>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

COETUS EN GALICIA. Residencia artística: Concertos, Obradoiros e Encontros cos artistas.

(ultima actualización: 28 / 9 / 15 )





A orquestra de percusión ibérica visitará Galicia a fin de semana do 2 ao 4 de outubro xunto aos músicos arxentinos Luna Monti e Juan Quintero co proxecto 'Ir y venir'

Os músicos ofrecerán tres concertos, un total de dez obradoiros de formación e encontros de intercambio artístico xunto a músicos galegos na Casa Gasamans (Ames).

Aproveitarán para gravar diferentes directos con público para futuros proxectos artísticos




Coetus, orquestra de percusión ibérica, xunto a Eliseo Parra e o dúo arxentino Luna Monti e Juan Quintero realizarán a comezos de outubro en Galicia unha residencia artística conxunta baixo o título Ir y venir, na que se combinará unha serie de concertos con diferentes cursos de formación e encontros abertos co público. Deste xeito, a formación catalá estarán na Casa Gasamans (Ames) os días 2, 3 e 4 de outubro, ofrecendo un amplo programa de actividades musicais e gravarán ademais directos durante os seus concertos como material para próximos proxectos. Toda a información pódese atopar na web www.iryvenir.info.

Coetus é un atrevido proxecto de orquestra de percusión ibérica dirixido por Aleix Tobías e cuxo obxectivo é a recolleita e posta en valor da abondosa colección de instrumentos de percusión da Península Ibérica. Deste modo, a formación explora e reivindica os instrumentos de percusión, a maioría pouco coñecidos, que ao longo da historia serviron para acompañar as cancións, os romances, as festas e os bailes das diferentes culturas que conviven na península. A proposta, polo tanto, é afondar nos sons de todos estes instrumentos para crear unha linguaxe propia, inspirada nos ritmos tradicionais e nos diálogos coa voz. Para conseguilo sobre o escenario, atopamos un total de 21 músicos de Coetus, reforzados coa presenza do mestre Eliseo Parra, figura imprescindible para entender a restauración das nosas músicas tradicionais.

En Ir y venir, Coetus e Eliseo Parra xúntanse nesta ocasión con Luna Monti e Juan Quintero, dúo arxentino de músicos, nun proxecto que chegará a Galicia en outubro como unha experiencia pioneira e inédita no noso país. Trátase dunha residencia artística na que a formación ofrecerá un total dez obradoiros de formación, abertos á inscrición para músicos profesionais e afeccionados, na fin de semana do 2 ao 4 de outubro. A programación formativa desta residencia artística comezará o propio venres 2 de outubro cunha sesión de Baixo Electrónico no Folclore, impartido por Guillem Aguilar. A partir dese momento, ofreceranse masterclass de Caixón flamenco, coa intérprete Acari Beltrán; Percusión Ibérica, con Aleix Tobías; Arranxos vocais, con Luna Monte e Juan Quintero, ou de Construción de Instrumentos, con Alberto Carreño.

Tres concertos e encontros co público
Durante esta residencia artística da formación, ofreceranse tres concertos nas noites do 2, 3 e 4 de outubro, todos celebrados na Casa Gasamans (Ames) ante un aforamento de 150 localidades. A primeira das actuacións será o venres 2 de outubro ás 22.00 horas e nel actuarán Coetus xunto a Eliseo Parra e Luna Monti e Juan Quintero. O sábado 3 de outubro, tamén ás 22.00, os mesmos músicos subirán ao escenario. Como colofón, o domingo 4 de outubro, ás 20.30 horas, celebrarase o derradeiro dos concertos, neste caso de Coetus e Eliseo Parra. As entradas están á venda dende este venres 11 de setembro, a través de www.codetickets.com. A formación volve actuar así en Galicia despois de dous anos sen visitar o noso país, tras un exitoso concerto celebrado no Teatro Principal en Santiago de Compostela en 2013.

Coetus ofrece, ademais, a posibilidade de pasar as tardes en encontros especiais e íntimos ao redor da música como aperitivo previo aos concertos. Deste xeito, cada unha das tardes desa primeira fin de semana de outubro celebraranse encontros cos músicos participantes nesta residencia artística de Coetus, nos que se realizarán improvisacións musicais, conversas e intercambios no que participarán diversos músicos galegos, ademais de contar cun café e merenda para os asistentes. Durante estas tardes musicais co grupo, celebraranse ademais actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria.

Galicia como referencia
Malia que Coetus é unha formación radicada en Cataluña, para este proxecto escolleu Galicia polo seu interese e afinidade artística. Os compoñentes da orquestra de percusión, tras diversas visitas ao noso país, recoñecen a riqueza e a vitalidade da nosa música tradicional, moi presente nas diferentes manifestacións artísticas, tanto dende un punto de vista profesional como en festas e celebracións. Para Coetus, a pegada da música tradicional en Galicia contrasta coa doutros territorios ibéricos no que se teñen somerxido e na que as expresións tradicionais se atopaban soterradas.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova









Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal