>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

A Compañía do Ruído presenta o seu disco cunha gran festa en barco pola ría de Arousa

(ultima actualización: 8 / 3 / 13 )





O próximo día 23 de marzo un catamarán levará o son dos 'Pensares galegos' por toda a ría de Arousa. Así decidiu A Compañía do Ruído presentar o seu último disco, mais non só previron iso, senón que un menú a bordo con produtos locais e máis actuacións e performances en directo completarán unha xornada cultural diferente que se converterá nunha nova edición da Festa da Chuvia.

Tal e como afirma o líder da banda ribeirense, Suso Bello, “somos xente do mar e é algo que temos preto, enchemos de lixo e quitamos peixe, xa é hora de lle dar algo”. Con esa filosofía como base, a nova edición da Festa da Chuvia vai acoller a presentación do sexto disco da Compañía do Ruído, 'Pensares galegos'.

Cun palco movedizo como escenario e a Ría como praza, unha ruta en barco de 8 horas acollerá desde a presentación do disco a varios grupos de animación musical, tales como Ce Orquestra, a Magnifique Band dos Homes sen Medo, O Leo e Arremecághona, performances a cargo de De Botero a Bo Derek, exposicións e o xantar no que poder degustar produtos chegados desde a lonxa de Ribeira ou doces marroquís para a sobremesa.

Vémonos nos mares
Esta edición da 'Festa da chuvia' “organizámola para presentar o disco”, afirma a Compañía. Se ben, a primeira tivo lugar 10 anos atrás “para pagar abogados que nos defendesen por tocar na rúa”. Desde aquela, cada ano buscaron grupos para tocar e “toda Ribeira está implicada”, indican. Desde o venres 22 ata o domingo 24 os bares van poñer tapas, contratar grupos de animación, e “durante tres días, mar e monte uniranse para reivindicar a cultura e as tradicións”, conclúen desde a banda.

Para poder asistir a este concerto de presentación xa están todas as entradas vendidas. “Nun só día esgotáronse”. A este éxito de vendas súmase o tempo récord no que o grupo conseguiu os 2.200 euros necesarios para a gravación do disco a través de Verkami. 'A compañía do ruído' agradece a “enorme” acollida deste proxecto, que por outro lado responde aos moitos anos de traballo a prol da cultura destes seis galegos que compoñen o grupo.

“Bótalle un ron Collins, Llon!”
Este sexto disco da Compañía do Ruído inclúe 9 temas novos ademais de algúns cantares tradicionais e versións de Zënzar e os Diplomáticos de Montealto, ou os JJJ (grupo de Ribeira dos anos 80), así como outras pezas que o grupo foi compoñendo durante os seus 10 anos de traxectoria. En total, 14 temas nos que poder atopar a esencia deste grupo galego xa consagrado.

En 'Pensares galegos' poderemos escoitar desde a historia do ron Collins, ou como os piratas cubanos botaban limón ao ron para curar a gota ou as reflexións de Ventura 'O Fedello' que cantaba "al crusar el río, aquí te espero" nunha versión daquel tema dos 'Tam Tam Go', entre outras.

“Estamos fortes”
Tal e como afirman desde o grupo, “Estamos fortes, temos confianza na formación e ganas de facer directos este verán”. Sen dúbida, a banda atópase nun momento de forma extraordinario. Cun repertorio renovado e unha proposta artística cada vez máis demandada por festivais e outras programacións, a Compañía do Ruído prepárase para afrontar un verán cheo de concertos da man de Culturactiva SCG, a súa produtora.




- Compañía do Ruido -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal