
Venres 12 de xullo de 2013 ás 20h e 22h respectivamente no Pazo da Peregrina, Bertamiráns, Ames (A Coruña)
Pesdelán propón un lecer diferente ao redor do baile e para todos os públicos. Levan vendidas máis de 4000 copias do seu primeiro disco Na punta do pé. Pretenden cambiar o concepto de público espectador polo de público participante
O vindeiro venres 12 de xullo ás 20h e 22h respectivamente os grandes músicos e bailadores/as do grupo Pesdelán farannos mover os pés ao tempo que socializamos e nos divertimos sen importar a idade, condición física ou experiencia que teñamos. Este proxecto cultural, de enorme éxito desde a súa creación, chega a Bertamiráns para nos amosar outra perspectiva á hora de asistirmos a un espectáculo. Ademais de escoitar, participaremos nel.
A proposta, presentada esta mañá en conferencia de prensa no Concello de Ames, desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, Ames, o vindeiro día 12 ás 20 e 22 horas e chega a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña 2013. A entrada será de balde.
Alí, maiores, pequenos e mozos/as poderán gozar do bo facer de Pesdelán á hora de dinamizar grupos de persoas a través da música tradicional. Este proxecto de música para baile pretende cambiar o concepto de público espectador polo de público participante e leva vendidas máis de 4.000 copias do seu primeiro disco 'Na punta do pé'.
Pesdelán é moito máis que un grupo de música. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao grupo de persoas asistente, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia.
Unha proposta novidosa e atrevida cunha dobre finalidade: substituír o concepto de público espectador polo de público participante, e como non, pasalo ben.
Unha das integrantes do grupo animaranos a seguir os seus pasos, que nos explicará de forma sinxela e amena, para que todos e todas poidamos unirnos á festa. Acompáñana un grupo de grandes músicos e músicas que interpretarán as melodías tradicionais para podelas bailar. O tempo pasará sen darnos conta mentres aprendemos, rimos, bailamos e coñecemos as e os nosos novos compañeiros de baile.
|