>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Xose Manuel Budiño: «Toco para transmitir emocións»
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 29 / 12 / 08 )



Non cre na sorte no traballo, senón na constancia; é parte dunha xeración de superheroes da gaita; e acaba de descubrir o recomendables que son as vacacións

Nacho Mirás 22/12/2008

Calquera diría que Xosé Manuel Budiño Lorenzo (Moaña, 1969) está a piques de entrar no club dos 40. Anos, non principais. O seu último disco, Home, é un exemplo da madureza dun músico que sempre soubo que quería vivir do seu traballo.

-Veño de ler: «Budiño no top ten do Reino Unido». Iso si que impresiona...

-Imaxínate... Soubémolo hai pouco menos dun mes, coa lista na revista Songlines, centrada en música folk e músicas do mundo que se distribúe en todas partes. Comezado xaneiro, o disco xa se distribuirá no Reino Unido tamén. Estamos moi contentos, temos feito moitos concertos en Inglaterra, Irlanda e Escocia, pero sen a posibilidade aínda de ter o disco físico.

-¿Que pensa que lle puido chegar tanto aos ingleses para poñelo entre os dez favoritos?

-É indubidable que conectan, hai unha gaita moi presente, eles teñen tamén ese instrumento moi de man. E temos contacto desde hai vinte anos con músicos de alá, hai un circuíto que comezou en Ortigueira e se expandiu por toda Galicia. Practicamente todos os grupos irlandeses, escoceses e bretóns de nome xa estiveron aquí. Hai moita conexión, aínda que despois as músicas sexan moi distintas.

-E, en directo, ¿o público desas terras entrégase igual que o galego?

-Iso está a pasar en calquera parte do mundo. Atópaste no Líbano, por exemplo, en Marrocos, e non sabes o que pode pasar alí. Nos dous últimos anos pasou en Bulgaria, coa xente levantada nun teatro; en México, na praza do Zócalo, que é como dez veces o Obradoiro, con 50.000 persoas... Incrible. Imaxina as sorpresas que levas en Siria, en Xordania...

-A estas alturas, o medo escénico estará superado...

-Si, en canto sobes ao escenario xa está. Hai unha cousa moi clara: toco para transmitir emocións, non hai máis. Se vives o que fas cada día e o levas a un escenario, o público vai bailar se ti queres; vai dar unha viravolta se queres... Depende de como comuniques. A xente ten que ver un concerto como unha película, na que hai que emocionarse, que bailar, ten que recollerse, deixarse levar polas emocións.

-Pero vostede, no escenario, non fai tanto teatro como outros, transmite igual, pero con máis clase, é, se mo permite, menos fantasma...

-Aprendín desde moi pequeno que isto é unha profesión a longo prazo. Con quince anos estaba polo festival de Lorient descubrindo músicos que vivían diso, tiven moi claro que eu tamén o quería para min. Isto é unha profesión, non un fume que desaparece nun par de anos. Hai que telo moi claro e, por suposto, ter unha visión empresarial do traballo, cos pés na terra. Ou se che poden subir os fumes.

-Grandes gaiteiros saíron da súa xeración; penso en Carlos Núñez, en Anxo Pintos, tantos outros. ¿Que pasou?

-É certo que coincidimos toda unha xeración na época da Universidade Popular de Vigo. Hai unha persoa clave aí, Antón Corral, mestre e artesán. El nos fixo ver moi claro que isto podía ser unha profesión de futuro. Unha vez, nunha clase, preguntounos a todos que por que estabamos na Universidade Popular. Eu tiña dezaseis anos e falei moi decidido: «Eu quero vivir disto, non concibo outra cousa». Foi case unha xeración espontánea que tivo presente o que quería facer.

-Estou confundido sobre o título do seu último disco, «Home», fala do home-persoa ou da acepción inglesa, do fogar; igual das dúas...

-O que ti queiras. Nun primeiro momento era home, humano, pero xa nos demos conta que o lerían como fogar. Tamén por cabo Home, esa referencia ao cabo que todos os mariñeiros que entran na ría de Vigo teñen que tomar como guía, unha homenaxe á xente mariñeira que pasa gran parte do tempo fóra para buscarse a vida. Como de familia de mariñeiros que son, síntome nesa onda. E home, como fogar, tamén, porque todos estes países polos que viaxamos son como a nosa casa.

-Cando colga a gaita e sae á rúa, a xente recoñece a Budiño...

-Si e non, é algo que nunca me preocupou. Pero non é desagradable.

-¿Fai máis cousas que vivir de e para a música?

-É complicado. Levo toda a vida así e agora está a chegar o momento no que estou descubrindo outras cousas, como marchar de vacacións. Empezo a reflexionar sobre ese tema e fago algunha escapada; no é bo estar continuamente pechado no estudio.

-Chegando aos 40, ¿non pensou en ter fillos?

-Teño un can precioso ao que quero moitísimo [ri]. É unha das miñas paixóns.

-Hoxe hai sorteo da lotería de Nadal. ¿Xoga?

-Nunca. Nunca creo na sorte no traballo; creo na constancia.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal