>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Danza 3. Folclore na Rúa
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 8 / 8 / 13 )





O programa de difusión do baile e da música tradicionais Danza 3 regresa á súa cita anual co público galego da man das agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña. O ciclo está patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), e conta ademais coa colaboración dos nove concellos nos que se desenvolven outras tantas actuacións.

Baixo o lema "Folclore na rúa", esta nova edición de Danza 3 sae ao encontro dos espectadores en rúas, prazas e espazos abertos das localidades participantes: Betanzos e A Laracha na provincia da Coruña; Sober e Vilalba, na de Lugo; O Barco de Valdeorras e Celanova, en Ourense; e Marín, Ponteareas e Redondela, en Pontevedra.



Cada unha das agrupacións ofrece un total de tres funcións no marco deste programa, co obxectivo de transmitirlle ao público a esencia da danza e da música tradicionais de Galicia a través de espectáculos tan coidados desde o punto de vista artístico como respectuosos coas nosas raíces. Neste sentido, os tres grupos exhiben a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se busca implicar o público asistente, de xeito que cada un destes espectáculos é único, espontáneo e persoal.

Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos levan unha década organizando distintas entregas de Danza 3, para o que teñen colaborado con diversas administracións na divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do noso patrimonio inmaterial. As tres entidades traballan, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas coas que construír experiencias visuais e sonoras para o público do século XXI, poñendo así a súa achega na creación e transmisión colectiva que supón a herdanza secular do folclore galego.

Unidas como colectivo baixo as siglas XOC, estas agrupacións son, así mesmo, as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, iniciativa para a que contan co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e para a que están a procurar, ademais, a implicación do resto da cidadanía e das asociacións, grupos, escolas e demais entidades que desenvolven o seu labor neste ámbito.


- Xacarandaina- O Fiadeiro- Cantigas e Agarimos -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal