>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Finalistas XII Premios Opinión: Candidatos veteranos e noveis
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 24 / 2 / 13 )





MELLOR ARTISTA
Pancho Álvarez
O porriñés foi membro nos anos oitenta do grupo Na lúa. A carreira como solista vai sumando etapas e con este cuarto disco logra o seu recoñecemento como compositor e instrumentista.

Alonso Caxade
O músico é acordeonista dos Caramuxo. O seu labor como arranxista no traballo ‘jazz&trad’, do dúo PeldeNoz, fixo que o xurado recoñecese os seus méritos para entrar nesta lista.

Óscar Fernández
Esta é a segunda candidatura acadada polo músico ferrolán nesta categoría. O ano pasado foi por exercer de director musical e nesta ocasión saliéntase o seu labor no álbum de Os Cempés.

Rodrigo Romaní
O prestixioso músico consegue aparecer como finalista en todas as categorías. O seu traballo de composición e arranxador de temas tradicionais situouno como un dos finalistas.

MELLOR TEMA ORIXINAL
Meu nome por mar e terra
Autor: A cada canto

Este tema foi o primeiro que se deu a coñecer oficialmente por parte do cuarteto formado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero. É unha das pezas desta obra realizada de xeito conxunto. O autor da letra é Carlos Rivero Troncoso.

Terra de Melide
Autor: Rodrigo Romaní

Esta composición de Rodrigo Romaní é a que abre o seu último álbum, un traballo marcado polo son da arpa, instrumento que vai estreitamente ligado á andaina do noiés. A localidade de Melide serve de inspiración para a creación dun tema doce.

A Borna
Autor: Pancho Álvarez

O músico adoita tocar unha manchea de instrumentos nos seus traballos como solista e nesta peza instrumental emprega guitarra, violín, pandeireta, bombo e unha harmónica rechamante, xa que non se acostuma empregar neste tipo de música.

Muiñeiras da noite
Autor: Óscar Fernández

Óscar Fernández compuxo varias das pezas incluídas no último disco da banda ferrolá Os Cempés, da que é o cerebro creativo. Traballando nesta ocasión co popular ritmo de muiñeira, o autor realiza un tema que constitúe un dos valores sobranceiros do álbum.

MELLOR DISCO
Pop
Intérprete: Barroso e Peixoto

O ano pasado estaban na gala como compoñentes do trío Asembly Point e agora Fernando Barroso e Luís Peixoto decidiron montar un dúo para seguir incidindo en pezas de composición propia nas que os instrumentos de corda dominan totalmente a sonoridade da obra.

Mar maior
Intérprete: Luar na Lubre

Primeiro álbum como cantante do grupo de Paula Rey. A obra ten achegamentos á lírica medieval galaico-portuguesa e ao mundo céltico. Son xa vinte e sete anos os que leva de traxectoria o conxunto herculino.

Arpas de Breogán
Intérprete: Rodrigo Romaní

Gravado con tranquilidade na súa casa, o músico decidiu plasmar o seu amor pola arpa nesta nova incursión discográfica. Nesta ocasión cedeulle a responsabilidade de cantar a Inés Lorenzo nun disco que tamén conta cunha parte instrumental de peso.

jazz&trad
Intérprete: PeldeNoz

O dúo PeldeNoz realiza un traballo arriscado nesta obra na que son quen de mesturar con gusto a tradición galega co mundo do jazz. O son provén dun acordeón e un contrabaixo e nalgún tema contaron co acompañamento da voz de Xandre Outeiro.


O noiés Rodrigo Romaní aparece como finalista nas tres categorías que se conceden nos galardóns e Óscar Fernández, membro de Os Cempés, repite na lista de mellor artista
Nesta edición dos galardóns achamos unha mestura entre as candidaturas finalistas de artistas xa veteranos, cunha sólida traxectoria, e músicos que aportan traballos que supoñen o seu debut discográfico, como acontece con dous dúos que foron quen de entrar nunha lista sobranceira da que é difícil formar parte, e máis se temos en conta que este ano o xurado debeu valorar case un 30% máis de traballos que na edición anterior.
O portugués Luís Peixoto gañou o ano pasado o premio á mellor canción formando parte do trío Assembly Point. Nesta ocasión editou unha obra a dúo co ferrolán Fernando Barroso que vén de acadar un lugar entre os finalistas a mellor álbum. Pola súa banda, o dúo PeldeNoz, debutantes discográficos no 2012, tamén logrou unha candidatura como mellor disco e ademais engadiron que Alonso Caxade, quen exerce de arranxista dos temas, entrara na terna dos mellores artistas. Na categoría de mellor tema orixinal non tiñan posibilidades, xa que o repertorio do seu traballo provén da tradición. Nesa loita para ser a mellor peza atopamos unha canción do cuarteto A Cada Canto, unha composición de Óscar Fernández incluída na obra de Os Cempés e unha creación de Rodrigo Romaní, quen é un dos grandes protagonistas destes nomeamentos ao lograr entrar co seu Arpas de Breogán nas tres categorías (disco, canción e artista). Unha menos logrou outro home que tamén leva moitos anos de andaina no mundo do folk e que completa o cuarteto para mellor canción. O traballo de Pancho Álvarez como solista, tamén é integrante dende hai tempo da banda de Carlos Núñez, aparece tamén con opción de vitoria como mellor artista do ano.
Esta é a segunda edición da nova etapa dos galardóns, anteriormente só eran recoñecidos os tres mellores discos, e Óscar Fernández conseguiu aparecer novamente entre os finalistas na categoría de mellor artista. O ano pasado optou a ese recoñecemento como director musical do álbum Atlántica Vapora Orquestra e nesta ocasión o xurado salientou o seu traballo creativo na obra de Os Cempés, grupo do que é o auténtico cerebro e para o que compuxo varias pezas.
Outros músicos con longa andaina son os coruñeses Luar na Lubre. En dúas ocasións quedaran ás portas de recibir un premio, ao ser cuartos nas votacións, e agora teñen opción de facerse con el na categoría de mellor álbum polo seu Mar maior. Os tres vencedores serán dados a coñecer no decurso da gala de entrega dos galardóns.
A décimo segunda edición dos premios creados polo xornal LA OPINIÓN volve contar entre os seus finalistas con diversas óperas primas, polo que se comproba que todos os anos a escena folk do país conta con boas novas propostas, xa sexan de músicos emerxentes ou xente cunha maior traxectoria que decide aportar unha nova perspectiva musical, o que resulta vital para que o panorama creativo non quede unicamente nas mans de artistas coñecidos, dos que se debe valorar que continúen ofrecendo obras de interese.



- A Cada Canto- Rodrigo Romaní- Pancho Álvarez- Os Cempés- PelDeNoz -












COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal