>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Nova programación dos Encontros dos Axóuxeres
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 21 / 10 / 08 )





Carballo acollerá o vindeiro 24 de outubro a primeira cita do programa
Encontros dos Axóuxeres, iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de
Política Lingüística co obxectivo de favorecer o uso do galego como
lingua habitual nas comunicacións no seo da familia. Na capital de
Bergantiños, esta actividade levarase a cabo no Pazo da Cultura a
partir das sete da tarde. Xunto con Carballo, outras 24 vilas galegas
acollerán estes espectáculos nos que bebés e cativos son os
protagonistas.

A primeira xeira dos Encontros dos Axóuxeres desenvólvese entre
finais de outubro e o vindeiro mes de novembro, e continuará no
primeiro trimestre do 2009. Melide, o día 26 de outubro, e
Mondoñedo, o 31, serán as seguintes citas desta festa, que se
desprazará en novembro Ribadeo, Burela, Ortigueira, Ribadavia,
Celanova e Oroso. A partir de xaneiro, retomaranse as funcións
noutros 16 concellos galegos.

Características
As montaxes van dirixidas a bebés e cativos de 1 a 5 anos de idade,
e aos seus pais e nais. Este espectáculo está deseñado para ter unha
hora de duración e para realizarse en espazos pechados e cunha
capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus
acompañantes).

As familias que desexen participar nesta iniciativa deberán inscribirse
previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879, dadas
as limitacións de capacidade requiridas polas características do
espectáculo.

Os Encontros dos Axóuxeres danlles continuidade ás Festas dos
Axóuxeres, que se desenvolveron durante o mes de setembro en
cinco cidades galegas. Nelas participaron máis de 1.200 persoas, unha
participación que superou amplamente a do ano anterior, cando se
lanzou por vez primeira este programa.
Un dos denominadores comúns dos Encontros reside en que contan
cun fío condutor tecido, por un lado, polo tema dos sentidos (oído,
vista, tacto, gusto e cheiro) e, por outro, por cinco cancións compostas
expresamente para este proxecto. Cada peza musical dá pé a unha
dinámica interactiva ou xogo para que o compartan os pais e as nais
cos seus bebés e cativos.

A produción do espectáculo corre a cargo da empresa Galitoon. A
cantante e artista Elena Paz é a encargada de conducir cada un dos
Encontros dos Axóuxeres, nos que tamén intervirán outros músicos e
actores. Do mesmo xeito que xa sucedera coas Festas, o boneco
Totó, inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras, constituirá
un dos eixes fundamentais do corpo creativo destas funcións.

Axóuxeres na rede
Co fin de favorecer que os pais e nais poidan continuar xogando e
cantando na casa, ademais dos materiais entregados nas funcións, a
web da Secretaría Xeral de Política Lingüística permite a descarga das
letras e a escoita das cancións do espectáculo dos Axóuxeres. Están
accesibles en
http://www.xunta.es/linguagalega/encontros_dos_axouxeres_2008


Toda a información relativa a esta iniciativa posta en marcha polo
departamento que dirixe Marisol López, así como ás datas nas que se
levarán a cabo os Encontros, poderán consultarse no mesmo
enderezo.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por promover accións
como os Encontros dos Axóuxeres como un paso máis en favor do
proceso de normalización lingüística, tendo en conta a importancia que
ten o contorno familiar na transmisión da lingua propia de Galicia.




Noticia enviada por Entereime en blogoteca.com/malmequer













COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal