>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Ábrete de orellas.com celebra o seu X aniversario con actuacións ao vivo
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 26 / 2 / 13 )





O portal galego Ábrete de orellas.com cumpre 10 anos este mes de marzo e celebrarao cunha serie de actuacións en colaboración con colectivos e locais de Pontedeume, Ferrol e Compostela: catro concertos e unha representación teatral ben musical.

Ademais das actuacións ao vivo, non han faltar sorteo de Galeokes e gravacións de música feita en Galiza, pois o selo DoFol Música colabora co agasallo dun lote de cedés.

venres 15, Pontedeume:
- "O fútbol é así" da compañía Obras Públicas no local do Colectivo Terra Pontedeume. 21:00 h. Apertura de portas 20:30 h. 4 €

sábado 16, Ferrol:
- O dúo 2uS en sesión vermú no bar Cantón Vello ás 13:30 h. 3 €
- Grampoder + Projecto Mourente ás 21:30 h no Manchita Cosa. 5 €

martes 19, Compostela:
- o dúo de Fernando Barroso e Luis Peixoto presenta o seu recente álbum "Pop" na Casa das Crechas. 21:30 h. 5 €
Tras eles, unha sesión de picadiscos orelluda.

Ábrete de orellas.com non ten afán de lucro, polo que os prezos das entradas son ben económicos e destinados a pagar os artistas. Os aforos son limitados e as camisolas conmemorativas por encarga, así que aceptamos reservas en abretedeorellas@gmail.com


"Ábrete de orellas" xurdiu en Ferrol aló polo 1997 coma un programa radiofónico e foi crecendo a carón do seu director Pepe Cunha. Ao tempo que espallaba a súa faceta de comentarista musical por diversos medios (Radio Kaos, Rádio FilispiM, Diario de Ferrol, Radio Fene, De troula, Xornal de Galicia, TVG ... ) hai xa dez anos creou Ábrete de orellas.com, portal especializado en música e concertos na Galiza. Cunha atención especial a artistas, salas e produtoras do país, non pretende crear tendencias, senón divulgar, ser un punto de encontro das diferentes propostas. Máis de 1500 seareiros en facebook e máis de 20000 visitas no último ano animan a seguir mellorando.

Sobre os artistas participantes no aniversario:

"O fútbol é así" é unha historia baseada en feitos inventados que ben puideron ter ocorrido na fase final dun mundial no que xogaba unha selección vestida de vermello. Producción de Obras Públicas, escrita e dirixida por Xosé Prieto e protagonizada polos actores Leandro Lamas e Mos, que descreben o espectáculo como "60 minutos de música e teatro con xornalistas deportivos, coa afección e por suposto cos xogadores". Gargalladas aseguradas e un bo feixe de recoñecibles cancións con letras irónicas e acedas.

2uS é a unión da guitarra eléctrica de Pablo Carrera (Doutor Harapos) e o clarinete de Fernando Abreu (Cuarteto Caramuxo, OMEGA, Banda Crebinsky ...) que se presentou hai uns anos co álbum "Só son sons". Desde o sur de Pontevedra e de proxectos ben diferentes, estes músicos arrédanse de teorías para unirse instrumentalmente con calma, agarimo e sen prexuízos para ir deixando pingas máis ou menos abondosas de jazz, funk, pop, música contemporánea, world music con arumes africanos, caribeños ou orientais ... segundo pidan o ánimo ou o momento. Con elegancia, sen brusquedade nin elitismo, pasan do acústico ao eléctrico, da tranquilidade e a calma ao baile suave e incluso momentos de desacougo ou experimentación.

Grampoder é o novo proxecto dos composteláns Le Roi e Martin Wu, anteriormente en bandas como The Homens, Stay Pretty, Fame Neghra ou Mato Grosso. Neste novo proxecto en dúo mesturan a súa actitude roqueira de sempre cunha instrumentación acústica, máis portátil. Chamémoslle pop campestre, folk psicodélico, punk acústico ou hardcore hippie, pero o mellor é descubrilo ao vivo mentres agardamos vexa a luz o seu primeiro álbum.

Projecto Mourente é uma iniciativa persoal aberta à participaçom da gente. Trata-se de fazer pop em galego com tecnologia doméstica. Compomos e gravamos na casa para difundir o resultado na rede. Poucas vezes damos concertos, pero já temos percorrido umas quantas vilas "senlheiras" (Melide, Carvalho, Lalim etc.). Voltamos a Ferrol para celebrar o aniversário de "Abrete de orellas" presentando algumas canções do novo álbum "A pior" sem esquecer os nossos temas mais conhecidos (Como os caranguejos, Que me enterrem na discoteca, Chuliboy, Controla-te).

Luís Peixoto e Fernando Barroso son dous músicos novos pero experimentados. O galego Fernando (Riobó, Coanhadeira, Os Cempés) e o portugués Luís (Anxo Lorenzo, Kepa Junkera, Quadrilha, Galandum Galundaina ou Dazkarieh) xa traballaron xuntos no trío Assembly Point e agora presentan "Pop", un novidoso proxecto que se afasta do estrictamente tradicional e popular para afondar na música instrumental en diferentes estilos. Os piares fundamentais de "Pop" son a variedade instrumental (bouzouki irlandês, guitarra de Coimbra, viola braguesa, bandolim, cavaquinho, banjo tenor, ou as guitarras acústica, clásica e eléctrica, pandeireta, pandeiro, asubíos, sintetizadores ...) e os ritmos con influencias que van desde os antigos trobadores até os anos 80 ou a actualidade. Gravado, arranxado e producido por eles dous, "Pop" é o resultado de "desprendernos dos nosos referentes, o que pode soar a vello, pero que se ve claramente que non foi gravado hai anos."

Grazas aos locais colaboradores:

Colectivo Terra, Pontedeume. Boa Vista 8, Baixo.
CantónVello, Ferrol. Rúa Taxonera 1, Entrechán.
Manchita Cosa, Ferrol. Rúa Magdalena, 138.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela. Rúa Vía Sacra, 3.


- Ábrete de Orellas- 2us- Projecto Mourente- Casa das Crechas -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal