
Andrés R. Gavino / El Progreso (Lugo). Cando nin a Playstation nin a estrea nos cines de High School Musical eran un referente de lecer para os máis novas, os xogos e deportes ao aire libre eran unha diversión que todos practicaban. En Santalla, unha pequena aldea da Pontenova, propuxéronse a recuperación desta parte lúdica do pasado coa que os nosos antepasados adoitaban gozar do seu tempo libre.
E os recoñecementos non se fixeron esperar. A Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais de Santalla, logo da celebración de tan só dúas edicións, foi galardoada este ano pola Xunta de Galicia co Premio do Deporte Galego á mellor iniciativa de deporte tradicional. “Éste é un recoñecemento moi importante en tanto que supón un agradecemento ao traballo que se fai durante todo o ano; o premio non é só para a mostra, senón para toda a xente que traballa nela, dos que se achegan para vela e da Pontenova en xeral”, asegura o presidente do Club de Xogos e Deportes Tradicionais de Santalla, Carlos Bermúdez Martínez.
O éxito da iniciativa confirmouse este verán, cando a presenza de case 4.000 curiosos superou con fartura a do ano anterior. “Intentouse mellorar e foi máis completa; o clima estivo a piques de xogarnos unha mala pasada, pero son os riscos que se corren ao facer unha actividade ao aire libre”, di Bermúdez, Todos os que se achegaron á cita puideron gozar de máis de 100 actividades ao longo do día, de catros exposicións —entre elas unha de xoguetes tradicionais moi laureada— ou da actuación musical do grupo galego Treixadura.
Nesta segunda Mostra celebráronse os campionatos galegos de chave, birlos e billarda, este último inédito na cita pontenovesa. Ademais de Galicia, houbo representación de Asturias, Castela e León, País Vasco e Portugal que mostraron os xogos con máis tradición nos seus respectivos lugares de orixe. Entre o máis rechamante, o presidente destaca “o corte de tronco en altura dos asturianos e este ano tamén o levantamento de fardo dos vascos”.
A participación activa de todos os que se achegan ata Santalla para gozar da xornada é fundamental. “Hai a posibilidade de xogar á ra, camiñar con zancos, tirar ao prato... aínda que sen dúbida o que máis éxito ten é o tiro da corda", sinala Bermúdez. Danse situacións singulares que chaman a atención dos presentes como "ver a varias xeracións participando no mesmo xogo; poden estar os avós, os pais e os netos xuntos e son os maiores os que lles explican aos máis novas como se xoga”.
A volta á vida dunha aldea O éxodo rural é algo que non pasa inadvertido a ninguén. Ante esta situación que afecta a todas as aldeas só quedan dúas alternativas: renovarse ou morrer. Ante esta disxuntiva, en Santalla optaron polo primeiro, convertendo o seu pequeno núcleo de casas nun referente para Galicia.
Os veciños, que se fan chamar ‘argalleiros' durante a xornada, traballaron na consecución do proxecto desde o primeiro minuto. "Foron un factor moi importante; nunca puxeron pegas para axudar a nada”, di Bermúdez.
14 casas habitadas por 30 persoas son as que conforman o núcleo de Santalla. Durante a Mostra, sofre un cambio total e o número de persoas dun día normal na aldea multiplícase.
Nacemento nun torneo de veciños Antes de celebrar esta Mostra, os veciños de Santalla organizaban durante as festas patronais un torneo de birlos que foi o xerme do actual despregamento de xogos que ofrece esta cita anual. "Era algo que estaba dirixido sobre todo aos veciños e aos invitados da festa, sen máis”, relata Carlos Bermúdez. Logo dalgúns anos sen que se celebrase a festividade e, xa que logo, o campionato, un grupo de veciños decidiu pór en marcha o traballo que se convertería na reunión de xogos tradicionais máis importante de Galicia.
A magnitude da iniciativa era descoñecida por todos. "é algo único a nivel de Galicia; estaría ben que noutros lugares tamén se fixese, porque a competencia sempre é boa", di o presidente.
|