>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Narf leva o seu ‘Totem’ á India e ao Nepal
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 17 / 12 / 08 )





Actuará o día 16 no Teen Murti Bhavan Auditorium de Delhi e o día 18
no Russian Cultural Center de Katmandú
Juan Ramos acompañará a Fran Pérez nesta nova viaxe musical,
neste caso ao Indostán

Fran Pérez e Juan Ramos levarán unha das aventuras musicais da
última década en Galicia, o Totem de Narf, ao Indostán, onde
actuarán o día 16 no Teen Murti Bhavan Auditorium de Delhi e o día
18 no Russian Cultural Center de Katmandú. Os dous músicos
galegos, que se reencontran despois das aventuras musicais
compartidas nos Quinindila orixinais, ofrecerán unha versión acústica
do último traballo discográfico de Narf.
Totem é un álbum que nace de viaxes emocionais, cheo de influenzas
árabes, flamencas, brasileiras, africanas… Un álbum de melodías pop
que lle dan forma a sons de todo o mundo e que, agora chegan
tamén á India e ao Nepal. Narf leva anos viaxando, escoitando,
tocando ao vivo, conversando… e deixando tamén as súas pegadas
sobre as encrucilladas dos camiños, “para atopar o camiño de volta a
casa”. Agora o Teen Murti Bhavan Auditorium de Delhi e o Russian
Cultural Center de Katmandú acollerán os sons viaxados e viaxeiros
de, entre outros, Santiago, O Noso Son e Galician Lullaby.

Narf e a dimensión internacional da música, tamén da galega

Tras vinte anos no mundo da música e formar parte de diversas
bandas de rock, Fran Pérez, artista relacionado dende fai moitos anos
co mundo da cultura teatral e musical, creou no ano 2004 o concepto
Narf. O proxecto do polifacético músico rompe as barreiras e
convértese nunha das aventuras musicais máis interesantes da
última década en Galicia, é a nova identidade para un músico
inquedo, que investiga o ritmo e a harmonía. Unha linguaxe moderna
e sedutora dun músico que se move polos sentimentos. O disco de
presentación de Narf titulouse Directo en Compostela, contou con
Marcos Teira (guitarra) e Pepe Sendón (percusión e vibráfono).

Ao longo destes anos fóronse estreitando os vínculos deste músico
con Portugal e, por extensión, con África. A súa aventura africana
comeza en Maputo (Mozambique), recén chegado creou o espectáculo
Bumba, un incrible proxecto de mestizaxe xunto ao grupo de
percusión Timbila Muzimba. Ademais gravou o single Quero ser
tambor, un tema impactante no que o autor adapta musicalmente un
poema do escritor mozambiqueño, José Craveirinha.
A súa escalada internacional non se detén, realiza diferentes xiras
internacionais por Brasil, Cabo Verde, Mozambique e Cuba nas que
se impregna dos ritmos destas terras. Coa canción Santiago acadou o
segundo lugar no festival de músicas en linguas minoritarias de Liet-
Lavlut da cidade de Ostersund (Suecia) no ano 2006. Durante a súa
terceira xira por Inglaterra no 2007, coa que percorre todo o país para
actuar nos locais máis prestixiosos, Narf conquistou ao público inglés
unha vez máis. Mentres, a súa magnífica versión da canción de
Andrés do Barro, Noite de estrelas, que compuxo para o disco,
Manifesto do Barrismo, converteuse nun dos temas de máis éxito do
disco.
Unha actividade frenética de composición durante anos lévano a
recompilar innumerables temas novos que forman parte do seu novo
disco. Ademais da dimensión acústica coa que sempre se identifica,
Narf crea unha nova sonoridade ao engadir elementos de percusión
que enriquecen a electroacústica e amplían a paleta de cores do seu
inclasificable e orixinal estilo. O seu carácter creativo non descansa,
con este novo enfoque musical quere mostrar unha vertente máis do
seu estilo propio, que mira á música en movemento, que parte das
raíces para mesturarse cos ritmos doutras terras.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal