>> Iniciar Sesión  




+     

 


 

Terra da Fraternidade, Festival Tributo a Zeca Afonso
Fonte / Máis información

(ultima actualización: 6 / 4 / 12 )





Un grupo de artistas galegos, co apoio de compañeiros portugueses e brasileiros, farán o 10 de maio no Auditorio de Galiza a súa particular homenaxe ao cantautor portugués Zeca Afonso e a canción Grândola, Vila Morena, himno dunha xeración e dunha revolución.

Esta mañana no parque Zeca Afonso de Santiago presentouse o cartel do festival Terra da Fraternidade, composto por máis de 30 actuacións e 100 artistas que colaboran de forma gratuita nesta homenaxe. Terra da Fraternidade é unha gala colaborativa, multidisciplinar e chea de cariño cara o cantautor portugués.
Na presentación pública estiveron arroupando o proxecto, un dos seus creadores Xoán Quintáns, de Caramuxo, a cantante Uxía, o cantante Xurxo Souto, o pallaso Fran Rei e o deseñador de moda Gonzalo Vázquez.

O 10 de maio de 1972, Zeca Afonso interpretou por primeira vez en público a súa canción Grândola, Vila Morena, no Burgo de Santiago de Compostela. De seguida esta melodía converteuse no símbolo da loita contra a dictadura e do compromiso social dos artistas. Ainda que este 2012 tamén se conmemora o 25 aniversario da morte de Zeca Afonso, este grupo de creadores optou por celebrar o seu valor e a súa arte, máis que o súa desaparición.
“Como dicía Díaz Pardo, Galiza é un soño e para nós Terra da Fraternidade é tamén un soño colectivo. Un acto autoxestionado, que naceu da base e onde están involucrados todos os sectores culturais do pais”, enfatizou Xoán Quintáns.

Máis de 100 artistas, entre músicos, poetas, escritores, actores, cineastas, artistas cincenses ou deseñadores decidiron emprender este proxecto común, vencellados todos eles por un espírito colaborativo e horizontal, o mesmo que Zeca Afonso demostrou durante a súa vida. Non hai empresas polo medio, só xente a título persoal que se suma a causa. Un amigo tras outro amigo.
“A idea facía tempo que a tiñamos, pero foi tomando forma gracias ao aporte de todas as persoas que decidiron colaborar con esta gran festa”, afirma Xoán Quintáns, o creador do festival xunto a Bea Bugalho.
Os artistas aportar o seu talento de forma gratuita, para demostrar que as cousas poden facerse igual de forma autoxestioanda, sen necesidade do aporte de fondos públicos ou privados. Neste festival, a organización só abonará o aluguer do Auditorio, a xestíón das entradas e a impresión do material promocional.
Uxía asegurou que é de xustiza farcelle unha nova homenaxe a Zeca Afonso e amosou a súa ledicia por poder participar activamente nunha actividade coma esta. “Grândola Vila Morena é o himno máis fermoso que se fixo a unha revolución”, engadiu. Uxía destacou o carácter diverso e interxeracional dos artistas que participarán na gala, acompañados polas bandas Utopía e Fura Fura. Tamén terá unha presenza destacada o sobriño de Zeca Afonso, Joao Afonso, encantado de participar nesta celebración.

Os artistas que forman parte do cartel e que donan o seu talento a esta homenaxe son: Quico Cadaval, Banda Utopía, García e Leo, Joao Afonso, Ugía e Fred Martins, Guadi Xabier e Guille Fernández, Tiago Gomes, Ico e Xurxo Souto, Xico de Carinho, Ses e Bocixa, Ze Rui, Trópico de Grelos, Aline Frazao, Fran Pérez, Uxía, Sergio Tannus, Vituco, Adrián Beiroa, Najla Shami, Brais Morán, Chévere, Banda Fura Fura e os 7 Magníficos máis 1… e moitas sorpresas máis.

Ainda que no cartel só figuran os artistas do ámbito da música, hai moitos outros que aportarán o seu talento a festa. Tanto Fran Rei coma Gonzalo Vázquez destacaron a importancia de que a este festival se convidase a disciplinas como o circo, a moda e a literatura, que complementan a homenaxe musical.

“Zeca Afonso dicía que Galicia tamén era a súa patria, pero a verdade é que para moitos galegos a música de Zeca tamén e símbolo da súa patria”, remacou Xurxo Souto, mentras Peter Punk, de Pallasos en Rebeldía, agasallou ao público cunha mostra de globoflexia.

A web www.terradafraternidade.com será a plataforma na que se poidan adquirir as entradas e os produtos de promoción. As entradas teñen un prezo único de 10 euros e pódense adquirir dende hoxe. Tamén editarase un xornal con textos de escritores galegos e portugueses, que poderá descargarse da web ou adquirirse impreso a 1 euro. Os xornais Praza Pública, Sermos Galiza e Diovo colaboran con este proxecto.

A gala, que terá unha duración aproximada de dúas horas, transmitirase en streaming por Internet para que as persoas que non teñan a oportunidade de acudir a festa, poidan presenciala en directo on line. Os organizadores pretenden que sexa un transcurrir de actuación de distintos ámbitos, sen presa, pero sen pausa. Á música folque, sucederalle un poema, para continuar cunha presentación circense, cun pase de moda ou cunha actuación de rock. Os músicos compartirán escenario, misturaranse uns cos outros, compartirán letras, instrumentos e equipo, para facer do 10 de maio do 2012 una gran festa da cultura galega e portuguesa. Unha unión fraternal, como eles cren teríalle gustado ao propio Zeca Afonso.














COMENTARIOS:

 

Opina sobre esta nova








Ver máis novas.

 

 

 

 

 

 

 


 

 





 

Voltar á páxina principal