>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Novos camiños para o vello folk galego - La Voz de Galicia
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 4 / 11 / 12 )





A forza da música galega navega polo temporal da crise. Dixo Antón Vilar Ponte: «Interésanos máis un coro galego en Madrid que un deputado en Cortes por Galicia». «Tal foi a dedución feita por tan egrexio persoeiro a respecto do coro pontevedrés Aires d'a Terra, de grande sona a comezos do século XX. Tendo en conta que o propio Ponte era representante político galego en Madrid, maxinemos qué pensaría calquera daqueles devanceiros galeguistas ao respecto da brillante realidade que a nosa música folk está vivindo case cen anos despois daquel período». Isto escribían no ano 2000 Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada no libro Crónica do folk galego. 25 anos de historia (TrisTram).


Unha ducia de anos despois, a situación parece outra e ata cambiou o nome: «Universalmente é música celta e aquí parece que se vai impoñendo o de música de raíz, que é máis ampla, porque, por exemplo, para os norteamericanos si falas de folk entenden que son cantautores», explica Roi Maceda, que forma parte do grupo Quempallou e traballa para a discográfica Zouma. Quempallou é unha das formacións que editou disco este ano: Vellas Novas é o seu título. Ademais actuaron en festivais como o de Pardiñas, Lorient, Brincadeira (Cambre) ou Ponte da Barca (Portugal).


Neste outono tamén Uxía Senlle publicaba disco, Andando a terra. Uxía canta a Manuel María, un traballo no que, como indica o título, canta os poemas do escritor da Terra Chá. É a maneira que ten Uxía de celebrar os seus máis de 25 anos no mundo da música, unha traxectoria que vai seguir esta liña xa que ten teño en proxecto «pór música a poemas de Saramago ou Pessoa».


Triple «Sons da lubre»


O grupo máis activo dos últimos anos está sendo Luar na Lubre, e por varios motivos: en xaneiro incorporou a súa nova voz feminina, Paula Rey; en xuño presentaba novo disco, Mar Maior (Warner España). Logo veu a xira de presentación que Bieito Romero resumía nestes datos, antes dos concertos desta semana en Palencia ou no Festival Irish Fleed de Cáceres: «Once semanas nas listas dos discos máis vendidos, 22 concertos, os catro primeiros enchendo durante catro días seguidos no Círculo de Belas Artes de Madrid. En total, máis de 40.000 asistentes». E para a próxima semana máis novidades: «Sairá outro disco, Sons da lubre nas noites de luar, un recompilatorio con tres cedés e un DVD do concerto que fixemos o 31 de xullo na praza da Quintana, en Santiago, diante de 6.000 persoas». Con todo isto, e datos como os 30 concertos do ano pasado con motivo dos 25 anos do grupo, Bieito Romero explica que Luar na Lubre tivo que reinventarse: «Agora somos empresa, estamos casi autofinanciándonos porque esta é unha música de militancia, ninguén contrata folk en Galicia; facer música é ir contracorrente».


Na mesma liña sitúanse dous históricos como Mini e Mero: «É duro dicilo, pero o momento actual é máis difícil para a música galega que cando comezamos nós hai case 40 anos». Isto dicían no encontro de música tradicional Terra de Trasancos que organizou o mes pasado o coro Toxos e Froles en Ferrol. Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, insistía esta semana en que iso débese «a moitos factores, como é a depreciación da cultura galega, o autoodio, que non se impulse a cultura desde a Administración, e non falo de subvencións, senón de intencións».


Para Mini e Mero, que teñen recollidas «entre 14.000 e 15.000 cantigas de sempre» que queren que estean a disposición «de todo o mundo na Rede», a cultura «non se pode subvencionar, ten que camiñar por si soa», apunta o primeiro, despois de lembrar que Irmandiños é o último disco destes dous músicos, e o seu grupo A Quenlla, premiados co Pedrón de Ouro.


Roi Maceda asegura que na música galega «o problema é a visibilidade porque Galicia é moi creativa, estamos a un nivel altísimo, na primeira liña de vangarda; o problema é saber vender todo o que facemos».


Festivais si, pagando


Maceda indica que esta fin de semana ten lugar o Castañazo Rock en Chantada, onde están citados os organizadores de varios festivais galegos. A idea é facer unha fronte común que lles permita saír adiante «compartindo estratexias e medios». «Os festivais de música galega teñen moitos problemas e, polo que me din, algún, como o Irmandiños de Moeche, estivo a piques de suspenderse este ano», explica este músico.


«Moitos festivais subsistiron este ano porque fixeron a programación cos colegas», apunta Montse Rivera, de Leilía. E abre a controvertida cuestión do pagamento: «Non hai cultura de pagar por ver actuar a un grupo galego, porque durante anos a música galega foi gratis». Esta é outra liña de debate para un futuro que, segundo os gaiteiros Bellón e Maceiras, non terá nada que ver con aquel bum nos anos 90. Entenden que un dos cambios é que «estamos acostumados á subvención e agora mesmo o apoio a música é penoso, aínda que este é un problema dunha conciencia social na que se valora máis o que vén de fóra que o noso».


Salienta Bellón «todo o poder musical que ten Galicia» e apunta como están sendo as empresas privadas as que están apoiando as iniciativas musicais. Cita os casos de R ou Estrella de Galicia e asegura que «o único que vive da música é Carlos Núñez», actualmente en xira por Estados Unidos e que «actúa nos clubs de Nova York», anota Maceda, que fala tamén de Cristina Pato, que, «está a un nivel moi alto» e tamén se reinventou.


Bellón está «a favor de que se pague entrada para os festivais, como se fai en tódolos sitios do mundo» e apunta outra novidade: «Susana Seivane, que é moi amiga, fai un formato de trío e así pode viaxar fóra, porque con todo o grupo non se pode».


Montse Rivera distingue entre os organizadores dos festivais e apunta que «as empresas de contratación tamén están caendo ou reducindo persoal». E cita casos como os de Abada ou Nordesía. A portavoz de Leilía, que actuarán o día 15 no Pazo da Cultura de Narón (20.30 horas), salienta que «por un lado está a crise do mundo profesional e logo a cultura base: nunca tiven tanta xente como agora nas clases de baile». O mesmo pasa na escola BellónMaceiras de Fene, onde votou a andar esta semana unha banda «con 40 gaiteiros de todas as idades; é unha cousa que temos comentado moitas veces con Montse, de Leilía, que tamén dá clases: con esta xente o relevo está garantido».






NOVAS RELACIONADAS:



Bellón e Maceiras van a Moscú e Anxo Lorenzo toca en Bélxica
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2012/11/03/bellon-maceiras-van-moscu-anxo-lorenzo-toca-belxica/0003_201211SC3P2992.htm


«Sementar sementarei / loguiño de crarear, / en tanto no povo medre / un meniño, un vello e un cantar». Un clásico que cantaban a finais dos anos setenta Fuxan os Ventos, un dos primeiros grupos galegos de folk. Aquela semente musical ten hoxe froito de xente nova como Dani Bellón e Diego Maceiras, dous gaiteiros que o mesmo imparten unha master class en Moscova que ensinan a tocar a gaita a 40 alumnos en Madrid.


Sobre a situación actual da música galega teñen claro que «a cousa está moi maliña: nós por fóra imos apañando». Na capital de Rusia dan un concerto anual desde hai «catro ou cinco anos e unha master class que pensabamos que non sería nada e apareceron seis ou sete gaiteiros preguntando unhas cousas moi técnicas, de grandes expertos».


Ademais da escola que teñen en Fene, desde hai seis ou sete anos vai cada quince días a Madrid porque ten alí «40 alumnos de gaita», explica Dani Bellón. E non son galegos eses asistentes ás clases, «son xente que escoitou a Berrogüeto ou a Carlos Núñez, gustoulles a gaita e queren aprender».


De francia a bos aires


Francia, Inglaterra ou Bos Aires son outros lugares onde actúan Bellón e Maceiras, «unha media de dez concertos por ano, que agora son menos da metade». Pola capital Arxentina tamén anda estes días outro gaiteiro galego, Budiño.


E desde a discográfica Zouma salientan a proxección internacional do gaiteiro de Moaña Anxo Lorenzo, que «o día 16 deste mes acuará en Bélxica», despois de estar en varios países europeos con concertos como o de Castello de Visconteo, en Italia. Este mes Lorenzo publicará o primeiro tema do seu primeiro disco, que sairá no mes de febreiro do ano que vén.


Tamén Montse Rivera, de Leilía, salienta as actuacións «fóra de Galicia e de España» e a importancia que para iso ten as axudas da Administración galega para a viaxe: «É xenial, porque sen iso é que non serían posibles eses concertos». De todos os xeitos, «non sabemos si dentro de seis meses teremos esa axuda».

















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal