>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Abrindo mercados canción a canción
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 6 / 11 / 08 )



A participación de Galiza no Womex saldouse con éxito, e pode ser considerada un 'paso adiante' para a apertura de novos espazos de comercialización.

Este tipo de feiras non están pensadas, en principio, para xerar un negocio a curto prazo. E máis aínda nos últimos tempos, en que se vén percibindo que a mercados como o Womex acoden moitos máis vendedores ca compradores, o que dá lugar a un certo desánimo. Así é todo, continúan sendo importantes para xerar movementos e construír estratexias a medio e longo prazo, como é a que se artella ao redor da marca Galician Tunes. Porén, Xabier Alonso, da Asociación Galega de Industrias Musicais (AGEM) salienta a extraordinaria corrente de negocio que se xerou neste Womex para as empresas galegas, "houbo algunha que realizou até 25 entrevistas de traballo nos tres días efectivos da feira". Alonso destacou igualmente o éxito dos artistas que actuaron na 'noite galega': Budiño, Mutenrohi e Narf, "o público destas feiras está demasiado afeito a ver concertos, e é difícil ver como se emocionan cunha actuación, como esta vez".

Tamén o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, cualifica de "moi positiva" e de "paso adiante" a participación galega no Womex: "foi recoñecido por outras delegacións presentes alí, tanto a nivel da presenza institucional, a nivel de contactos comerciais das empresas galegas, e a nivel de aceptación e visibilidade dos nosos artistas". Malia a que nos últimos anos o pop-rock galego experimentou un avance moi importante, mellorando a calidade e capacidade de exportación das súas propostas, a world music segue sendo o gran mercado para a industria musical galega, sobre todo para a música en galego, "o público das músicas do mundo é moito máis receptivo a escoitar grupos que cantan noutras linguas, e aí o galego ten cabida", di Xabier Alonso.

GalicianTunes
A consolidación da marca GalicianTunes representa unha "segunda fase" na estratexia de internacionalización da música galega. Durante moito tempo Galiza tivo que loitar contra a imaxe da música do Estado Español que se vendía no extranxeiro: ritmos (e lingua) moi alleos aos nosos. Pero a marca 'España' tiña moito camiño andado e de xeito provisional a estratexia galega pasou en parte por facer un oco nos instrumentos de exportación da música española, por exemplo a marca 'sounds from Spain', na que Galiza se insería en todos os Womex até este ano. "Fíxosenos moito dano ao impoñer un único tipo de música 'española' para a súa exportación", denuncia Xabier Alonso.

Esta semana Galiza participa de forma pioneira no festival Atlantic Waves, concibido como a porta de entrada da música lusófona no mercado anglosaxón. E en poucas semanas chegará unha nova edición de Cantos na Maré, un evento pioneiro e que cada vez esperta un interese maior en todo o mundo, principalmente en Brasil. "É un sector absolutamente estratéxico que cada vez vai cobrar maior importancia: a economía da lingua", di Alonso. "Galiza está no eixo de dous mundos: o castelán, que é unha lingua en franco crecemento, e a lusofonía, cunha importancia económica absoluta a través de Brasil".

As empresas galegas non deixaron de moverse, utilizando ademais estratexias de moi distinto tipo. Abada, por exemplo, combina o esforzo levar fóra a calidade de Marful (varios concertos en España e máis no Festival de Sines), Fía na Roca (concerto en Bos Aires), Bellón e Maceiras (Alemaña, EE.UU., Suíza, Polonia ou Barcelona) ou Leilía (Bós Aires, Brest, Lorient ou Salamanca), con utilizar as innegábeis posibilidades de Batuko Tabanka, ou representar aos grupos bretóns Les Trompettes du Mozambique e Bagad Kemper para toda a península. Mutenrohi é habitual todos os veráns nas Illas Británicas ou Francia da man de Zouma. E Nordesía exporta a todo o mundo tanto a artistas galegos como Uxía ou Narf, ou outros autores lusófonos como Nancy Vieira.

Mercados para a música galega
Os espazos para o crecemento son moitos. De feito, o camiño está pouco máis que encetado. Está o mercado lusófono, moi próximo xeograficamente a través de Portugal, pero no que até o de agora os froitos conseguidos foron pouco máis ca simbólicos. "Avanzouse pouco e hai moito camiño por andar, por moi boas que sexan as relacións persoais de Uxía, ou aínda que empresas como Abada, Nordesía ou La Fábrica de Chocolate estean realizando un traballo moi bo", di Xabier Alonso, que engade que "quizais en certa forma estase errando o enfoque por intentar ir só ou en primeiro termo a Portugal, por estar aí á beira". Alonso cre que o mercado é Brasil, por dimensión e pola distinta percepción que os brasileiros teñen con respecto a Galiza, moito máis aberta que a que teñen os portugueses. Así, nos últimos anos non deixa de crecer o interese de Brasil por iniciativas como Cantos na Maré, e por exemplo a AGEM vén de pechar un acordo de intercambio de artistas coa súa asociación homóloga no Estado de Minas Gerais, con máis de vinte millóns de habitantes. Nestes momentos negóciase a extensión deste acordo a todo o Brasil.

Está tamén o resto do Estado, no que ás veces semella complicado penetrar con música feita en galego; por esa razón Luís Bará apunta a Euskadi e aos Países Cataláns como mercados máis receptivos para a música galega, principalmente Cataluña, onde cada vez son máis os grupos galegos que se desprazan para ofrecer concertos; unha das últimas accións de Galician Tunes, o cd GZPop que se distribuíu coa revista Enderrock, apuntaba nesa dirección. Pasou xa máis dunha década dende o boom do folk no Estado Español, que levou a Luar na Lubre ou a Carlos Núñez a vender ducias de milleiros de discos; ese auxe non foi aproveitado, seguramente porque naquel momento a industria musical galega aínda non estaba madura.

Finalmente, Bara apunta tamén ao "espazo atlántico" como albo da estratexia galega de comercialización da música, en referencia aos países europeos nos que a música de raíz celta é máis popular, como as Illás Británicas, principalmente Irlanda e Escocia, así como Bretaña, onde Galiza será protagonista no ano 2009, ao ser nomeado 'país convidado' no Festival de Lorient. Outro dos obxectivos naturais debe ser hispanoamérica, polos vencellos culturais estabelecidos por Galiza a través dos seus emigrantes. Pero nun mercado global ningún espazo debe ser desprezado, como recorda Bará, que apunta aos Estados Unidos, Australia ou Asia como destinos da música galega. Coñecido é o éxito acadado por Milladoiro en norteamérica ou Xapón, por Carlos Núñez no surleste asiático, ou por artistas como Apenino na China. "É un obxectivo a medio-longo prazo", di Bará, "pero hai que ter en conta que son culturas moi receptivas".















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal