos brancos. Segue alí, colgado. De portas a fóra, A Grileira pasaría por unha tenda de música e instrumentos tradicionais. O seu escaparate está decorado con discos de Carlos Núñez, Fuxan, Marvela ou Treixadura. Pero un letreiro da mesma cor que a bata de Xosé Lois déixache claro onde estás: 'Mouriño, obradoiro de gaitas'. Entra un cliente e soa unha pandeireta. Rematou o descanso.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal