A Consellería de Cultura e a Biblioteca Pública Antonio Odriozola poñen en marcha un obradoiro para promover e poñer en valor a tradición oral galega a través da improvisación e rima da regueifa.
A regueifa é unha especie de cantiga entre dúas ou máis persoas, que escenifican unha sorte de loita verbal sobre temas variados, pero polo xeral, con moitas doses de retranca e humor. As regueifas seguen o esquema de copla, é dicir, son 4 versos de arte menor e rima asonante, nas que a improvisación é esencial, polo que teñen moitas coincidencias co que hoxe en día é o hip-hop.
O obradoiro de regueifas organizado pola Delegación Provincial de Cultura e a Biblioteca Pública de Pontevedra, enmárcase nun programa de iniciativas postas en marcha pola Consellería de Cultura para poñer en valor a tradición oral e frear así o seu esquecemento. Algúns centros de Educación Secundaria xa levan tempo organizando concursos, así como recibindo obradoiros por parte de profesionais, como o que agora comeza en Pontevedra.
O obradoiro, dirixido a público adulto, comezará o mércores 19 de novembro e se desenrolará todos os mércores, de 19:00 a 20:30 horas, ata o vindeiro 17 de decembro. Os coñecidos regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira serán os encargados de impartirlo. Ambos acreditan unha ampla experiencia, tanto na arte da regueifa como na faceta pedagóxica da cultura popular e oral de Galicia.
As clases constarán dunha parte teórica e outra práctica, na que se introducirá aos participantes no esquema básico das regueifas, as estrofas de 4 versos, así como o valor da rima e o ritmo, e a importancia de controlar o espazo no que o regueifeiro se move.
Na parte teórica haberá tamén lugar para as audicións e introdución nas particularidades da improvisación que se fai noutros lugares da península, incluído Portugal, e mesmo no estranxeiro, especialmente en países de Latinoamérica.
horario: 19 de novembro de 2008 - 17 de decembro de 2008 días da semana: mércores 19:00 - 20:30 Lugar: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola (Fonoteca) Alfonso XIII, 3, 36002 teléfono: 986 85 08 38 ligazóns relacionadas: Biblioteca Pública de Pontevedra
|