>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

A mesa redonda `O jazz en tempos de crise´ inaugura o IV Iberojazz
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 14 / 1 / 09 )





A Concellaría de Cultura da Concello da Coruña abre as súas portas un ano máis ao Iberojazz, que dará comezo este xoves 15. A pasada edición estivo dedicada a reflectir os 60 anos de historia do jazz en España homenaxeando a figuras como Tete Montoliú a Pedro Iturralde. Por iso, esta nova edición vén marcada pola continuidade histórica, a través de músicos como o contrabaixista lisboeta Zé Eduardo que dirixira nos anos 80 a Big-band do Taller de Músicas de Barcelona acompañando ao propio Tete Monteliú e o saxofonista-frautista madrileño Jorge Pardo xunto ao guitarrista Antonio Carbonell, como comentou en Radiofusión o director artístico do festival, Alberto Conde.

A encargada de clausurar o festival o 31 de xaneiro é Clunia, que xa ten representado ao jazz galego en múltiples certames e festivais nacionais e internacionais ao longo da súa traxectoria, está a celebrar o seu vintecinco aniversario como formación e fará coincidir a súa presenza no Iberojazz coa gravación do seu próximo traballo discográfico.

Sen esquecer a filosofía que lle deu vida a este festival e en colaboración coa Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, esta nova edición do Iberojazz contará cun novo intercambio entre músicos de diferentes escolas superiores da Península, coa permanente presenza dun grupo da nosa comunidade. Este ano compartirán escenario un combo da Esmae (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto) con outro de diferentes características do devandito Conservatorio Superior de Música da Coruña.

O Jazz Galego seguirá a ter gran presenza no Fórum Metropolitano coa presentación dun novo traballo discográfico da vocalista Terela Gradín e o pianista Manolo Gutiérrez co título de Pascala, un traballo que afonda no pop de Radiohead e nas creacións propias desde a estética do Jazz.

As novidades neste certame 2009 veranse reflectidas en dúas vertentes. A primeira, arredor dunha mesa redonda baixo o título “O Jazz en tempos de crise” que abrirá o Festival no Fórum e será conducida e coordinada por Juan Torreiro xunto a músicos, críticos e programadores da comunidade. Despois, darase paso a un concerto no mesmo Fórum do dúo Ton Risco e Jacobo de Miguel, dúo de vibráfono e piano que presentarán oficialmente en Galiza o seu primeiro traballo discográfico Duo. A segunda novidade, terá como orixinalidade a unión da música ao cinema nun espectáculo multimedia en clave de jazz a cargo do zanfonista Germán Díaz e o guitarrista Antonio Bravo, tratándose dun novidoso espectáculo que percorrerá o Cancionerio popular da Guerra Civil Española baseado nun material recollido no libro de Luis Díaz Viana.

Os clásicos clubs da cidade onde o jazz soa cada noite, non pasarán desapercibidos ofrecendo tres concertos, un en cada club, de tres grupos noveis que ofrecerán a súa visión do jazz actual. No Jazz Vides, o trío 3 Azoteas, presentará un repertorio de composicións propias da man do pianista Iago Mouriño o contrabaixista Pablo Pérez e o batería Miguel Queixas, que se verá reflectido no que será o seu primeiro traballo discográfico. O pub Garufa acollerá a presentación, por primeira vez na súa cidade, da cantante coruñesa Ángeles Dorrio que acompañada polo pianista-teclista Sergio Delgado, o baixista Octavio Vargas e o batería Miguel Cabana, amosarán un repertorio orixinal e de versións propias sobre diferentes cantantes do soul-jazz, en arranxos do propio Sergio Delgado. Xa para rematar, o Filloa será o club, onde o trío Citric presente o seu primeiro traballo discográfico. Citric é un trío que vén de participar no circuíto de jazz do Injuve 2008 e está composto polo saxofonista Luis Verde o contrabaixista Ander García e o baterista Hilario Rodeiro.
















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova




- filloa- garufa -






Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal