>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Entrevista a Antón Castro, compoñente de Fuxan Os Ventos
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 19 / 11 / 08 )





“A militancia no idioma haina que manter sexa como sexa, se é
nos escenarios mellor”



Dende o nacemento de Fuxan os Ventos nos anos setenta máis de trinta persoas pasaron pola agrupación, pero seguen mantendo a súa identidade coma o primeiro día. Unha idiosincrasia que Antón Castro, integrante do grupo, define coma un duro traballo da “musica tradicional e cos poemas de autores galegos cun transfondo reivindicativo claro”. Despois de varios anos sen actuar en directo, o pasado mes de outubro volveron a subirse aos escenarios animados pola produtora Nonsi. O público deu o seu apoio masivo esgotando as entradas, e Antón deixa a porta aberta a futuras actuacións, “se sae algo máis para presentar esta xira fóra de Galiza ou o que sexa, pois ben acollido será”.

- Estades sorprendidos pola acollida do voso regreso?
Que volvas despois de tantos anos sen actuar nos escenarios e que todas as entradas estean esgotadas é algo que te anima. Saber que vai estar chea a sala os dous días da actuación é algo que te enche por dentro.


- Que vos animou a regresar aos escenarios despois de tantos anos sen pisalos?
O motivo fundamental foi que houbo unha proposta da produtora Nonsi de dúas actuacións en Santiago, cunha banda de música detrás e coa posibilidade de levar colaboracións. Isto para Fuxan os Ventos era un soño. Tamén había outro matiz, que tíñamos dous discos gravados dos que non fixéramos directos ningún. Outra cuestión é que había moita xente que nos dicía que os seus fillos tiñan no seu fondo musical a Fuxan os Ventos e que non estaría de máis que nos escoitasen. E o poder facelo é cumprir un soño que todos tíñamos

- Despois desta experiencia, destas dúas actuacións, prantexáchedesvos facer unha xira?
Inevitabelmente cando volves a un escenario a pregunta que te fas é sempre a mesma: facer todo este esforzo só para dúas actuacións? Pois se sae algo máis para presentar esta xira fóra de Galiza ou o que sexa, pois ben acollido será, pero nós estamos centrados fundamentalmente nestas dúas actuacións, pero estaremos atentos ao que aconteza, porque os colaboradores están avisados só para estas dúas, e a ver o que pasa. Entre nós falámolo, pero é algo que non temos valorado.

- Un novo disco é viábel neste momento?

Nestas dúas actuacións grávanse os directos, en principio só cabe esa posibilidade.

- Pero un disco con novas cancións?
En principio non. O grupo se non fose polo contacto que a produtora Nonsi fixo con nós, non estaríamos facendo nada por volver aos escenarios. Habitualmente estamos ensaiando xuntos as cancións ou melodias que van aparecendo, sempre estamos un grupo de 4 ou 5 facendo arranxos pero non estaba no noso ánimo hai 6 meses estar cantando nos escenarios. Chegou a proposta e puxémonos as pilas, apeteceunos facelo, o que vaiamos facer a partir de agora é unha cousa que teremos que falar entre nós.

- Pasaron máis de 30 persoas como integrantes de Fuxan os Ventos, é difícil manter a personalidade do grupo despois de tantos cambios?
A cuestión é que dende hai vinte tantos anos estamos as mesmas persoas, pero seguimos mantendo contacto con xente que estivo no grupo. O importante é manter a personalidade. Fuxan os Ventos é un proxecto que nace nos anos setenta e toda a xente que marcha e se incorpora a este proxecto ten claro o que xa hai: que traballamos a música tradicional e poemas de autores galegos fundamentalmente e que temos un transfondo reivindicativo, tanto as letras como os lugares onde actuamos, en defensa da lingua, dunha Galiza que poida decidir o seu destino. Aí é onde hai que marcar o destino de Fuxan os Ventos, e a xente que sempre pasou estaba de acordo nesas dúas cuestións: a cuestión idiomática e a defensa de que Galiza se fose desenvolvendo por ela mesma.

- O momento actual, o debate que existe sobre a lingua galega, influiu na vosa volta?
Iso inflúe non como grupo, senón como cada un de nós o sentimos en nós mesmos. Non é que se volvese por iso, porque hoxe en día hai xente que está cantando en galego, hai xente que reivindica o idioma. O que está claro é que a militancia no idioma haina que manter sexa como sexa, se é nos escenarios mellor, fóra deles haino que levar a onde faga falta. O caso é que a produtora que nos chama é quen desencadea toda a cuestión, nada máis.

- Que valoración se pode facer do panorama musical que Galiza vive na actualidade?
É un panorama dunha riqueza moi grande, xa dende o punto de vista só da música tradicional hai moitos grupos. Hai un nivel moi alto e iso é moi animoso para a produción musical. O que acontece é que creo que ten que ir parello esa cantidade de xente que sabe tocar e toca facendo musica tradicional con que leven na súa vida o idioma e ese traballar por Galiza e a súa música como conciencia de país.



- Fuxan Os Ventos -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal