>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

O legado da canción protesta
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 5 / 11 / 08 )





Son voces protagonistas da lembranza (e permanencia) dunha época na que
agromou a reinvindicación da cultura e a lingua propia, nos estertores do
franquismo. Miro Casabella e Raimon contan para ANT TV as dificultades polas
que pasaron durante o fascismo, pero tamén como despois foron ingnorados.



A loita contra a inxustiza e o sometemento de Galiza e a reivindicación da lingua
tiveron unha voz propia nos estertores do franquismo: o 9 de maio de 1967, o
cantautor Raimon (Xátiva, 1940) ofreceu un concerto no estadio universitario de
Compostela, que sería o punto de partida deste movemento da canción protesta.
O paraninfo da facultade de Medicina da mesma universidade acolleu, case un
ano despois (o 26 de abril do 68), un recital no que se musicaron poemas,
nomeadamente de Celso Emilio Ferreiro, e se interpretaron composicións propias.


Benedicto cantou "Eu son a voz do pobo", "Un home", "Loitemos e Carta" a "Fuco
Buxán"; Xavier, "Monólogo do vello traballador", "María Soliña", "Romance
incompleto" e "Longa noite de pedra"; Guillermo Rojo, "Quen tivera vinte
anos", "Tirade ao chan os fusiles", "A vós irmáns", "Señor, eu fun poeta"; Xerardo
Moscoso, "Deuda cumprida" e "Réquiem Nº II" e Vicente
Araguas, "Comunión", "A cea" e "Eles non sabían cantar". En maio, xuntáronse
Araguas, Benedicto, Xavier e Moscoso, amais de Margariña Valderrama e Alfredo
Conde, coa idea de crear un colectivo semellante ao catalán Els setze jutges ou
os vascos Ez dok amairu.

Aí naceu Voces Ceibes. En xuño dese ano, por medio de Salvador García
Bodaño, acordouse co selo Edigsa, de Barcelona, publicar o primeiro disco de
cada un dos catro compoñentes, que se gravaron finalmente no outono. A finais
dese outubro houbo trece actuacións en varias localidades galegas (Vigo,
Ourense, A Coruña, Ferrol, Pontevedra...), e xa o 1 de decembro tivo lugar a
actuación máis importante, no teatro Capitol compostelán, con Benedicto, Xavier,
Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e, xa daquela tamén, Miro
Casabella.

O 25 de xaneiro de 1969 o goberno declarou o estado de excepción que supuxo a
paralización dos recitais. Ese ano actuaron en París, e ao ano seguinte houbo
cambios no grupo, ao marchar Xavier e entrar Xaime Barreiro Gil, ao marchar
Benedicto a facer o servizo militar e deixar tamén Guillermo Rojo o colectivo. En
decembro entrou, por breve tempo, Tino Álvarez, e na primavera de 1971 deixouno
Miro Casabella e entraron Suso Vaamonde e Bibiano. No 72 participaron na
gravación do disco colectivo Cerca de mañana con Lluís Llach, Elisa Serna, Julia
León, Pablo Guerrero, Xavier Ribalta, Imanol Larzábal, Adolfo Celdrán e Juanele,
que saíu ao mercado en 1973 fóra de España. O grupo disolveuse no 74.


ANT TV conversou con Raimon e Miro Casabella, dous hitos da canción protesta
en Cataluña e Galiza, para acercarnos as súas vivencias nunha época convulsa.



- Voces Ceibes -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal