
3 de abril no Auditorio de Rianxo 19:30 Presentación "Amadeo Goyanes" 20:30 Concerto ZdZ'15
4 de abril no Liceo Marítimo Rianxeiro 22:30 Baile Assalto ZdZ'15
4 e 5 de abril no Auditorio de Rianxo 11:00 Curso de zanfona: Tobie Miller
Zona da Zanfona, o festival internacional de zanfona organizado por aCentral Folque e o Concello de Rianxo que chega á súa XI edición consolidado como un referente internacional no seu ámbito.
Na súa programación inclúense ofertas variadas e complementarias que van desde o público de veciñas e veciños de Rianxo e a comarca de Arousa e de Barbanza até o máis especializado ao redor do instrumento.
Sesións didácticas nas escolas do concello, divulgación do instrumento, curso para especialistas de interpretación con Tobie Miller, virtuosa e referente mundial no prolífico repertorio barroco para zanfona, sesión de baile comisariado por Óscar Fernández e outros zanfonistas galegos e a presentación da últimas investigacións de Pablo Quintana sobre o pioneiro Amadeo Goyanes, discípulo de Faustino Santalices, conforman a programación da Zona da Zanfona para este ano en Rianxo.
Logo de dez anos, os Encontros Internacionais coa Zanfona seguen a estender os límites conceptuais deste “sintetizador medieval” a territorios compartidos por estéticas posmodernas (drone, acusmática, secuenciación computacional, reducionismo, intervención sonora, improvisación, performance, o loop,...) que conviven coa música popular e universal, coa música coma razón social e encontro humano na percepción abstracta da paisaxe acústica dos nosos días.
Son significativas todas as figuras de renome internacional que teñen pasado por este encontro situando a Galicia no epicentro mundial do instrumento e que marca un presente magnífico para un porvir donde a memoria do instrumento vai gañando cada vez máis espazo desde o rexurdir dos anos 70. aCentral Folque é plataforma activa que aposta e pon e conexión a profesionais, alumnado e luthiers conseguindo desde o 2000 unha renovación esencial para o instrumento. Zona da Zanfona ten acubillado os máis sobresaíntes creadores da novas tendencias para o instrumento: Valentín Clastrier, Gilles Chabenat, Gregory Jolivet, Marc Egea, Isabelle Pignol, Óscar Fernández, Anxo Pintos, Adrià Grandia, Germán Díaz ... ou os luthieres e investigadores Jaime Rebollo, Xulio Ga Bilbao, Luciano Pérez, Pablo Cid,...
Consolidado en Rianxo, ubicación de excepción para a cultura do país está a vangarda na programación musical para a zanfona, instrumento carismático que segue a sorprender e dando que falar logo de mil anos de Historia.
|