>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

O Couto lembra o instrumento que perseguiron os cregos
Fonte / Máis información



Acollerá o sábado o cuarto Encontro galego do acordeón diatónico

Os músicos máis famosos de Bos Aires nos anos corenta naceron na parroquia de Tella


«O instrumento rei da música galega», segundo o denominou onte a directora do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, Ugia Pedreira, recibirá o sábado unha merecida homenaxe. Será na Casa dos Veciños de O Couto (Ponteceso), que este ano acollerá o cuarto Encontro galego de acordeón diatónico, que en edicións anteriores celebrouse en Bertamiráns, Lalín e Ourense. Desde as doce da mañá ata ben entrada a noite, decenas de músicos subirán ao palco de O Couto, onde tamén darase a coñecer a historia, en palabras de Pedreira, «deste bicho que foi perseguido polos cregos e que axudou a que se namoraran moitas xeracións de galegos», que, e iso era o que molestaba á Igrexa, bailaron pegados coa música dos diatónicos.

O encontro, no que colaboran a Escola de Música de Serantes, a Asociación Cultural Raigañas, a Asociación Monte Branco, Escola da Rúa e o Concello de Ponteceso, será tamén, segundo explicou, «unha actividade de turismo cultural, que no é só cousa das casas rurais ou as festas gastronómicas». Unha cita «á que virá moitísima xente de fóra» e na que o profesor de historia de música galega no Conservatorio de Música Tradicional, Ramom Pinheiro, expoñerá, a partir das 17.30 horas, a historia dos irmáns Moreira, tres mozos nacidos na parroquia pontecesá de Tella que nos anos vinte emigraron a Bos Aires, onde, «xunto co gaiteiro Manuel Dopazo, convertéronse nuns dos nomes fundamentais dos músicos galegos» en Sudamérica. Pedro, Santiago e Manuel Moreira, que xa non teñen familia na Costa da Morte, produciron os seus propios traballos discográficos e editaron as súas partituras, algunhas das cales poderán escoitarse o sábado en O Couto.

Na Casa dos Veciños, durante todo o día, haberá unha exposición de acordeóns antigos, propiedade do vigués Joam Pedro Branco, obradoiros de baile para os nenos, impartido por Marcelo González e Carlos Quintá. Tamén proxectarán unha reportaxe sobre o señor Pazos de Merexo e entre as 19.00 e 21.00 horas poderán subir ao escenario todos os acordeonistas que o desexen. E despois, co obxectivo de que «a xente baile e se divirta como antano», comezará o concerto no que actuarán Brais Maceiras, o dúo Carlos Quintá & Óscar Fernández, o grupo Os tres trebóns e un convidado moi especial, Pazos de Merexo, «un dos poucos tocadores espontáneos que quedan».














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal