>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Presentación de "DOUS" nos Atardeceres no Gaiás

(ultima actualización: 18 / 7 / 12 )





Xoves 19 de Xullo na Cidade da Cultura (Compostela)
Concerto presentación do novo traballo discográfico de 2uS dentro do ciclo Atardeceres no Gaiás.

2uS preséntase en formato cuarteto: Pablo Carrera (guitarras) e Fernando Abreu (clarinetes) xunto ao contrabaixista Pablo Pérez e o percusionista Marcos Vázquez, nun concerto onde soarán os temas do novo disco que farán viaxar por un universo de sons aos asistentes gozando do solpor dun xeito diferente.






- 2uS -


NOVAS RELACIONADAS:



2uS na beiravía e outras periferias | EL PAÍS
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/09/13/galicia/1347567238_977470.html




Sábese que 2uS son dous, si, pero cales? O clarinetista Fernando Abreu (Cuarteto Caramuxo, Banda Crebinsky, Orquestra Omega) e o guitarrista Pablo Carrera (Doctor Harapos) estrearon dúo hai catro anos cun par de referencias encontradas. Só son sons (2008), publicado por Falcatruada, propoñía un accidental pero exquisito escaparate de tradicións, do leste de Europa a Galicia con escala na outra África. Non só son sons, vertido á Rede polo netlabel do colectivo Alg-a apenas 15 días despois, parecía o seu reverso. Literalmente. Quince intervalos de improvisación e búsqueda radical impugnaban a forma canción e rescataban retallos sonoros concibidos en orixe para o teatro.

Dous, en consecuencia, é o segundo pero é o terceiro ensaio de 2uS, ou sexa de Abreu e Carrera. En réxime de autoedición, aínda que apareza estampado o logo de Nakra na contraportada do CD, con deseño ao cargo de Olalla Fernández, contén 11 cortes. Emparenta con Só son sons, aínda que non esquiva a improvisación —Swingprovisando, de feito, só estaba chamado a ser un exercicio de quecemento no estudio—, pero é distinto. Moito. A torboada amainou, polo que se ve, e 2uS asume de vez e con vagar o seu traballo cos acordes de calquera. A evidencia está na penúltima pista. Sukru apaña a melodía de Agir aydin zeybek e ofrécese no libreto como homenaxe ao autor da peza, o clarinetista turco Sükrü Tunar (1907-1962), e a todos os músicos populares do mundo.

Aquel leste adrenalínico de Jáskala non desaparece, pero deixa paso en Dous a unha cartografía parcialmente diferente. Está Cuba en Madame, que ía para tango e quedou en bolero. Está América no charango de Instrumentos en las paredes. Está o Brasil explícito de Bossanossa. E está África, claro, tamén en Galicia. Todo pasado pola peneira do dúo, que proba nun rexistro máis íntimo, con arrolos como Mateo, e mesmo arrisca no retrouso vocal entrevisto en Abanea. Amodo, sen arroutos como os de Fun-kings ou Stress. Tamén é certo que están máis sós, o que quere dicir menos eléctricos. No primeiro a nómina de colaboradores tiña case unha ducia de nomes. Desta vez, só Marcos Vázquez na batería, Pablo Pérez no contrabaixo e Leandro Deltell na percusión.

Na outra punta do gusto vén de aparecer na Internet —e nos próximos días en vinilo, nunha tiraxe financiada a través de crowdfunding— a secuela de Galician Bizarre. Un recompilatorio de bandas con base ou libro de familia en Galicia que vertebra, para ben e para mal, na estridencia. Irregular por definición, reúne 16 temas. A inmensa maioría en castelán, agás o do trío Wild Balbina, que factura en inglés o seu riot punk de aeroliña federal —vén de publicar en Elefant un single en vinilo azul, Eat Tacos—, e dous proxectos galegófonos: Sr. Anido, no arrinque da colección coa musculosa e motorizada Buraco negro, adianto talvez do que está por facer o autor intelectual do volume, Rafa Anido, e Terbutalina, que reparte Hostias como as do seu recente segundo LP.

O de Mullet é distinto. Non é que en Laioso se cante en galego: é que primeiro comparecen unhas cantareiras ruidistas —pouca broma— e ao final sampléase un dos peores momentos de Xosé Ramón Gayoso en anos e anos e anos de Luar na TVG. O experimento resulta do máis interesante do disco, xunto con Cambia de ciudad, un dos cortes que quedaron fóra do debut de Fantasmage; ou El ogro, outra distopía vintage e nada banal dos coruñeses Mano de Obra. A falta de srasrsra, que está a piques de publicar puchao —non era sen tempo, leva meses anunciado e bloqueado— e que non participa neste segundo Galician Bizarre, aí están os alaridos de Lobishome en La muerte.

Completan a selección Trajano! con Mono, Carrero Bianco con Horse Cum, Tora! Tora! Tora! con Crematorio, QVEK con Tella, me enamoré de ella, Los Televisores con Mona Lisa, Alarido Mongólico con El ataque de los belenes vivientes, Los Thyssen con La bola, Tetra & Freak con Frota Vaginas e Pastillas Mamut, que despide as últimas revolucións do plástico con Fiesta de mierda. Entre a aparente pluralidade de códigos, non deixa de resultar preocupante a recuperación de certos repertorios do pop punk nuevaolero, agora que os oitenta volven ser tendencia nas cifras do desemprego e a guerra en curso parece o que era. Teñan coidado aí fóra.





2US - Dous (2012)
http://www.culturagalega.org/mega/noticia.php?id=21270


Con nome de 2us, Fernando Abreu e Pablo Carrera presentan Dous, un traballo no que fusionan a música popular con sons tan afastados como os africanos, os orientais ou o jazz. Partindo da base de guitarra e clarinete, o traballo segue na liña do seu anterior disco Son só sons e inclúe batería, contrabaixo e percusións nalgúns dos seus 11 temas. Editado baixo selo Nakra, o disco foi gravado e mesturado polo propio Carrera nos estudios Tooma, Pinkroom e Ancestral entre xaneiro de 2011 e maio de 2012.
















COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal