>> Iniciar Sesi�n  




+     

 


 

XV ENCONTROS DE MÚSICA TRADICIONAL NO MOSTEIRO DE CARBOEIRO

(ultima actualizaci�n: 6 / 6 / 14 )





7 DE XUÑO DE 2014 NO MOSTEIRO DE CARBOEIRO (SILLEDA)

13h. SESIÓN VERMÚ a cargo dos grupos da bisbarra
· Poxa das andas e PROCESIÓN DA SANTA FERREÑA (acompañada polos cabezudos de VIRAVOLTA e os papamoscas de SANTISO)

- APERTURA DA EXPOSICIÓN:
'A PROCESIÓN VAI POR DENTRO' adicada ás manifestacións folclóricas arredor das procesións en Galicia, acompañada polos títeres do Museo da Marioneta, Casa do Títere (Lalín)

- FEIRA DE ARTESANÍA: instrumentos tradicionais, coiro, abalorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería...

- XANTAR POPULAR (empanada, carne ao caldeiro, larpeira, pan, viño/auga, café e ghotas -13€)

DURANTE A TARDE:

· XOGOS TRADICIONAIS PARA CATIVOS/AS E MAIORES con Xandobela e Itaca de Compostela.
· 'A PROCESIÓN VAI POR DENTRO E O CONTAR POR FÓRA' contacontos de Celsiño F. Sanmartín de Lalín.
· MÁSCARA FÓRA! de Fantoches Baj
· 'RECUNCHO DO TOCAR' no patio do mosteiro.

E ao que se vaia facendo noite…

FOLIADA ATA QUE O CORPO AGhUANTE!

ACAMPADA Á BEIRA DO RÍO DEZA

santaferrenha@gmail.com // 658 628 239

VIVA A XUVENTUDE E A XENTE VELLA QUE NON MORRA!!
____________________________________________

A cultura tradicional está de festa, un ano máis, no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. A Asociación Intercultural Santa Ferreña organiza os XV Encontros de Música Tradicional,unha festa que sae da xente e para a xente.

Este sábado 7 de xuño hai unha cita coa música e a cultura tradicionais no Mosteiro de Carboeiro: un lugar para o encontro de xente moza e vella, para a recuperación da tradición e da festa de noso. Non hai artistas convidados, senón que calquera que vaia pode tocar, botar unhas coplas ou sacar uns puntos. “Todo isto sae de xente que achega o seu traballo, o seu compromiso coa cultura tradicional”, din dende a asociación Santa Ferreña. Artesás, bailadores, músicos, teatreiras, ou simplemente xente que se achegue a gozar da festa e participar son os auténticos protagonistas.

Este ano, o programa comeza, como de costume, cunha sesión vermú amenizada por músicos da bisbarra, convocando así un punto de encontro para todos eles, e non han faltar bailadores e bailadoras de Toutón, Zobra, Tordoia, Muíño de Zas... Será entón cando saia en procesión a Santa Ferreña, unha santa pagá co sorriso na cara, paniño na cabeza, e pandeireta na man, acompañada polos cabezudos de Viravolta e os papamoscas de Santiso, seguindo o costume das procesións do Corpus de Santiso e Laro. Pero antes hai que poxar as andas... Os postos para levar a Santa serán para quen máis ferreños pague por eles, seguindo tamén a tradición. E despois dela, dará comezo o xantar popular, con empanada, carne ao caldeiro e larpeira, ademais de pan, viño ou auga e café “con gotas”, todo por 13 euros. Ao fin e ao cabo, esta festa é unha recuperación das romarías tal e como se facían antigamente, sobre todo recuperando o seu espírito, e a devoción pola Santa, que neste caso é unha muller do común, coa experiencia dos anos no rostro e gana de festa, vestida coas mellores galas e coa pandeireta disposta.

Xa pola mañá abrirá ao público a exposición “A procesión vai por dentro”, este ano dedicada ás manifestacións folclóricas arredor das procesións, e que conta outro ano coa “compañía” dos títeres do Museo da Marioneta, Casa do Títere de Lalín. A exposición foi realizada grazas á colaboración desinteresada de asociacións de múltiples puntos de Galicia que se ofreceron a achegaren o seu material e información.

Non ha faltar a feira de artesanía (instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería...), e, xa pola tarde, para facer a dixestión despois do xantar popular, á parte de botar unhas bailas, haberá xogos tradicionais para cativos e non tan cativos, con Xandobela e Itaca.

Celso F. Sanmartín, “Celsiño”, contador lalinense que leva ben anos investigando na tradición oral, achega os seus contos, “A procesión vai por dentro e o contar por fóra”, como leva facendo desde o comezo dos Encontros. O seu repertorio está composto por “contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo”. Ademais, Fantoches Baj achegarán tamén o seu novo espectáculo itinerante de narración oral, en que se emprega a técnica do Kamishibai (coma no anterior As pombas de Carboeiro), para axudar a vender o panfleto do escritor oleirense Manuel Pardo de Andrade titulado Os rogos d'un gallego establecido en Londres, dedicados aos seus paysanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias e o demáis que verá o curioso lector. O Kamishibai é unha técnica xaponesa de narración oral que se relaciona directamente coa literatura de cordel dos cegos cantores, pero que se diferencia en que, na vez de estar todas as imaxes expostas desde un principio, van aparecendo unha detrás doutra gañando un sentido máis filmico e sorpresivo.

E xa ao que se vaia facendo da noite, comezará a foliada, que durará... Ata que o corpo aguante. Desde a Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro queren destacar que esta festa é posible grazas a que unha chea de persoas poñen o seu traballo desinteresadamente, sexa botando contos, preparando a información, na barra, servindo as mesas, organizando a exposición, tocando, desde o posto dos tiquets, ou coordinando o tráfico, un traballo laborioso para o que agradecen a colaboración e comprensión de todos e todas. Tamén sinalan que, para sufragar os gastos, cóntase coa propia cantina da festa e cunha pequena axuda do Concello, así que convidan a quen queira manter viva esta festa a colaborar. Tamén remarcan a importancia do respecto pola festa tal e como é, sen viren ao caso “pinchadiscos” espontáneos ou a presenza de xeneradores eléctricos para desenvolver outro tipo de festas, xa que os Encontros son unha vez ao ano e hai que gozalos tal e como son. Así se presenta unha nova edición dos Encontros. Como di a Santa Ferreña... Viva a xuventude e a xente vella que non morra!















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver m�is novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal