>> Iniciar Sesión  




+     

 


 



Especial Discos da Máquina: Das Kapital e Grampoder no Liceo Mutante (Pontevedra)

(ultima actualización: 22 / 9 / 13 )



O venres 27 de setembro, Discos da Máquina deslócase até Pontevedra. Grampoder e Das Kapital farán unha sesión doble no Liceo Mutante. Poderedes conseguir os discos do noso catálogo e o noso merchandising. Comeza ás 20:00h e costa apenas 5 euros.


Grampoder son Le Roi e Martin Wu, antigos compoñentes de bandas como The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra. Fan rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico, hardcore comeflores. O seu set cabe nun Seat Ibiza e din que tanto poden tocar no Carnegie Hall coma no hall dun piso de protección oficial. De feito, na súa curta traxectoria xa tiveron ocasión de actuar en bares, restaurantes, chiringuitos, museos de arte contemporánea, galpóns e salas de estar. Porque o concepto é ese: facer boas cancións, con melodía, enerxía e compromiso, e poder adaptalas a calquera escenario.

Das Kapital nacen en 2011 no corazón da treboada. Autora dos elepés Ruído negro (autoeditado, 2011) –finalista nos Premios da Música Independente na categoría de música electrónica– e Grecia (Discos da máquina, 2013), a banda combina axitación, propaganda, beats rotos, unha poética desfigurada pola guerra en curso, melodías fóra de consenso, palabras de orde intempestivas, e adscríbese ao mesmo lugar que comparten Walter Benjamin e Programme, Os Resentidos e Heiner Müller, Nine Inch Nails e Lois Pereiro. A célula compóñena O Leo (voz), Marcos Paino (bases e sintetizadores) e Daniel Salgado (sintetizador) e por ela pasan, ademais, Tomas Ageitos (son e produción), Doctor Chou (guitarra) e David Ageitos (guitarra). Das Kapital chama a escoller bando e decidir entre o socialismo e a barbarie.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal