>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Festa-homenaxe a Pazos de Merexo en Muxí­a o Venres 16 de Agosto

Ver en Malmequer

(ultima actualización: 16 / 8 / 13 )





Festa-homenaxe que lle imos armar a Pazos de Merexo o vindeiro venres en Muxía, na que el e mais o seu acordeón diatónico serán os principais protagonistas.
Será as oito do serán, no "Rincón da Baiuca", na entrada mesmo de Muxía.


Pazos de Merexo, o mestre do acordeón diatónico da Costa da Morte

No Concello de Muxía, Merexo, aldea recollida no fondo da ría, a carón da fermosísima praia do Lago. Dende sempre, xente bailadora con auténtica fame de música.
Cando era moi novo e aínda non sabía tocar, levaba o acordeón e alquilábao nos bailes que se facían nas palilladas. Fala Pazos, oitenta e seis anos, gatillando dende os doce no seu acordeón diatónico. Aquel tesouro que lle trouxera o seu pai de Buenos Aires.

No cerne da enxebreza está o cosmopolitismo. Nas primeiras décadas do século XX , os homes cruzaron o mar e Merexo estivo moito máis perto de Cuba e Arxentina que de Madrid. En Buenos Aires un tío seu mercou un acordeón. Ía deixalo alá, no barco non había moito sitio para a equipaxe. Afortunadamente o seu pai, que tamén andaba por aló, pensou no fillo.
Manuel Pazos é un talento. Pequeno de corpo, mans grandes preparadas para facer ben calquera traballo. Armar cestos, ir ás lontras e, sobre todo, para crear música. A súa verdadeira paixón dende neno: Pola noite volvía cansadiño de rozar no balume e subía directo ao faiado a serrar no acordeón.

Xotas, mazurcas, tangos, muiñeiras… Nun tempo case sen radios, sen tocadiscos, calquera melodía que escoitase axiña rexurdía nos seus dedos, a armar festa por todos os bailes e palilladas da volta.

O seu repertorio, son anacos da historia da propia Costa da Morte. Cando lle pedín unha peza lentiña, botou esta cantarea:
Heiche de dar para un manto
heiche de dar para un velo
pero non quero que durmas
na miña cama de ferro.

E comentou deseguido: Aprendinlla a Monteagudo, o alcalde republicano de Carballo. Estivo agachado na miña casa. Eu era un neno. El e máis o meu pai, a carón do lume, cantábana cada noite.
Dende a década dos cincuenta, un novo tipo de instrumento, o acordeón piano –grande e con teclas- converteuse no campión de todos os bailes. O pequeno acordeón de botóns foi quedando esquecido, incapaz en competir con tanto portento. Mais Pazos nunca pousou o instrumento, seguiu tocando nas foliadas todas de Merexo. E só calou nos anos tristes da enfermidade da súa muller. Cando ela morreu gardou definitivamente no faiado a caixa da festa.

En 1997, o seu fillo Pedro deulle unha orde inescusable. Cumpría ir a Madrid coa Manada Invencible, a gran manifestación dos gandeiros galegos contra as cotas do leite. O Paseo de la Castellana foi o primeiro escenario do seu retorno á música. Todo o camiño de volta non parou de tocar. Dende aquela non acougou.
Cada un vai a feira co que ten, tal lle comentou a Kepa Junkera no xa mítico encontro do Couto entre estes dous mestres do acordeón.
Que bien toca este hombre –dixo Kepa- me recuerda a mi abuelo. Tanto lle prestou que hai unhas semanas reclamou a súa presenza no próximo disco do vasco, dedicado integramente á música galega. Na gravación participou tamén un novo portento, Pazos pequeno, Manuel, o neto do mestre, que está a continuar a súa escola de alegría.

Nos últimos anos Pazos ten repartido moita música en moitos escenarios. O vindeiro venres, volverá tocar diante dos seus veciños, no Rincón da Baiuca, nas portas mesmas de Muxía. Manuel, o neto, tamén estará alí.

Cómpre pois botar o ajrú, que viva o acordeón da Costa da Morte !





NOVAS RELACIONADAS:



Pazos de Merexo, o mestre do acordeón diatónico
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2013/08/15/pazos-merexo-mestre-do-acordeon-diatonico/0003_201308C15C5995.htm




No concello de Muxía, Merexo, aldea recollida no fondo da ría, a carón da fermosísima praia do Lago. Dende sempre, xente bailadora con auténtica fame de música. Cando era moi novo e aínda non sabía tocar, levaba o acordeón e alugábao nos bailes que se facían nas palilladas. Fala Pazos, 86 anos, gatillando dende os doce no seu acordeón diatónico. Aquel tesouro que lle trouxera o seu pai de Bos Aires.
No cerne da enxebreza está o cosmopolitismo. Nas primeiras décadas do século XX , os homes cruzaron o mar e Merexo estivo moito máis preto de Cuba e Arxentina que de Madrid. En Bos Aires un tío seu mercou un acordeón. Ía deixalo alá, no barco non había moito sitio para a equipaxe. Afortunadamente o seu pai, que tamén andaba por aló, pensou no fillo. Manuel Pazos é un talento. Pequeno de corpo, mans grandes preparadas para facer ben calquera traballo. Armar cestos, ir ás lontras e, sobre todo, para crear música. A súa verdadeira paixón dende neno: Pola noite volvía cansadiño de rozar no balume e subía directo ao faiado a serrar no acordeón.
Xotas, mazurcas, tangos, muiñeiras? Nun tempo case sen radios, sen tocadiscos, calquera melodía que escoitase axiña rexurdía nos seus dedos, a armar festa por todos os bailes e palilladas da volta. O seu repertorio son anacos da historia da propia Costa da Morte. Cando lle pedín unha peza lentiña, botou esta cantarea: «Heiche de dar para un manto heiche de dar para un velo pero non quero que durmas na miña cama de ferro». E comentou deseguido: «Aprendinlla a Monteagudo, o alcalde republicano de Carballo. Estivo agachado na miña casa. Eu era un neno. El e máis o meu pai, a carón do lume, cantábana cada noite».
Dende a década dos cincuenta, un novo tipo de instrumento, o acordeón piano -grande e con teclas- converteuse no campión de todos os bailes. O pequeno acordeón de botóns foi quedando esquecido, incapaz en competir con tanto portento. Mais Pazos nunca pousou o instrumento, seguiu tocando nas foliadas todas de Merexo. E só calou nos anos tristes da enfermidade da súa muller. Cando ela morreu gardou definitivamente no faiado a caixa da festa.
En 1997, o seu fillo Pedro deulle unha orde inescusable. Cumpría ir a Madrid coa Manada Invencible, a gran manifestación dos gandeiros galegos contra as cotas do leite. O Paseo de la Castellana foi o primeiro escenario do seu retorno á música. Todo o camiño de volta non parou de tocar. Dende aquela non acougou.
Cada un vai a feira co que ten, tal lle comentou a Kepa Junkera no xa mítico encontro do Couto entre estes dous mestres do acordeón.
«Qué bien toca este hombre -dixo Kepa-, me recuerda a mi abuelo». Tanto lle prestou que hai unhas semanas reclamou a súa presenza no próximo disco do vasco, dedicado integramente á música galega. Na gravación participou tamén un novo portento, Pazos pequeno, Manuel, o neto do mestre, que está a continuar a súa escola de alegría.
Nos últimos anos Pazos ten repartido moita música en moitos escenarios. Mañá volverá tocar diante dos seus veciños, no Rincón da Baiuca, nas portas mesmas de Muxía. Manuel, o neto, tamén estará alí.
Cómpre pois botar o ajrú, que viva o acordeón da Costa da Morte !






Duelo de Acordeóns en Muxía
http://antigo.quepasanacosta.com/axendacostadamorte/?page_id=2&id=2536


Moitos lembramos aquela máxica noite con Kepa Junquera e Pazos de Merexo no Couto a golpe de acordeóns. Pois os bos de Pazos de Merexo, xa preto dos 90 anos, e de Xurxo Souto, terán desta volta un contrincante aínda máis perigoso que o vasco. O pequeno Manuel Pazos, desta volta, será o “rival” no Duelo de Acordeóns que preparan no Rincón da Baiuca para o vindeiro venrs 16 de agosto.
Vemos pois que a canteira está máis que asegurada e que a música ten moito de herdanza. Estaremos pendentes a este pequeno Manuel, que promete moitas alegrías musicais a toda a Costa da Morte.















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal