NOVAS RELACIONADAS:
"A Roseira", "Leghons", "Pontepedra", "Oroso_reloaded", "Deganha" e "A máquina de meter medo" son os seis temas que podemos descargar xa de Projecto ['trepia] a través da Regueifa. O grupo pontevedrés foi gañador da última edición do certame GZ Crea na súa categoría de música, e segundo en videocreación, e fan convivir a zanfona eléctrica, o baixo, a batería electrónica, os sachos, ou o pandeiro con samplers e efectos.
De feito, esta agrupación aposta pola combinación de tradición con vangarda, e de diversos soportes: imaxe, ou a posta a disposición do potencial multimedia (fotografía, gravación, documentación, internet...); danza, recreación coreográfica inspirada na danza tradicional sen esquecer as achegas da contemporánea; e son, aplicando tamén novas técnicas á música tradicional. "A recolheita de campo já nunca mais será material inerte e anquilosado, senom um instrumento mais ao serviço da expresom cultural", afirman. Por outra parte, traballan en tres frontes: asociativa, escénica e reivindicativa, tanto no espazo público como no privado.
Recuperar a rúa
Dividen a historia da música galega en catro etapas: unha primeira, "de fiadas, de segas, de fiadeiros, de ruadas e de seráns" en que a música formaba parte da vida cotiá. Chegou a segunda, en que "o folklore disfrazou-se de saia vermelha com terciopelo negro e espantalhos (...) fijo-se-lhe crer à gente que aquilo os repressentava, que aquelas danças e música esperpénticas eram as suas raízes". A terceira etapa sería a da recuperación, recollendo a creación tradicional de onde é: do pobo, aínda que sinalan diferenzas entre recollidas fieis e "ornamentadas".
E na cuarta etapa, en que se sitúan, atopamos a deconstrución (non destrución) da música e a danza tradicional. O colectivo atrévese a dicir: "Com nós nasce o crescimento, a expansom. O género 'folklore' começa a nom ser definido polo superficial, polo óbvio, senom polos conceitos, valores e princípios que o sustentam". Que a música e o baile volvan ao espazo público.
Tocan e bailan en vaqueiros e zapatillas, demostran que as ferreñas son para soar na rúa, e que os puntos pódense bailar nunha xolda urbana calquera. Teñen montado "performances" en plena rúa, en supermercados... Para demostrar que a cultura tradicional está viva e é de todos. Que a tradición tamén pode ser revolución. E para afirmalo de vez, agora podemos descargalos libremente e de balde da rede.
|