
Un ano máis o Colectivo Lúa Meiga organiza o festival Noite da Lúa Meiga, que se celebra dende hai 12 anos no Viso, concello de Redondela. Este ano a cita terá lugar o sábado 31 de agosto.
O Miradoiro do Monte Outeiro Grande volverá ser este ano o escenario da Noite da Lúa Meiga.
Está programada unha xornada de actividade continuada para todo tipo de públicos, primando durante o día ao público máis familiar.
As 12:30h realizarase concentración no Monte da Gándara e a continuación o roteiro de Meighachimpíns ata o Miradoiro do monte Outeiro Grande. A continuación haberá xantar popular, seguindo a partir das 16:00h cos xogos tradicionais para os cativos, obradoiros a cargo de Xoeira e de Emilio da Baña. A iso das 20:00h contarase co espectáculo de humor e malabares apto para tódolos públicos, “A Chungatrona” de Peter Punk. De seguido e xa na sesión nocturna, comezará o concerto e contarase coas pandereteiras Terra Meiga, Os Melidaos, Os Fondaos do Pífaro, Os Terribles de Donas e Os Carunchos.
LÚA MEIGA, REIVINDICANDO O NOSO IDIOMA E A CULTURA TRADICIONAL NAS FESTAS DO PAIS
O sábado 31 de agosto, a parroquia do Viso en Redondela convertirase un ano máis nunha festa reivindicativa en prol da presenza da cultura tradicional e popular en todo tipo de eventos festivos. Denunciar o progresivo afastamento que padece o noso idioma, o galego, dos actos culturais e festivos en grande parte da comarca e, en xeral, na maioría do noso país. O Colectivo Lúa Meiga, organizador da xa 12ª edición da Noite da Lúa Meiga, aposta outro ano máis por ofertar de xeito gratuíto un evento onde a música e cultura tradicional en galego o ocupan practicamente todo, amosando claramente que se poden facer festas atractivas e recoñecidas polo público totalmente no noso idioma e con ingredientes propios da nosa terra, fuxindo de grandes manifestacións espectaculares e foráneas onde a aportación cultural queda reducida á mínima expresión.
Por este motivo, o vindeiro sábado prográmase unha xornada de actividade continuada para todo tipo de públicos, primando durante o día ao público máis familiar. As 12:30h realizarase concentración no Monte da Gándara e a continuación o roteiro de Meighachimpíns ata o Miradoiro do monte Outeiro Grande. Os meighachimpíns naceron de xeito expontáneo da creatividade de veciños e veciñas do Viso, que se animaroon a participar da festa dun xeito divertido, económico e popular.
A continuación haberá xantar popular con polbo, chouripáns, carne ao caldeiro, empanada, etc. a prezos populares. A partir das 16:00h seguirase cos xogos tradicionais para os cativos e tamén para maiores. Poderán recuperar a memoria dos noso avos e avoas co tiro da corda, o xogo da rá, zancos, facendo correr o aro, etc. Un xeito de recuperar a cultura tradicional dos xogos populares galegos. Tamén haberá obradoiros a cargo de Xoeira e de Emilio da Baña.
A iso das 20:00h contarase co espectáculo de humor e malabares apto para tódolos públicos, “A Chungatrona” de Peter Punk, un irreverente pallaso considerado dos mellores de Galiza na actualidade e comprometido con diversas causas benéficas. Gañador do Festiclown 2008, con xiras por Brasil, Italia, Portugal, Palestina, participante nas máis importantes citas de clown do Estado (Cataluña, Baleares, Madrid, Euskadi, Andalucía…) e con Galiza enteira percorrida na procura da risa do seu público.
De seguido e xa na sesión nocturna, contarase cos concertos a cargo de diversos grupos, todos galegos, e que recuperan, actualizan e expallan a nosa música tradicional máis festeira e divertida. Contarase coas pandereteiras Terra Meiga, Os Melidaos, Os Fondaos do Pífaro, Os Terribles de Donas e Os Carunchos.
A Noite da Lúa Meiga celébrase no miradoiro do Outeiro Grande no Viso, torreiro que estará cuberto cunha carpa e cuxo acceso estará debidamente sinalizado. O acceso ao monte será de sentido único, contándose con sinalización que a organización prega se respecte e coa axuda moi agradecida do corpo de voluntarios de protección civil de Redondela.
Toda a información relativa ó programa poderáse consultar na web do festival
www.noitedaluameiga.org ou na páxina de facebook.