
Detalles de inscripción (data límite: 18 de abril)
Zona da Zanfona 2012 é o VIII Encontro Internacional para zanfonistas en Galicia, onde cada ano, aCentral Folque achega os mellores intérpretes e compositores para amosar a súa arte e impartir cursos prácticos para os especialistas deste instrumento milenario que está a rexurdir cunha forza consolidada nos últimos 10 anos e dos que este encontro é a cita máis importante do ano nesta periferia de Europa. Os mestres convidados deste ano son os franceses Gilles Chabenat e Patrick Bouffard
"Tour à Tour/Volta a Volta", este é o tema para o 2012 na Zona da Zanfona, unha cita que este ano desembarca en Rianxo entre o 20 e o 22 de abril para ofrecer as mellores maneiras sobre este "sintetizador medieval" nunha renovación do instrumento que en Galicia na última década está a experimentar unha evolución sen parangón.
Nos Encontros Internacionais de zanfona que organiza aCentral Folque, maniféstase un xeito de sentir a música e de vivir o espazo sonoro propio. É unha excusa para ouvir música e descubrir as últimas tendencias.
É un concerto pero tamén un curso de 12 horas para traballar repertorio e técnicas modernas impartido por estes dous mestres consagrados da zanfona contemporánea.
Zona da Zanfona ademais pretende ser un espazo para a relación e intercambio de ideas, estilos, melodías, xeitos de facer música, conversas e ilusións compartidas onde a convivencia sublima a preocupación de estar toda unha fin de semana xiranso a roda. Zona da zanfona é unha catarse colectiva no -cada vez menos minoritario- entorno social deste instrumento.
Este Encontro naceu no ano 2005 co apoio do Padroado de Cultura do Concello de Narón e ten desde aquela traido a algúns dos máis senlleiros mestres da zanfona en Europa: Valentín Clastrier, Matthias Loibner, Germán Díaz, Gregory Jolivet, Isabelle Pignol, Marc Egea....
Para este 2012 o Encontro transládase ao corazón da primavera no mar de Arousa e terá a súa sede para a fin de semana do 20 ao 22 de abril en Rianxo.
PROGRAMA
Venres, 20 de abril
Hora: 19:00 Zanfonas á rúa Acción sonora nas rúas do Centro de Rianxo. Será unha presentación sen discursos nen protocolos onde a voz das zanfonas tomarán a pabra para dar notoriedade a este instrumento.
Hora: 21:00 Concerto Tour à Tour Os zanfonistas Gilles Chabenat e Patrick Bouffard xúntanse neste singular proxecto que de tan obvio nunca foi presentado: dous dos mellores zanfonistas do mundo tocando a dúo nun repertorio de composicións baseadas na música tradicional do seu país (centro de Francia) e outras tomadas directamente da tradición executadas coa súa persoal visión e virtuosismo sen parangón.
sábado 21, e domingo 22 de abril
Hora: 10:00 Curso de zanfona Impartido por Patrick Bouffard e Gilles Chabenat e centrado na súas especialidades: repertorio e técnica de vielle à roue de Auvernia e zanfona electroacústica
|