>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Derradeiros concertos de Marful: Redondela e Lugo (San Froilán)

(ultima actualización: 14 / 8 / 14 )





Redondela, Casa da Torre. Sábado 16 de agosto ás 22:30h
Lugo, Praza de Santa María, Festas de San Froilán. Mércores 8 de outubro, 21h.

“Que pasa cando se xuntan catro talentosos músicos procedentes de
diversas tendencias musicais?
Poden pasar Marabillas Auténticas, Revolucionarias e Funanbuleras,
Unicas e Libres: MARFUL”.

Marful é un grupo fóra do común, que abriu unha brecha estética no
país, logo seguida por outros. Combinan ritmos bailables procedentes
de América e europeos: tangos, habaneras, fox, jotas, pasodobres,
twist.... con letras actuais, rompedoras, soñadoras, intelixentes. Un
traballo que fixeron desde Compostela, a cidade na que viven, que
concentra en si esta mestura de ritmos rurais e vilegos, e da que eles
teñen unha visión caleidoscópica.

Co seu primeiro traballo (2001) Marful converteuse nun grupo de culto
da música galega. Foi mellor disco do público por votación na Radio
Galega e vendeu nun ano máis de 5.000 copias. Con el representaron a
Galiza no Womex e en diversos festivais de world music do mundo. O seu
segundo disco, Manual de Sedución, esgotou a súa primeira edición ao
mes de saír. A súa presentación na Casa da Música de Porto supuxo un
fito: foron o primeiro grupo galego en actuar no templo da música
portuguesa. Con el percorreron Galiza e Europa nunha singular “Xira
Surreal”, tocando incluso no Parlamento Europeo. E, desde entón, foron
xa ofrecendo adiantos do que sería o seu terceiro disco, previsto para
este 2014, mais a vida deulle unha volta a Ugia Pedreira, a cantante,
que anunciou recentemente que baixará dos palcos por unha longa
temporada despois do verán.

Marful son Ugia Pedreira (voz), Marcos Teira (guitarra), Pedro Pascual
(acordeón diatónico) e Pablo Pascual (clarinete baixo). A voz de Ugia
Pedreira é considerada unha das máis transgresoras e vangardistas da
música galega actual. Non se pode encadrar en ningún xénero: vai do
feminino ao masculino, do dulce ao desgarrado, do calmado ao
irreverente, sendo capaz de comunicar o máis intrínseco dunha
composición e sacalo á luz dunha forma natural, sen esforzo. Marcos
Teira é un maestro da guitarra flamenca. Compositor e arranxista ten
levado ese instrumento desde Galiza ao mundo, tanto cos seus discos en
solitario como dentro de bandas e proxectos colectivos diversos. Neste
momento está vivindo e traballando en Rotterdam. Pedro Pascual,
ademais de ser o maestro indiscutíbel do acordeón diatónico en Galiza,
é compositor, arranxista e produtor. Das súas mans saíron discos que
constitúen o mellor da música galega contemporánea. Xunto co seu irmán
Pablo Pascual, compuxeron músicas e colaboraron con artistas de fama
nacional e internacional. Pablo ademais é luthier e crítico de músicas
populares e jazz en diversas revistas.



- Marful -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal