
O I Certame de Música Tradicional “Palla Mallada” celébrase coa participación de 6 solistas e de 7 grupos
O certame, que está organizado polo Concello de Ribadumia e a Deputación de Pontevedra, desenvolverase o domingo no Auditorio Municipal Santa Baia
O Concello de Ribadumia e a Deputación de Pontevedra presentan este domingo, 7 de decembro, o I Certame de Música Tradicional do Salnés, Memorial Palla Mallada. Nesta primeira edición participarán seis solistas e sete grupos chegados de toda a provincia de Pontevedra. O gaiteiro solista pode ir acompañado por ata dous instrumentosde percusión tradicional, tamboril e bombo, mentres que o grupo tradicional comporase, como mínimo, de dúas gaitas, tamboril e bombo. Nos quintetos, o quinto instrumento poderá ser unha gaita adicional, un instrumento de percusión tradicional ou algún instrumento empregado por agrupacións tradicionais no pasado: requinta, clarinete, etc. O certame comeza ás 19:00 horas no Auditorio Municipal de Ribadumia, que ten capacidade para 320 persoas. En primeiro lugar, subiranse ao escenario os participantes na modalidade de solistas. Durante 5 minutos interpretarán un repertorio libre, que será valorado polo xurado do certame. A continuación, será a quenda dos grupos, que disporán do mesmo tempo para presentar a súa proposta musical. O xurado estará composto pola concelleira de Cultura de Ribadumia, Lidia Álvarez; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Jose Juan Durán; e xente recoñecida pertencente ao mundo da música tradicional: Cristóbal Pascual Pérez, gaiteiro do grupo Ardentía; Marcos Campos Pereira, director da Banda de Gaitas Manxadoira; e Óscar Ibáñez García, especialista en música tradicional galega. O premio para o gañador na modalidade de solistas é de 1.000 euros, mentres que 1.200 euros será para o vencedor dos grupos. Ademais, destes premios económicos, o Concello de Ribadumia e a Deputación de Pontevedra entregarán un agasallo a cada un dos participantes nesta primeira edición do certame. Os gañadores de cada modalidade clausurarán o acto coas súas actuacións. O Certame de Música Tradicional está dedicado a José Carballa, Palla Mallada, veciño da parroquia de Leiro e considerado como o precursor dos gaiteiros da zona norte de Pontevedra. O seu obxectivo do certame é promover a participación das agrupacións musicais e culturais que están a proliferar na comarca e nos arredores, e tamén a de músicos que non pertencen a ningunha asociación ou agrupación.
|