>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Voces Ceibes
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 16 / 12 / 08 )



Maria Xesús Nogueira .
A Pasada semana a Universidade de Santiago e a Fundación 10 de Marzo celebraban unha homenaxe ao grupo Voces Ceibes con motivo do corenta aniversario da súa creación. O lugar escollido para o evento, o Salón de Actos da Facultade de Medicina, non podía ser máis significativo, pois foi alí onde os membros do grupo conseguiran organizar, en abril de 1968, e sorteando as coñecidas prohibicións do réxime, un concorrido e exitoso concerto no que soaron as cancións do que sería o xermolo do grupo. O público que ateigaba a sala saíu cantando ‘Venceremos nós’, versión galega do himno pacifista ‘We shall overcome’ popularizada nas revoltas estudantís dos anos sesenta.

Corenta anos despois, os membros de Voces Ceibes (coa excepción de Xerardo Moscoso, que saudou o acto desde as súas terras mexicanas de residencia) volveron subir ao escenario para entoar o mítico himno e facernos lembrar que Galicia tivo, nuns tempos marcados polas mobilizacións estudantís e pola loita antifranquista, a súa particular banda sonora. Nacía por aqueles anos a chamada Nova Canción Galega, interpretada por voces que, andando os anos, habían ter unha traxectoria diversa: Benedicto, Vicente Araguas, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Xavier González del Valle ou Miro Casabella.

Entre os méritos de Voces Ceibes cómpre salientar o feito de teren creado unha alternativa á música popular galega, estancada naquela altura na vertente tradicional. Non foi menor o labor de difusión que fixeron, coas súas versións, da poesía dalgúns autores, moi especialmente de Celso Emilio Ferreiro.

O marco político da transición democrática, a deriva da poesía galega cara a un abandono do verso social e a popularización entre nós de novos modelos musicais, os máis deles de procedencia anglosaxona, arrombaron na desmemoria durante algún tempo os derradeiros acordes de Voces Ceibes.

Nos últimos anos, a música popular galega experimentou importantes transformacións, axudada sen dúbida polas novas formas de difusión, entre as que Internet ocupa un lugar principal. Das voces máis novas xurdiron numerosas e variadas alternativas á música tradicional que van da canción de autor ao punk ou ao hip hop. As novas propostas semellan fortalecer un sector ben necesitado de normalización lingüística e historicamente
ameazado por presións externas. Neste novo escenario, resulta curioso comprobar como algunhas destas voces volven beber das fontes inesgotábeis dos nosos poetas e chegan mesmo a versionar algúns dos temas de Voces Ceibes. Velaí están, por citarmos só algúns nomes, Tino Vaz, O Leo i Arremecághona, García, ou Ataque Escampe, intervindo na realidade social coas súas mensaxes e facendo vibrar coa voz da poesía galega os auditorios. Velaí tamén ronsel revolucionario de Voces Ceibes.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal