Xa temos aquí o serán de Sela.
Contan con todos vos na tarde-noite do sábado 9 de novembro na Praza de Sela.
Haberá comida e viño de abondo para todos. (Caldo, zorza, castañas e os pratos que os veciños cociñarán para agasallarvos como merecedes. ¡Repeludos gaiteiros! Non faltedes.
II Xuntanza de Labregos do Miño
O sábado 9 de novembro, a parroquia arbense de Sela celébra o seu Serán. En Sela organízanse festas con motivos referidos a traballos e xeito de vida tradicionais ao longo do ano. Así, no seu tempo celébrase a festa da sementeira, a festa da colleita, o serán... que é máis que un serán: é noite de pote e esfollatada, magosto con viño novo, caldo, compota no pote, queimada tradicional no coco... Celébrase ademais a II Xuntanza Tradicional de Labregos do Miño, e a organización quere animar aos visitantes a asistir vestidos de labregos.
O acto do vindeiro sábado dará comezo as cinco da tarde, cando trasladarán, nun carro de bois, o millo recolleitado ó campo da festa, onde será esfollatado. Esta manifestación polas rúas de Sela estará acompañada por labregos das parroquias do Miño, tanto galegas como portuguesas, nun encontro tradicional de labregos do Miño. A continuación comezará a troula ata altas horas da madrugada. Todos os visitantes serán agasallados con castañas asadas e caldo, acompañados dun viño novo exquisito, para rematar cunha compota no pote e a tradicional queimada no coco.
Os grupos que queiran actuar teñen que anotarse nos teléfonos 628 556 549 ou 699 068 131.