>> Iniciar Sesi�n  




+     

 


 

XIV Encontros de Música Tradicional no Mosteiro de Carboeiro (Silleda)

(ultima actualizaci�n: 24 / 5 / 13 )





1 DE XUÑO DE 2013 NO MOSTEIRO DE CARBOEIRO (SILLEDA)



13.00. SESIÓN VERMÚ a cargo dos grupos da bisbarra

· Subasta das andas e PROCESIÓN DA SANTA FERREÑA
(acompañada polos cabezudos de VIRAVOLTA)


-APERTURA DAS EXPOSICIÓNS:

· "OS NOSOS TESOUROS" exposición adicada aos nosos 'Tesouros
Vivos' e acompañada polos títeres do Museo da Marioneta, Casa do
Títere (Lalín)


-FEIRA DE ARTESANÍA:
instrumentos tradicionais, coiro, abalorios, xoguetes, cerámica,
títeres, bixutería...

- XANTAR POPULAR (empanada, carne ao caldeiro, larpeira, pan,
viño/auga, café e ghotas -13€)



DURANTE A TARDE:
· XOGOS TRADICIONAIS PARA CATIVOS/AS E MAIORES con Itaca e
Xandobela
· "OURO MUDO" con Celsiño F. Sanmartín
· VISITA GUIADA AO MOSTEIRO con Tesouros Novos
· Representación teatral 'DOÑA URRACA' de Tantatutanga Teatro


E ao que se vaia facendo noite…

FOLIADA ATA QUE O CORPO AGhUANTE!

ACAMPADA Á BEIRA DO RÍO DEZA
santaferrenha@gmail.com // 658 628 239




A cultura tradicional está de festa, un ano máis, no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. A Asociación Intercultural Santa Ferreña organiza os XIV Encontros de Música Tradicional, como leva facendo década e media, cada primeiro sábado de xuño. Unha festa que sae da xente e para a xente, e que este ano congrega “tesouros vivos” da terra e de diversos lugares de Europa.

Este sábado 1 de xuño hai unha cita coa música e a cultura tradicionais no Mosteiro de Carboeiro: un lugar para o encontro de xente moza e vella, para a recuperación da tradición e da festa de noso. Non hai artistas convidados, senón que calquera que vaia pode tocar, botar unhas coplas ou sacar uns puntos. “Todo isto sae de xente que achega o seu traballo, o seu compromiso coa cultura tradicional”, din dende a asociación Santa Ferreña. Artesás, bailadores, músicos, teatreiras, ou simplemente xente que se achegue a gozar da festa e participar son os auténticos protagonistas.

Este ano, o programa comeza, como de costume, cunha sesión vermú amenizada por músicos da bisbarra, e non han faltar bailadores e bailadoras de Toutón, Zobra, Tordoia, Muíño de Zas... Será entón cando saia en procesión a Santa Ferreña, unha santa pagá co sorriso na cara, paniño na cabeza, e pandeireta na man, acompañada polos cabezudos de Viravolta, seguindo o costume das procesións do Corpus de Santiso e Laro. Pero antes hai que poxar as andas... Os postos para levar a Santa serán para quen máis pague por eles, seguindo tamén a tradición. E despois desta procesión, dará comezo o xantar popular, con empanada, carne ao caldeiro e larpeira, amais de pan, viño ou auga e café “con gotas”. Ao fin e ao cabo, esta festa é unha recuperación das romarías tal e como se facían antigamente, sobre todo recuperando o seu espírito, e a devoción pola Santa, que neste caso é unha muller do común, coa experiencia dos anos no rostro e gana de festa, vestida coas mellores galas e coa pandeireta disposta.



Proxección internacional dos Encontros

Xa pola mañá abrirán ao público a exposición, este ano, con carácter internacional: os Encontros foron un punto de interese para un proxecto Grundtvig de aprendizaxe permanente no seo da Unión Europea no que participa Xandobela, co propósito de rescatar “tesouros vivos”, documentar a experiencia e favorecer o diálogo interxeracional. A actividade que organiza a asociación Santa Ferreña é centro de interese para varios países, dos que haberá representación nos Encontros, e que contribuirán á exposición con “tesouros vivos” de cadansúa zona.

“A xente vella da que levamos toda a vida aprendendo son auténticos tesouros”, din desde a Santa Ferreña. “Queremos facerlles esta homenaxe para que nos queden aí para sempre”. No proxecto multilateral participan tamén entidades de Portugal, Grecia, Estonia, Letonia e Polonia, todas co propósito de recoller a tradición oral. A exposición, co nome “Os nosos tesouros”, conta coa “compañía” dos títeres do Museo da Marioneta, Casa do Títere de Lalín.

Non ha faltar a feira de artesanía (instrumentos tradicionais, coiro, abalorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería...), e, xa pola tarde, para facer a dixestión despois do xantar popular, á parte de botar unhas bailas, haberá xogos tradicionais para cativos e non tan cativos, con Xandobela e Itaca. Tamén haberá unha visita guiada ao Mosteiro, con Tesouros Novos.

Celsiño F. Sanmartín, contador que leva ben anos investigando na tradición oral, achega os seus contos, “Ouro mudo”. Tangatutanga Teatro representará “Dona Urraca” tamén pola tarde: a historia da primeira raíña nun mundo de homes. Entre o seu condado en Galicia, dous matrimonios concertados, batallas cos mouros, Xelmírez e unha irmá que tamén quere gobernar, hai tempo para dirixir a súa propia vida? Tangatutanga Teatro, cunha experiencia de varios anos e algúns premios sobre as táboas, volve á escena cunha “traxicomedia historicamente incorrecta” retratando a Urraca, “a raíña que quixo voar para acadar os seus soños”.

E xa ao que se vaia facendo da noite, comezará a foliada, que durará... Ata que o corpo aguante. Así se presentan uns encontros que serán, especialmente, encontro cos tesouros vivos. Como di a Santa Ferreña... Viva a xuventude e a xente vella que non morra!


- Carboeiro -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver m�is novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal