>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Peche no Gaiás contra o desmantelamento da Cultura

(ultima actualización: 18 / 2 / 13 )





Próxima acción: Concentración nos Premios da Cultura Galega

Dende a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais, con motivo da celebración da cerimonia de entrega dos Premios á Cultura Galega que terá lugar este xoves na Cidade da Cultura de Galicia, convocámosvos a unha concentración na rotonda de acceso ao mausoleo do Gaiás ás 18.00 h.

Convidamos a esta concentración a todos os profesionais implicados no sector cultural, aos que se nos está privando o dereito a traballar, pero tamén á cidadanía en xeral á que se lle está a arrebatar o dereito de acceso á Cultura.

En ningún caso queremos boicotear esta cerimonia nin causar prexuízo aos premiados, pero os "responsables" da Administración terán que acceder á gala por esa rotonda e cremos que é un momento perfecto para que nos escoiten, ao tempo que evidenciamos o paradoxo de que os mesmos que entregan os premios sexan quen están a asasinar á Cultura Galega.


-----------------------------------------------------------------


O SECTOR DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS PÉCHASE NA CIDADE DA CULTURA.

Arredor de 200 profesionais convocados pola Plataformas das artes escenicas e Musicais continúan, na AGADIC, as mobilizacións iniciadas en outubro do 2010.

Santiago de Compostela, 18-02-2013 Dende esta mañá os profesionais das Artes Escénicas e musicáis, están concentrados no edificio da Cidade da Cultura, onde se atopa a Axencia Galega das Industrias Culturais para denunciar cunha solicitude formal a grave situación na que se atopan as empresas e traballadores do sector. A policía, xa alerta da mobilización, personábase dende a semana pasada no Gaiás e dende este mediodía taponan a entrada ás oficinas. Cada un dos manifestantes entregou unha solicitude pasada por rexistro na que se reclama unha xuntanza co Conselleiro, D.Jesús Vázquez, e un plan estratéxico para as Artes Escénicas. Coas mesmas reivindicacións que levan facendo dende o 2010, un nutrido grupo de profesionais, no vestíbulo do Arquivo de Galicia pasadas ás 15.00 e coas luces apagadas maniféstanse cantando coa melodía de Silvio Rodríguez "Ojalá", unha versión co estribillo "O Gaiás se che acabe o desprezo constante" e a berros piden a presenza do conselleiro e máila súa "dimisión por non escoitar á profesión!". Tras a puntual chamada telefónica o Conselleiro, vía secretaria, acepta sine die a proposta de Xuntanza cos representantes do sector na que de volta se lle manifestará necesidade de: un interlocutor para a administración, a fin da parálise das redes de distribución, dos retrasos nos pagos e da interteza que vive o sector e que está a afundir ás empresas culturais. A Consellería amenazou aos manifestantes con que poden ser responsables de Desobediencia civil e que se se resisten ao desaloxo poderá ter consecuencias penais. A Plataforma Das Artes Escénicas e Musicais está integrada por: AAAG(Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Escena Galega (Asociación Galega de Artes Escénicas), DANESGA (Asociación Profesional de Danza Escénica Galega), Salas de Teatro Privadas, AFEARTE (Asociación de Festivais de Artes Escénicas), ASILGA (Asociación de Ilusionistas de Galicia), UNIMA GALICIA (Unión de Marionetistas de Galicia), Asociación de Alumn@s da ESAD, APCG (Asociación de Profesionais do Circo de Galicia), CIRCO9, AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Asociación de Artistas de Rúa, Revista Núa, Revista Galega de Teatro, Asociación de Amigos do Teatro de Vigo, Asociación Galega de Músicos ao Vivo, CLUBTURA (Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo)





NOVAS RELACIONADAS:



A Plataforma das Artes Escénicas asume pasar a noite "sen comida nin bebida" no Gaiás ante o silencio do conselleiro - Cultura - Sermos Galiza - A Información precisa
http://www.sermosgaliza.com/artigo/cultura/a-plataforma-das-artes-escenicas-decide-pasar-a-noite-sen-comida-nin-bebida-no-gaias-ante-o-silencio-do-conselleiro/20130218135951011287.html


En asemblea e por maioría. Os membros do colectivo que están a ocupar a sede da Agadic, situada no Arquivo da Cidade da Cultura, decidiron pasar esta noite dentro das citadas instalacións. A policía asegurou que non habería desaloxo, pero advertiu que ninguén máis poderá entrar no local e todo aquel que saia non volverá acceder. Os manifestantes fan un chamamento aos compañeiros de oficio que están fóra para que lles intentan traer comida e bebida, xa que non teñen alimentos para pasar a noite. Mesmo algún membro da seguridade da Cidade da Cultura quixo negar o acceso aos baños do edificio ante o abraio dos asistentes. Finalmente tal negativa -tan bizarra, sexa dito de paso- quedou en nada. Ducias de membros do sector prepáranse a tal hora para pasar a noite se, finalmente, a policía non toma medidas no asunto e os expulsa.

Polo momento, o compromiso é que nada farán, unicamente limitar o acceso. A Plataforma, ademais, segue a esperar unha chamada da Consellería de Cultura para que, polo menos, marquen unha cita clara e firme co conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, quen segundo as fontes da consellaría -que falaron cos voceiros do colectivo- hoxe non puido atender as diversas chamadas realizadas polos voceiros da plataforma. Os teléfonos, ademais non deixaron de soar, xa que chamaron algúns deputados do BNG e de AGE, que se interesaron por saber como avanzaba o encerro. Ademais, dous deputados de AGE achegáronse ao mediodía á Cidade da Cultura. Deste xeito, as reivindicacións do sector agudízanse e buscan maior visibilización. "Nós non queremos quedar acó, mais queremos un compromiso firme, polo menos de reunión", reclamaron varios membros da Plataforma. Varios voceiros da mesma están a manter conversas telefónicas coa consellaría de Cultura. Dende o departamento dirixido por Jesús Vázquez, aseguran que tal cita se celebrará, porén, non dan unha data fixa. "Din que están chamar ao conselleiro, que non está localizábel", asegura Salvador del Río, un dos membros da plataforma que se comunica coa consellaría. Os manifestantes din que até que dean unha data firme, non abandonarán o Gaiás. E a policía, pola súa banda, presiona para que marchen.

"A Plataforma segue a esperar unha chamada da Consellería de Cultura para que, polo menos, marquen unha cita clara e firme co conselleiro de Cultura e Educación"

Do Salón Teatro ao Parlamento. E do Parlamento á Cidade da Cultura. Este é a viaxe que está a realizar a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais dende que o pasado 28 de xaneiro o colectivo decidise levar a cabo mobilizacións de maior contundencia para visibilizar as súas reivindicacións. Se a principios de mes, os membros da plataforma ocuparon por sorpresa o Salón Teatro e a semana pasada manifestáronse ás portas do Parlamento, hoxe un nutrido grupo do citado colectivo -máis de setenta persoas- decidiu ocupar a sede da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Gaiás. A media mañá presentáronse máis de setenta profesionais do sector nas oficinas do organismo para protestar, máis unha vez, pola actitude da Consellería de Cultura e Educación que, dende o punto de vista dos manifestantes, está a afogar as artes vivas do país. Os membros da Plataforma non teñen intención de abandonar o complexo de Peter Eisenman até que así o decidan en asemblea.

Polo momento, os participantes desta iniciativa están a entregar no rexistro central unha petición oficial para se reunir co conselleiro de Cultura e para que consten as súas reclamacións. E estanno a facer de dous en dous, agardando nunha longa ringleira e ante a atenta mirada de axentes da policía, xa que as medidas de seguridade non o deixan facer doutro xeito. Tamén está presente a presidenta da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz Loroño. Deste xeito, as reivindicacións están a subir de ton e non se descarte que vaian a máis en próximos actos ou directamente hoxe, no propio Gaiás. Será a asemblea a que decida que medidas seguir a partir de agora. Talvez as gañas non faltan para ir máis alá. Probablemente, motivos sobran.

"Desmantelamento da cultura NON". Ese lema é o que resume os motivos dunha Plataforma das Artes Escénicas que, dende que se presentou en sociedade o pasado mes de marzo coincidindo co Día Mundial do Teatro, vén aglutinando un bon número de asociacións profesionais das artes vivas. Escena Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAG), Asociación de Ilusionistas, Asociación Galega de Músicos ao Vivo ou a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia só son algunhas das catorce entidades reunidas nunha Plataforma que representa o malestar e a preocupación dunhas disciplinas artísticas que ollan perigar o seu futuro. Un futuro escuro que podería deixar a moitos profesionais sen emprego e os cidadáns, sen acceso a diferentes manifestacións artísticas. A crise está sendo severa para un gremio que ve con indignación a "paralización" e o "desleixo" dos responsábeis da política cultural do Goberno autonómico.

"A crise está sendo severa para un gremio que ve con indignación a "paralización" e o "desleixo" dos responsábeis da política cultural"

Un desleixo que se manifesta en primeira instancia, segundo os voceiros da Plataforma, na nula disposición ao diálogo do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Certo é que o pasado 12 de febreiro Anxo Lorenzo, na compaña de Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego (CDG), convocou a Plataforma a unha "reunión de traballo". A Plataforma acudiu ao convite, mais saiu decepcionada unha vez máis e asegurou que a actitude seguía a ser de "desleixo". Ademais, o colectivo escénico emitiu un comunicado no que se denunciaba que a Agadic perdería o 45% do seu orzamento e que a Xunta non garantía o futuro de vías de distribución como a Rede de Música ao Vivo.

Un día despois desa reunión, produciuse dunha ruptura aínda máis evidente das vías de comunicación. Ese novo síntoma da falta de sintonía tivo lugar en sede parlamentaria, cando Jesús Vázquez respondeu unha pregunta sobre a situación das redes de distribución a instancias da deputada do BNG Ana Pontón. A ollos dos profesionais do sector, Vázquez eludiu a cuestión e marchou sen esclarecer ante o pleno ningunha medida ao respecto. Tal situación encirrou os ánimos de varios representantes da plataforma, que acabaron expulsados pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, quen empregou xa o novo regulamento de control de acceso do público ás sesións. Producíase, deste xeito, unha nova mostra das dificultades de diálogo entre a administración e o sector.

A distribución e Agadic

Alén de denunciar actitudes e xestións, a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais queren esixir con actos como a toma da Agadic unha serie de medidas que garantan a estabilidade do sector. Unha delas e a máis reclamada nos últimos tempos é a elaboración dun plan estratéxico. “Máis alá de recortes e de diñeiro, queremos que se marquen obxectivos, que haxa prioridades claras. Non hai un plan nin estratexia”, denunciou en máis dunha ocasión Salvador del Río, presidente de Escena Galega e un dos habituais voceiros do colectivo. Nese senso, as artes escénicas queren que se tracexen unhas liñas mestras cara ao futuro, unha sorte de plan semellante ao que se foi marcando na época do bipartito, mais adaptado as circunstancias actuais. E, por suposto, elaborado tendo en conta as opinións do sector.

"As artes escénicas queren que se tracexen unhas liñas mestras cara ao futuro, unha sorte de plan semellante ao que se foi marcando na época do bipartito"

Unha esixencia e, probabelmente unha das máis prioritarias, é a posta en marcha inmediata das redes de distribución como a Rede de Música ao Vivo e a Rede de Teatros e Auditorios. A tal hora, rozando xa o final de febreiro, as redes están sen convocar para este ano e no sector respírase a preocupación de que teñan a mesma sorte que outras iniciativas institucionais que foron caendo no esquecemento nos últimos tempos. Batallas xa perdidas nese senso foron a programación Camiños de Cultura ou a Feira das Artes Escéncias, cuxa última edición realizouse de forma descafeinada en 2011 e que no 2012 xa nin se cheirou.

Sobre as redes de distribución, a Consellería de Cultura e Educación asegurou a pasada semana, contestando a preguntas de Sermos Galiza, que se está a agardar polos Orzamentos da Xunta para este ano, cuxa lei será aprobada no parlamento a final deste mes. Aseguran as fontes do d



epartamento de Jesús Vázquez que se está traballando nesta dirección e que a Rede de Teatros e Auditorios funcionará este ano. Porén, segundo a Plataforma das Artes Escénicas, a consellería non garante a continuidade nin da Rede de Salas nin da Rede de Salas de Música ao vivo.


Outra cuestión que está na axenda básica dos colectivos aglutinados na Plataforma pasa por encher o baleiro que se respira na Agadic. O organismo está descabezado dende o pasado outubro, momento en que Juan Carlos Fasero liscou da súa dirección para ocupar un cargo máis tranquilo na SGAE de Antón Reixa. Dende a súa marcha, non hai cabezas visíbeis de Industrias Culturais e, polo tanto, o sector perdeu ao seu interlocutor natural. Catro meses de sede vacante parece demasiado. Por estes motivos e outros, polo “desmantelamento da cultura” que denuncian, a Plataforma das Artes Escénicas e Musicais ocupan hoxe a sede da Agadic nunha escalada das súas reivindicacións e protestas que buscan visibilizar ante a sociedade e diante dos responsábeis da política cultural a situación que atravesan un sector que, en palabras do actor Morris, está a loitar “contra a súa morte invisible”.

Quen teña memoria lembrará que esta non é a primeira vez que os profesionais das artes escénicas empregan a Agadic como epicentro das súas protestas. A primeira vez que se chantaron na axencia foi a comezos de 2011. Naquel momento reclamábase os pagamentos dos bolos pendentes, moitas facturas que se atrasaban de todo o segundo semestre do ano anterior. Os atrasos estaban a afogar as compañías. Dous anos despois, regresan a Agadic, agora situada no Gaiás. Todo parece un déja vu, todo semella moi parecido. As mesmas sensacións, protestas semellantes... Todo igual. Agás por unha diferenza: todo parece ir a peor





As artes escénicas piden a dimisión de Vázquez e Lorenzo polo 'desmantelamento' da cultura
http://praza.com/cultura/3629/as-artes-escenicas-piden-a-dimision-de-vazquez-e-lorenzo-polo-desmantelamento-da-cultura/?utm_source=dlvr.it&utm_medium=facebook


Hai unhas semanas, naquela famosa asemblea improvisada ás portas do Salón Teatro -pola negativa da Consellaría a ceder o uso deste espazo público- Antonio Durán Morris afirmaba que “hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa". O sector das artes escénicas propúxose dar a coñecer a situación límíte e denunciar a falta de resposta por parte da Xunta. E vaia que o fixo: dende entón realizou -por fin- a anunciada asemblea no Salón Teatro ocupándoo ao remate dunha representación, deixou oír a súa voz no Parlamento e este luns pola noite tentou realizar un peche na sede de AGADIC, no Gaiás. O peche foi finalmente desaloxado pola policía pero esta mañá os traballadores e traballadoras do teatro, da músíca, do círco ou da danza de Galícía expuxeron as súas reivindicacións ás portas da institución e anunciaron novas mobilizacións.

As reivindicacións son as mesmas que levan xa meses repetindo, co agravante do paso do tempo e de que dende o Goberno galego séguese sen achegar unha solución. A Plataforma Galega das Artes Escénicas denuncia que o sector está paralizado e en vías de desmantelamento pola paralización das catro principais redes de distribución: rede galega de teatros, rede galega de música ao vivo, rede galega de salas e Camiños da Cultura. Sen elas non hai espectáculos escénicos na meirande parte de Galicia e sen elas non hai traballo para os centos de persoas que fixeron destas artes a súa profesión. E o que debera estar aprobado hai xa moitos meses aínda nin se albisca. Está habendo movementos porque ás salas se lles está dicindo dende a Xunta que vai haber espectáculos, pero non din nin cando nin con que orzamentos se van abrir.

O pasado martes de Entroido a Consellaría citou a algúns dos representantes do sector -non a todos- e nesa reunión non houbo resposta ás demandas da Plataforma: "Todo se fiaba á aprobación dos orzamentos e ao nomeamento sen data do novo director de AGADIC. A falta de Orzamentos non é excusa e tampouco o é que nos digan que non hai director", di Salvador del Río que denuncia tamén o atraso dun ano nos pagamentos: "Non se pode traballar con esta incerteza. Estamos traballando sen saber cando imos cobrar". Outros integrantes da Plataforma engaden que Feijoo "mentiu dicindo que Galicia non tiña débeda. Se cadra non a ten cos mercados pero si que a ten con nós cos seus usuarios e clientes".

A Plataforma denuncia que na base deste desmantelamento do sector das artes escénicas galegas está a procura "dun cambio de modelo para a cultura en Galicia". A Consellaría estaría promovendo "un novo modelo para atender os grandes fastos e os grandes mausoleos en vez de potencíar a cultura que se fai día a día ou de potencíar as bibliotecas de cada localidade". E conclúen: "pedimos un plan, o mesmo que se fixo un plan estratéxico para o Gaiás. Solicitamos que non se hipoteque a cultura nas rúas e nas cidades".

A Plataforma das Artes Escénicas e Musicais volverá concentrarse este xoves con motivo da celebración da cerimonia de entrega dos Premios á Cultura Galega que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia. O colectivo está convocando a unha concentración na rotonda de acceso ao mausoleo do Gaiás ás seis da tarde.





Artistas gallegos reclaman a Cultura un plan estratégico para las artes escénicas
http://www.farodevigo.es/sociedad-cultura/2013/02/20/artistas-gallegos-reclaman-cultura-plan-estrategico-artes-escenicas/760619.html


















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal