>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Entrevista a Vaamonde, Lamas & Romero
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 5 / 12 / 08 )



''Botar unhas risas escoitando música debe ser unha das cousas máis pracenteiras''



Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero unen os seus talentos cun único obxectivo: pasalo ben, só con gaita, acordeón e saxo soprano. 'Vellas artes' é o suxerente título do primeiro álbum, publicado tras máis de dez anos sobre os escenarios, e que presentaron no Cultur.gal.

Pregunta: O título de 'Vellas artes' xa o di todo, ¿que obxectivo tiñan con este disco?

Resposta: O de 'Vellas artes' dío todo por ese dobre sentido que ten o feito de dicilo e que soe a bellas artes, pero ao poñelo con v, á parte de convertilo ao galego, permite combinar eses dous significados de artes antigas, que é a música popular que facemos nós e por outro lado o feito de relacionalo coas artes nobres, un pouco máis 'endiosadas' que son as belas artes.

P: ¿Como definirían o seu traballo?

R: Facemos o que cremos que é a nosa esencia, que é tocar música popular para pasalo ben, para transmitir bo rollo, e para sentirnos músicos, facer música sen máis á parte de parafernalias e loxísticas impresionantes, cada un co seu instrumento e dar unha visión persoal da música popular.

P: É unha música máis pensada para o directo...

R: Que o digas ti é sorprendente, porque nos parece que o disco non representa o que facemos nós. O que fixemos todos estes anos era facer directos, e nos directos convertímolo nalgo máis que música, son unha especie de shows, de performances, nos que a música é unha disculpa para facer outras cousas. No disco non está representado, e lamentámolo, pero nos encargaremos de transmitir que detrás dese disco hai un directo moi interesante.

A renovación da música galega

P: ¿Como se concilian as vellas artes con iso que se dá en chamar 'novo folk'?


R: Nós nunca lle chamamos novo folk, temos claro que segue sendo música popular feita dende 2008 e actualizada cunhas harmonías e con recursos de hoxe, pero tomando melodías antiquísimas arranxadas para unha gaita, un saxo soprano e un acordeón. O novo folk aínda non sabemos o que é, ao mellor estamos facéndoo sen darnos conta. Para nós é simplemente musica popular actualizada, posta a punto en 2008.

P: Sobre esa outras 'renovacións' da música tradicional galega fala 'A marcha dos cheíñas', ¿chegaron respostas a ese tema?

R: É que non fixemos ningunha pregunta, entón non agardamos respostas. Nunha determinada época en Galicia pasou algo coa música popular e sobretodo cun instrumento da música popular, e nós fixemos o que facemos normalmente, tomalo con humor, como sinal de saúde, porque cando un enferma o primeiro que perde non é o apetito, por moito que digan, senón o humor. Penso que gozamos de boa saúde sempre e cando se manifeste por medio dese humor. Hai unha pequena reivindicación que ao mellor entrou neste cd a última hora. A partir de agora xa non ten sentido, reivindicaremos outras cousas.

P: ¿Falta humor no folk?

R: Falta humor e amor. É posible que si, que unha proposta como a nosa rescate esa faceta, a do humor, a de comunicar algo divertido, transmitir non só determinadas emocións primarias como a tristeza ou a ledicia, senón botar unhas risas escoitando música debe ser unha das cousas máis pracenteiras que hai. Pero si é posible que se boten en falta máis propostas non só no folk, senón en calquera ámbito musical nas que se poña o humor no primeiro termo.

Traxectoria
P: Coa traxectoria que levan, ¿teñen asegurado o acceso aos escenarios?

R: Acabamos de sacar disco, pero non deixamos nunca de facer directos, este é un paso máis na nosa traxectoria porque é o primeiro disco que sacamos en formato trío, pero non creo que vaia cambiar sustancialmente a maneira de funcionar que traiamos anteriormente. Somos un grupo que basicamente se coñece polos seus directos, en ámbitos moi diversos: dende a rúa a tabernas ou teatros.

É unha proposta versátil que se adapta a moitos espazos e gozamos de boa saúde no senso de facer actuacións en directo e esperamos que sexa un soporte que nos dea a coñecer entre a xente que non se achegara nunca aos nosos concertos, pero non imos mudar a nosa dirección, que é tocar en todo aquel espazo no que haxa ganas de pasalo ben e de disfrutar de boa música.

P: ¿En que momento decidiron xuntar as súas carreiras?

R: A verdade é que os tres por proximidade xeográfica nos coñecemos dende hai moitos anos e sempre tivemos certa tendencia a liarnos en cousas sofisticadas, sesudas. E iso levámolo parello ao feito de gozar da música en si mesma. Ao principio eramos Suso e eu (Romero) e o concepto era liberarnos de moita presión.

Tamén estaba o feito de ser libre no sentido de non estar atado a ningún tipo de loxística, podemos tocar aquí mesmo ou no Albert Hall de Londres. Isto permitiunos exercer de músicos puros, sen máis parafernalias. A incorporación de Pedro, que tamén coñecemos de hai moito tempo doutros proxectos... É unha especie de terapia á que nos sometemos para facer o que nos gusta facer, que é tocar e pasalo ben tocando, e ver que a xente o pasa ben co que facemos nós.





- VAAMONDE- LAMAS & ROMERO -


NOVAS RELACIONADAS:



Xa á venda `Vellas Artes´, o novo disco de Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero
http://www.ghastaspista.com/novas/leenova.php?id=506


















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal