
A Tradescola está a preparar unhas novas xornadas didácticas de música tradicional para escolares que se impartirá en Cervantes.
O vindeiro día 20 de febreiro a partir das 11.30 horas terán lugar dous concertos didácticos de música tradicional no CPI de Cervantes dirixidos á poboación en idade escolar que contarán cos nenos e nenas do CPI de Cervantes e do CEIP da Ponte de Doiras.
Nos concertos farase un percorrido pola evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos séculos e amosaranse os distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional galega.
Os concertos estarán guiados polos mestres da Tradescola, Luis Correa “O Caruncho” e Xose Lois Romero Cajigal.
A través das actividades realizadas nas distintas comarcas da provincia de Lugo, fíxose posible que máis de 2000 escolares de concellos como Ribadeo, Monforte, Vilalba, Sarria, Chantada, Mondoñedo, Lugo, Pastoriza, a Fonsagrada, Viveiro, Pobra de Brollón...entre outros, se achegaran á música tradicional e coñeceran de primeira man os sons dos nosos instrumentos a través dos concertos didácticos e obradoiros impartidos por esta escola.
|